2 abr 2017

Feliz Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen,autor de  famosos contos infantís, por iso  esta foi a data escollida para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano encárgaselle a un autor que escriba a mensaxe conmemorativa e a un ilustrador que cree a imaxe. Este ano o cartel é de Mikhail Fedorov e as palabras foron cosidas por Sergey Makhotin.
Lede  o texto traducido por Sabela González e admirade:

« Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!»

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India