29 abr 2015

E se fose...

Martes,28 de abril de 2015
Hoxe foi o día da reunión do alumnado de 3º B de E.S.O. Tiñamos que comentar Donde aprenden a volar las gaviotas de Ana Alcolea e comezaron a falar Diego e María que  nos resumiron o argumento  do libro co que xa tiñamos traballado noutras sesións. E despois, comezamos a pensar " e se fose a nosa avoa ou o noso avó  quen, nos anos mozos ,vivira unha historia de amor cun nazi?" Dende esa premisa pasamosa analizar outras hipóteses. E se fose o meu avó un criminal de guerra? E se descubrísemos que foi o noso avó quen matou a García Lorca? 
Tiñamos que estar seguros da certeza desas afirmacións, iso si. As opinións e actuacións que se barallaban entre os rapaces e rapazas eran variadas pero , ao final, quereríano igual.Molestaríanse.Esixirían unha explicación.Doeríalles. Pero un avó é alguén moi importante nas súas vidas, o seu amor polos avós é incondicional.
Creo que se trata dun sentimento recíproco.
Ai! O corazón ten poderosas razóns! 

 

27 abr 2015

Premio ao mestre Agustín

Agustín Fernández Paz, vén de ser distinguido co Premio dos Clubs de Lectura 2015 por ter sido o  escritor máis seleccionado nos Clubs de Lectura de Galiza no 2014.
Modestamente , dende o Club de Lectura A Quenda do Libro contribuímos a ese nomeamento porque , no ano académico anterior, seleccionamos para 2º de E.S.O. Contos por Palabras e para 3º de E.S.O, 1º de P.C.P.I  e 4º de E.S.O. O Único  que queda é o amor.

Parabéns Agustín!!!
Se queredes saber algo máis do asunto, consultade este enlace e teredes cumprida información na páxina das  Bibliotecas Escolares de Galicia
Lembrade que este escritor da Terra Chá ten moito que ler...




Reunión de 3º de E.S.O

 No  noreste de España e no  centro de Noruega pasan  cousas. Moitas cousas.
A Barcelona chega Gurb e a  Trondheim pois... chega Arturo. 
Do que lles pasou, do que pensaron, do que  viviron nas novelas que protagonizan , falaremos o vindeiro martes.Na Aula Multimedia ,3º A ;e na aula de 1º B ,os de 3º B.
Agardámosvos o 28 de abril  ás 11:15 h.

26 abr 2015

E ti ...que farías?

Xuntemos consumo excesivo de alcohol,ganas de divertirse? e alcanzar sona e notoriedade subindo un vídeo á rede. Agreguemos uso inadecuado da tecnoloxía,enamoramento cego, egoísmo e non asunción de responsabilidades, e teremos un cóctel explosivo que pode derivar nunha situación similar á que se nos narra en El Rostro de la Sombra de Alfredo Gómez Cerdá.
O pasado 23 de abril, atopámonos na Biblioteca do I.E.S. alumnos e alumnas ( que neste caso eran de 2º e 3º de E.S.O.), un pai, nais ,profesores e profesoras para festexar o Día do Libro 2015.Esta reunión conxunta, permitiunos  comprobar que a tod@s os asistentes  nos fixo reflexionar a lectura .E  sabemos que a outros moitos  que leron o libro e que, por razóns varias non puideron asistir á xuntanza, tamén. Alí fomos verbalizando o que , pensamos agora, nós fariamos. Pero hai que verse na situación.( Miña nai di: "obligado te veas para que lo creas").
Gustou constatar que a nosa rapazada defende a verdade ante todo.Se ben é certo que,  algún agardaría a que se descubrise no canto de anticipar a verdade, pero non a negaría nin intentaría culpar a outro.Fortes valores posúe esta xente.
Os maiores, os que somos pais, cremos que asumir responsabilidades forma parte da educación dos nosos fillos e traballamos niso, consideramos que protexer non é encubrir, pero... so desexamos non ter que vernos nunca nunha similar.
Comentamos a plena actualidade da trama do libro que, segundo manifestación do propio autor, partiu dunha noticia nun xornal. Nós, o xoves, tamén puidemos ler unha nova dun periódico da comunidade, con data de  novembro do 2014 ,na que se recollen  actos  similares acontecidos  na AP9.
Falando dos personaxes favoritos  e do despreciable comportamento doutros, das falcatruadas que ás veces facemos , e especulando sobre  se, ao final, Nuria chega a enterarse da verdade ou non, chegou o remate do recreo e do noso tempo.
Foi tan agradable a conversa entre o alumnado, pais, nais e profesorado e cremos que é tan importante que dialoguemos e compartamos sensacións, ideas, opinións nun clima tan  relaxado, que pensamos "institucionalizar" a reunión conxunta cada ano  na Semana do Libro, porque paga a pena.

21 abr 2015

Día do Libro 2015

Mural do taboleiro de A Quenda do Libro
O vindeiro 23 de abril, xoves, celebraremos o Día do Libro  cunha reunión conxunta dos membros do Club de Lectura: pais, nais, amigos, alumnado e profesorado.
Lembrade que imos comentar El rostro de la sombra de Alfredo Gómez Cerdá  que relata a acción duns rapaces que graban   co seu móbil algo arriscado e perigoso.E , posteriormente, súbeno a internet porque queren que sexa un vídeo viral.
E que pasa despois? Que desexarían borrar o sucedido porque o que fan ten consecuencias graves. 
Alguén asume responsabilidades? Se o lestes xa o sabedes e se non  aínda estades a tempo de facelo ata o xoves e así  poderedes dar a vosa opinión sobre cada un dos personaxes da novela e os feitos que acontecen.
Tamén podes acompañarnos e escoitar as opinións dos asistentes que  seguro te invitan a facer a lectura!

20 abr 2015

Obradoiro de La Tumba de aurora K

Hoxe foi o día no que fixemos as dúas sesións de animación á lectura baseándonos en  La tumba de Aurora K de Pedro Riera.
A editorial Edebé enviou a Benjamín para traballar este libro que xa comentamos no Club de Lectura.
Falamos do que gustou , do que non, do que quitariamos do libro , do que non eliminariamos de ningunha maneira ,en fin do que pensabamos do libro...
Posteriormente , en 2º B escolleron escenas da novela que representaron por parellas para seren adiviñadas pol@s compañeir@s, escolleron personaxes que tamén  representaron  marcando as súas características máis salientables e  ,por fin, debuxaron obxectos que aparecían na lectura  mentres os compañeir@s trataban de atinar que eran.
E en 2º A,ademais, tras comentar o desenlace  do libro, fixeron , en grupo, unha actividade de reescritura do final da novela  tendo en conta unha serie de variables que condicionaron a posta en escena que representaron @s alumn@s  a continuación.
A rapazada pasouno moi ben e despediu ao animador con aplausos de agradecemento.
Velaí tedes algúns momentos da actividade en 2º a e 2º Bde E.S.O.






 
 











 

17 abr 2015

Animación á Lectura para 2º de E.S.O.


O vindeiro luns, 20 de abril, iniciaremos os actos da Semana do Libro coas sesións de Animación á Lectura ás que asistirán os alumnos e alumnas de 2º de E.S.O.  A e B nas súas respectivas Aulas.
Xa tod@s leron La Tumba de Aurora K de Pedro Riera , xa falamos nas reunións do Club desta fermosa novela da que Gemma Lluc escribiu " Su historia es demasiado importante, pero sobre todo, las reacciones de los personajes, la manera de enfrentarse a los problemas, de superar las frustraciones, de construir una filosofía de vida desde la constancia, el optimismo. Crea un mundo donde el desaliento no tiene lugar, donde el amor y la familia (qué pena que estas palabra estén tan desgastadas) se refuerzan en el día a día porque nunca hay un “ya lo hablaremos después"  ". 
Esta mesma profesora nos aconsella que "non deixemos pasar este libro."
Podes lembrar a súa trama  na voz do propio autor Pedro Riera.


15 abr 2015

Queremos ler poesía!!

Así se  manifestaba a  rapazada de 1º de Bac que pertence ao club.Afirmaban non entender, non saber como meterse nos versos dos diferentes autores.
Faltounos tempo para organizar unha sesión e falar de poesía.
Debatemos a diferencia que hai entre ler poemas porque queres ou telo que facer como traballo de clase.Algún manifestou estar convencido de que moitos compañeiros non len ningún tipo de lectura porque asocian a actividade de  ler con moreas de  datos  sobre os autores. Confunden as cousas.
Propuxemos xeitos de enfrontarse a unha lectura de textos líricos.Puidemos comentar algúns trucos que nos farán gozar máis con eles ao tempo que nos facilita a comprensión dos mesmos.
Establecemos unha separación entre @s poetas que buscan a forma e aqueles/as nos que  prima o contido.E opinaron sobre as súas preferencias.
Ao falar da temática da poesía chegamos a Machado, que é un poeta que eles coñecen por teren traballado.Subliñamos que escribe fantásticas descricións da paisaxe pero proxectando a súa vida nos elementos do arredor.E neste autor atopamos crítica social  así como refráns e proverbios  como sinalamos nalgunhas composicións.
@s asistentes teñen un plan de lecturas para o verán que vai sumando títulos seguindo os consellos doutras persoas.E algunha incorporación será lírica. Son tan organizados que xa teñen plans para o vindeiro curso dentro do noso club ao que asisten ledos porque encaran a literatura dun xeito máis lúdico, sen a responsabilidade do rendemento académico.Len porque queren ler.
Ao fin, co timbre que indicaba o final do tempo de lecer, rematou unha reunión productiva e chea de novos proxectos.

9 abr 2015

O Rosco da nosa lectura

Tras unha semana de vacacións,poucas ganas de comezar coas rutinas  do instituto  pero empezan as clases.E o primeiro día xa quedamos sen recreo! 
Non, non.Estas non foron as reflexións do alumnado de 2º B de E.S.O. que acudiu animoso á cita do club de lectura para comentar No te laves las manos Flanagan de Andreu Martin e Jaume Ribera.
Comezamos completando un rosco do abecedario con  respostas relacionadas co lido na novela. Por parellas, e un grupo de tres, durante quince minutos procuraron atopar a solución ás preguntas que se lles facían.
Se ben o intentaron , non houbo ningún equipo que lograse atinar todas as respostas. So houbo un que se achegou bastante  e acadou 21 respostas correctas co que se proclamou gañador desta actividade. O premio daráselle na vindeira reunión.Pero non agardedes un bote millonario, será algo simbólico.
Máis tarde debatemos sobre o significado da expresión  "lavarse as mans" que aparece no título.
Posteriormente , por turnos foron falando do libro e de si mesm@s.E tiveron a deferencia de compartir connosco cousas moi persoais como as cancións que entonan , ao estilo Juan Anguera, cando están contentos.Por exemplo: calquera de Abraham Mateo para estados de felicidade  ou cantar unha de  Katy Perry cando te invade a tristeza. 
Resultaron curiosas as excusas que declararon ter posto. Así, se van chegan tarde , atrasan o reloxio.E se queren irse pronto a algures, adiántano e amósanllo aos pais.E outra boa é que cando lles piden, por exemplo, que recollan o cuarto , a palabra máxica é "deberes".Se din ter deberes,a orde queda para outro día.
Finalmente falamos das predicións e adiviñadores e  houbo quen se atreveu a inventar o horóscopo dos tauro, que había dous na reunión.Por certo , van ser moi afortunados en todo.
Sen tempo para máis , rematou esta primeira reunión do trimestre co bo sabor de boca.


 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India