29 abr 2014

O único que queda é o amor e o Principiño

       Ola amig@s!
       Novo martes e nova reunión da rapazada de 4º que non estivo tan concorrida
como habitualmente porque o alumnado de P.D.C. saíra a unha actividade complementaria da que non regresou a tempo para asistir.
       Na reunión había rapaces que só leran O Principiño, outros que so leran O único que queda é o amor  e , outros que leran ambos.
       O primeiro calificativo atribuído ás dúas lecturas foi:fantásticas!
       Despois comezamos a analizar cada lectura máis polo miúdo.
      Así, segundo a opinión do alumnado de 4º de E.S.O. , a obra de Saint-Exupery é unha crítica feroz á nosa sociedade. E facían fincapé no de "nosa" dado que é plenamente actual. Cada reflexión, cada expresión do cativo protagonista  é unha lección para a nosa vida. Salientaron os seguintes valores reflectidos ao longo da obra:
       a) O esencial é invisible aos ollos, o que importa non se ve de xeito doado e debemos valorar ás persoas polo que son  e non polo que teñen.
     b) A amistade é un piar básico nas nosas vidas e o raposo aceptaba ser domesticado so para ter un amigo.Pero nós temos amigos non domesticados e hai que  coidalos.
     c) Se nos coñecemos e coñecemos ben aos demáis saberemos a onde poderemos chegar e so esixiremos o que un sexa capaz de alcanzar. Cando o saibamos seremos sabios.
       d) Camiñar sempre en liña recta pode que non nos leve a ningures.Aínda que os humanos sempre dicimos que o camiño máis curto é a liña recta , a rapazada de 4º cre que moitas veces hai que facer curvas, dar pasiños atrás... para avanzar axeitadamente.
      e) Todo o que facemos ten as súas consecuencias...
      Estas e outras moitas ideas xurdiron de O Principiño que , unha vez máis, nos deixou engaiolados.
Un dos libros e puntos de lectura alusivos 
  
    Polo que se refire á colección de relatos da Agustín Fernández Paz comentamos os que máis gustaron e  os motivos.
    A tod@s lles gustou  o primerio, o titulado "Un radiante Silencio". E non me extraña, é precioso.
      Ademáis cada un suxeriu outros títulos: "Amor de Agosto "( relato dun  mecánico namorado da filla do xefe), "Esa extraña lucidez"( que ten coma narrador a pantasma dun can),"Eloxio da filatelia" ( narración cun final que sorprende) ou "Unha foto na rúa" ( no que se aborda unha busca obsesiva).
       Tod@s concordamos que os relatos  , lonxe do que puidera parecer, non son nada cursis. Pola contra, tratan o tema do amor pero dende diferentes ángulos coma ben manifestou unha das rapazas que quedou absolutamente prendada deste libro.
Algúns dos entusiastas lectores de 4º
       Xa sen tempo para máis soou o timbre deixándonos un bo sabor coas lecturas feitas.
       Grazas por vir, por ler.
       Sei que seguiredes gozando co que leades.
       Aburiño!

      

28 abr 2014

Un"Príncipe" para 4º da E.S.O. e P.D.C.

       Ola rapazada!
     Con esta nota quero lembrarvos  a reunión que  teremos  mañá martes, na hora do recreo, na Aula Multimedia para comentar O Principiño de Antoine de Saint -Exupery.
     Vémonos.

23 abr 2014

DÍA DO LIBRO 2014

      Hoxe, 23 de abril de 2014 conmemoramos o Día Internacional do Libro no I.E.S. Lama das Quendas cun evento que tiñamos no noso blogue e no facebook  onde foi moi visitado. O evento en facebook tivo 235 visitas  o que nos enche de satisfacción.
      Hoxe fixemos unha liberación  masiva de libros.É posible que o de "masiva" sexa algo inapropiado porque non logramos un cuantioso número de liberacións. Por que? Despois da xornada, xa temos analizado o resultado e  consideramos  tres razóns principalmente. A primeira porque foi un evento demasiado "pegado" ás vacacións de Semana Santa e aínda hai moito alumnado "readaptándose" á rutina de clases. Outra razón é que  no instituto se celebrou hoxe o Chantadas´s got talent   no que  actuaban moitísimos alumn@s e a esa empresa adicaron os seus esforzos dado que o resto dos compañeiros os ían ver ,e , xa por último , unha das razóns que considero máis determinantes é que  a actividade, en definitiva, consiste en regalar libros e isto non é tan fácil ,non hai  moitas persoas que estén dispostas.
     Pero, voltando ao evento, tivemos unhas rapazas que nos axudaron a rexistrar os libros que outras persoas nos achegaron.
     Velaí  tedes a un par delas mentras rexistraban e liberaban distintos libros.



       Houbo  cinco adultos que nos achegaron libros. Algun deles  fíxonos chegar o exemplar dende Coruña ou Ourense, por exemplo. Os outros tróuxoos a rapazada.
       E en total liberáronse 10 libros. Os seguintes títulos:Contra el viento del Norte , Curioso incidente del perro a medianoche, Tan cerca del aire, En castellano no hay problema, Escenarios fantásticos(2) ,La sal de la vida: carta a un amigo, La sonrisa de ClaraCuentos de fantasmas , Los templarios y la mesa de Salomon.
      Podedes velos nestas imaxes :




       Todos estes exemplares e algún máis están na entrada do IES Lama das Quendas, na Zona de Liberación. Xa sabedes que podedes achegarvos ao noso instituto, coller un dos libros, metervos na páxina de bookcrossing, introducir o BCID ( que é coma o pasaporte do libro) para que saibamos en que mans está.  Logo podes leelo, facer un comentario sobre el na mesma páxina e despois liberalo de novo para que recorra o mundo.
        Aquí vos deixo o enlace  Páxina para introducir o BCID do libro atopado en bookcrossing
     
       Sabedes que calquera día é bo para liberar un libro. Se non sabes como facelo, dende A Quenda do Libro , che ofrecemos a nosa colaboración. So tes que achegarte a preguntar cando desexes.
    
      So me queda desexarvos que teñades un bo día na compaña dos libros.
     Aburiño!

Feliz día do Libro!!

BOAS LECTURAS!!



22 abr 2014

Comentando Maus e preparando o Día do Libro

         Ola a tod@s!
       Recén incorporados do periodo vacacional tivemos a reunión do grupo de 3º de E.S.O.  e o P.C.P.I. na que falamos sobre a lectura que nos ocupa ,Maus  de Art Spiegelman. Algúns xa remataron pero outros aínda a están lendo por iso non afondamos nos comentarios xa que queremos que cada un  descubra o que nela hai por si mesmo sen "fastidiarlle" nada.
       Posteriormente preparamos a actividade de mañá que consiste na Liberación Masiva de Libros durante a hora do recreo.
      Tres dos asistentes  ofreceronse a colaborar  intensamente no festexo do Día do Libro e xa estamos desexando que chegue a hora.
        Velaí tedes aos que van ir seguro á Aula Multimedia para axudar.

       Grazas por vir! Que mañá sexa un bo día!
      
       

Mañá é o día sinalado.


21 abr 2014

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O e P.C.P.I.

Ola!
Lémbrovos que  na Aula Multimedia, mañá 22 de abril, ás 11:15 horas,  teremos a reunión de 3º de E.S.O. e P.C.P.I na que comentaremos como van as lecturas e prepararemos a celebración do Día do Libro 2014.
Vémonos.

8 abr 2014

Hoxe todos fomos Abdel

       Ola a tod@s!
       A rapazada de 1º B de E.S.O.  chegou hoxe á Aula Multimedia un chisco famenta e con sabor amargo no padal (en sentido literal e figurado). Pero  axiña matamos a fame e trocamos o amargor pola sensación doce de quen entende o que pasou e está disposto a cambialo.
      A sensación de impotencia ao ver como un rapaz dos seus anos pode pasar por situacións tan duras , tan difíciles e graves era a que traían no peto mais , despois de debullar o contido da lectura, puxéronse as cousas no seu lugar  e xa saíron con outras sensacións.
      O libro de Enrique Páez gustou moito por varias razóns a máis poderosa foi porque durante unhas cantas páxinas non puideron evitar a comparación entre a súa vida e a de Abdel .Desta comparanza saían claramente beneficiados estes nosos rapaces. Pero tamén lles permitiu poñerse no lugar do outro e valorar culturas diferentes, etnias diferentes; analizar os comportamentos pouco axeitados de certos individuos sen escrúpulos que son quen de utilizar a un neno para  o seu beneficio; valorar moi positivamente os efectos da amizade que non entende de raza, relixión, nacionalidade ...
       Cren na súa maioría que  os españois  lle temos certo medo  aos estraños e procuramos evitalos e mesmo desconfiamos deles  aínda que pouco a pouco a diversidade e mestura de  persoas de todo tipo non vai facendo cambiar.
      Falamos  moito e ben e  no aire quedou flotando ese paradoxo  que vai en contra de todo o sentido común dos dezasete alumn@s asistentes: por que Abdel tiña tanto interese en asistir á escola? Cústalles entendelo. Co ben que estamos de vacacións!
       Velaí  algunha das fotos que din quitado.

Unha das rapazas durante a súa intervención
Os asistentes á reunión

       Grazas rapaciñ@s, vémonos á volta das vacacións.
     
       Bo descanso e boas lecturas.

6 abr 2014

O martes faremos de Alicia e Miguel

        Ola amiguiñ@s de 1º B de E.S.O.!
      O vindeiro martes, 8 de abril,  tentaremos entre todos falar  da maneira de conseguir que non  haxa máis rapaces que teñan que pasar por situacións coma a de Abdel  nunca máis.
        Comentaremos a lectura e ... non comeremos flores. Ou si?
       Vémonos.

4 abr 2014

Palabras de Caramelo

       Ola a tod@s!
       Con un pouco de retraso chega a crónica do que a rapazada de 1º A fixo na súa reunión do martes,2 de abril.
       Tocaba comentar Palabras e Caramelo de Gonzalo Moure e o libro sóubolles moito. A expresión máis repetida foi: "é precioso".
     Para que tod@s, os vinte e tres que viñeron ( aínda que tres tiveron que ausentarse) , falasen algo da lectura fixemos un  xogo.En  tiras de papel anotei palabras ou frases do libro  .Os papeis foron repartidos entre os asistentes e así cadaquén  facía o comentario que estimaba oportuno segundo o que  estaba anotado no seu papel , en relación co libro , e logo  de  coller outra lambetada, pasaban o bote de gominolas a outro compañeir@ para que procedese do mesmo xeito.
     Así soubemos , por exemplo, como sería o lugar no que viviría Kori; que de teren que vivir eles nese  lugar o que máis botarían de menos sería o ordenador; que Kori debía estar orgulloso do seu camelo xa que este  lle ensinou moitas cousas boas ;que aínda que nós somos de cultura distinta temos uns valores,como a amizade, semellantes; que  sempre haberá  xente que nos pode axudar ( como a profesora a Kori); que calquera problema pode e debe ser superado e que sempre sempre temos que pensar en positivo e que na vida alguén a quen queremos desaparece físicamente do noso carón  pero  ninguén nos quitará o que vivimos con eles e quedarán para sempre no noso corazón...

       Ademáis,algúns escribiron fermosas  cartas animando a Kori, pero xa volas amosarei outro día.
       De momento aí vos quedan algunhas  fotos da sesión.


Un momento da reunión

   
Foto do grupo que quedou ao final
       Tod@s quedamos satisfeitos.
       Ata a vindeira reunión.
       Aburiño.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India