26 abr 2015

E ti ...que farías?

Xuntemos consumo excesivo de alcohol,ganas de divertirse? e alcanzar sona e notoriedade subindo un vídeo á rede. Agreguemos uso inadecuado da tecnoloxía,enamoramento cego, egoísmo e non asunción de responsabilidades, e teremos un cóctel explosivo que pode derivar nunha situación similar á que se nos narra en El Rostro de la Sombra de Alfredo Gómez Cerdá.
O pasado 23 de abril, atopámonos na Biblioteca do I.E.S. alumnos e alumnas ( que neste caso eran de 2º e 3º de E.S.O.), un pai, nais ,profesores e profesoras para festexar o Día do Libro 2015.Esta reunión conxunta, permitiunos  comprobar que a tod@s os asistentes  nos fixo reflexionar a lectura .E  sabemos que a outros moitos  que leron o libro e que, por razóns varias non puideron asistir á xuntanza, tamén. Alí fomos verbalizando o que , pensamos agora, nós fariamos. Pero hai que verse na situación.( Miña nai di: "obligado te veas para que lo creas").
Gustou constatar que a nosa rapazada defende a verdade ante todo.Se ben é certo que,  algún agardaría a que se descubrise no canto de anticipar a verdade, pero non a negaría nin intentaría culpar a outro.Fortes valores posúe esta xente.
Os maiores, os que somos pais, cremos que asumir responsabilidades forma parte da educación dos nosos fillos e traballamos niso, consideramos que protexer non é encubrir, pero... so desexamos non ter que vernos nunca nunha similar.
Comentamos a plena actualidade da trama do libro que, segundo manifestación do propio autor, partiu dunha noticia nun xornal. Nós, o xoves, tamén puidemos ler unha nova dun periódico da comunidade, con data de  novembro do 2014 ,na que se recollen  actos  similares acontecidos  na AP9.
Falando dos personaxes favoritos  e do despreciable comportamento doutros, das falcatruadas que ás veces facemos , e especulando sobre  se, ao final, Nuria chega a enterarse da verdade ou non, chegou o remate do recreo e do noso tempo.
Foi tan agradable a conversa entre o alumnado, pais, nais e profesorado e cremos que é tan importante que dialoguemos e compartamos sensacións, ideas, opinións nun clima tan  relaxado, que pensamos "institucionalizar" a reunión conxunta cada ano  na Semana do Libro, porque paga a pena.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India