25 feb 2014

Unha historia real debuxada para as alumnas de 3º de E.S.O.

      Ola!
      Hoxe  xuntámonos no recreo coas rapazas de 3º de E.S.O. que se quixeron achegar á Aula Multimedia durante o seu tempo de lecer.
    As doce mozas , en grupos de tres persoas realizaron unha actividade relacionada co cómic. Ningunha é, nin foi lectora de  banda deseñada e  a actividade que lles propuxen ía encamiñada a que entendesen a estreita relación entre debuxo e texto neste tipo de literatura.
    Aínda nos quedou un  chisco de tempo para falar , moi por enriba, do libro-libre e para ofrecerlles a  miña axuda e o material distintivo do que dispón o club A Quenda do Libro  se están interesadas na liberación dalgún exemplar.
     Despois do traballo, foto de familia:



         Rematamos a reunión co "reparto" de exemplares de MAUS  para a lectura .
        As rapazas de P.C.P.I. disculparon a súa ausencia porque  un exame  lles ocupou o recreo. Xa buscaremos un anaco para  informalas do que se fixo.
         
     Grazas a todas pola vosa colaboración.
     Aburiño!

Reunión de adultos de A quenda do Libro

       Ola!
     Aquí tedes información todos os pais,nais e calquera outra persoa  interesada en asistir ao faladoiro sobre  a lectura de Khaled Hosseini

                                                             

       Aburiño!

24 feb 2014

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O. e P.C.P.I.


      Ola! 
     Só quería lembrarvos isto:



 
       Vémonos rapaces!

18 feb 2014

A historia dun inmigrante ilegal

          Ola amig@s!
       Novo martes, e nova reunión cun nutrido  grupo de alum@s de 1º B de E.S.O. na  Aula Multimedia ( que nesta ocasión si estivo operativa).
       Comezamos presentando o libro que imos ler neste trimestre Abdel de Enrique Páez e puidemos ver un "tráiler " que  nos anticipa o argumento da novela.
      Lemos o comezo do Capítulo Un e tratamos de anticiparnos ao que vai acontecer no relato. Abríronse vías diversas porque hai rapaces moi creativos e con moita imaxinación.
        Estamos ante un caso de inmigración na busca  dun mundo mellor aínda que se perda moito na viaxe.Sóavos? De plena actualidade nestas datas.
        Máis tarde puxéronse no lugar de Abdel segundo o que nos conta no primeiro parágrafo do capítulo inicial e, aquí,  aportaron ideas un tanto  peculiares polo que de imposibles tiñan dado que non consideraban todas as variables que condicionaban a situación. Pero decatáronse axiña.
        Finalmente fixemos grupos que traballarán na  realización de diferentes actividades durante a lectura do libro. Na vindeira reunión,expoñeremos os distintos traballos que nos axudarán a entender mellor a obra de Enrique Páez.
       Velaí tedes aos vinte alumn@s  de 1º B mentres vían as imaxes de Abdel.

       Tamén vos deixo , por se vos apetece velo, un corto animado feito por un  mozo guatemalteco, Carlos Aldana , que resume os primeiros capítulos da novela da que estamos a falar.

         
                               

        Sei que o ides pasar ben lendo e xa me contaredes se vos gustou o final.
      Boas lecturas!
      Aburiño!

16 feb 2014

Reunión do alumnado de 1º B de E.S.O.


11 feb 2014

Cos de 1º A "andamos" polo Sahara

       Ola a tod@s!
       Hoxe ,tivemos a reunión coa rapazada de 1º A de E.S.O. e tras múltiples problemas técnicos e despois de cambiar mesmo de ubicación ,rematamos na  Aula Multimedia pero usando a metodoloxía de toda a vida: mapas, libros e oralidade. Parece que ,dadas as dificultades dos saharauís, os fados quixeron que probásemos a traballar doutro xeito,un pouco máis  parecido a como traballan eles.E aínda así con moitos máis medios e en mellores condicións.

        Como imos ler  Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure probamos a anticiparnos ao que nos agardaba no libro, facer as nosas especulacións. Despois, situamos ao Sahara Occidental no mapa do mundo e fixemos un breve percorrido pola súa historia e a súa loita de tantos anos . Posteriormente, procuramos verbalizar as condicións de vida nas que se desenvolven día a día estes homes, mulleres e nenos nun medio tan hostil. Finalmente  lembramos (algúns  non coñecían ningún caso en Chantada, a pesar de ter existido)  a eses rapaces e rapazas que cada verán chegan a diferentes concellos da xeografía galega( e española)  para convivir durante un par de meses con familias que os acollen para posibilitar a  realización de recoñecementos médicos e tratamentos que resultan imposibles de realizar nos campamentos de refuxiados, proporcionarlles un equilibrio nutricional que lles permita recuperar os niveis de nutrientes precisos e  tamén darlles unha saída as duras condicións dos meses de verán nos que as temperaturas poden alcanzar os 50 graos centígrados.
       Para os que estivestes na reunión, déixovos unha fotografía dun campo de refuxiados que podería ser no que vivían Kori e Caramelo , os protagonistas do libro que saborearemos estes días.



       E para tod@s deixo fotografías dos asistentes á reunión.




         Pasou deseguida o tempo do que dispoñíamos e marchamos a outras actividades desexando ter rematado o libro para comentalo.

       Grazas aos vintecatro rapaces e rapazas que encheron a Aula Multimedia ávidos de información.
        Aburiño!!

8 feb 2014

Reunión do alumnado de 1º A de E.S.O

 

7 feb 2014

O que nos gustou de De Profundis

       Ola!
     Como prometera , xa podedes ver as láminas escollidas polo alumnado de 4º de E.S.O. despois de ler o álbum gráfico De Profundis de Miguelanxo Prado. 
      Están no taboleiro do club de lectura coas razóns argumentadas de cada elección.
      Pero , para aqueles asiduos ao blog, velaí vai unha fotografía delas.

       
       Anímovos a que busquedes o libro na biblioteca e fagades a vosa proposta despois de gozar co texto e as imaxes da obra de Prado.
       Aburiño!
      

5 feb 2014

Clase magistral de ilustración

    Ola!
   Onte, martes, 5 de febreiro , na Aula Multimedia do noso instituto tivo lugar unha clase maxistral ( outros din master class porque queda moi moderno) de  debuxo.
    Foi a nosa  amiga  e compañeira Candela López Lemos que é unha fantástica ilustradora, autora das contraportadas da revista  A Nosa Quenda ( revista do equipo de dinamización lingüística do noso centro)  nos dous últimos anos,por exemplo.
      Esta moza autodidacta explicoulles @s de 2º A de E.S.O  como se pode  facer calquera debuxo de maneira dixital.Iso si , ela decántase pola figura humana porque atopa  que non coñece tan ben aos animais como para debuxalos.
       Velaí a temos nun momento sa súa  exposición.
       Ensinounos algúns dos seus traballos e ,para que todos puidésemos quedar abraiados ,debuxouse a si mesma nuns segundiños.
     A rapazada de 2º , que lera cómic no primeiro trimestre do curso ,preguntou o que lle interesou e agradeceu con fortes aplausos as explicacións de Candela.
       Déixovos unha cativa secuencia do seu autorretrato.


        E agora coa fotografía de familia ao final da clase. Esa que imos gardar todos para amosar cando Candela  salte aos medios de comunicación ou gañe algúns premios que a coloquen no máis alto no mundo da ilustración.

       Hai tempo que tiñamos un proxecto conxunto  que, quen sabe?, igual chega a realizarse en calquera momento.Polo pronto, pensa facer algo para o noso Club de Lectura. Xa teredes noticias.

       Quedo agradecida,Candela.En débeda contigo. Eu , e  A Quenda do Libro!
     Un pracer.

3 feb 2014

Cometas en el cielo

       Ola a tod@s!
      Quero lembravos aos pais /nais e calquera persoa interesada en ler Cometas en el cielo de Khaled Hosseini  que temos varios exemplares grazas ao préstamo da Biblioteca do IES Río Cabe de Monforte de Lemos  polo que podedes pasar polo centro a recollelos ou pedilos a través dos voso fill@s.
     Á vosa disposición.
     Aburiño.

2 feb 2014

Aviso para o alumnado de 2º A de E.S.O.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India