30 nov 2015

Esquecín olvidar

O pasado martes, tamén o alumnado de 3º A tivo a súa reunión para falar de Engurras de Paco Roca. Nela comezaron identificando ao protagonista cunha cor. Escolleron as cores que eles asocian coa tristeza, a soidade e mesmo a morte: negra, gris,marrón... en todo caso  cor escura.
Gustoulles  o personaxe de Emilio, ao que consideran realista, intelixente , divertido e un bon amigo. Con respecto ao matrimonio que comparte mesa cos protagonistas quedaron conmovidos pola historia de amor desa  entrañable parella.
Os nosos rapaces comprenden a enfermidade do alzhéimer e, algúns , conviven con ela: María ten unha  tía enferma; Tania, unha avoa;José Ángel a bisavoa;aAba,un tío-avó...
Cando lles pedimos que intenten plasmar nun debuxo o que sentiron co libro, deixáronnos  sinxelas imaxes( o tempo era pouco) coma estas: 
 

29 nov 2015

Reunión do alumnado de 2º de Bacharelato

 Os animais rebeláronse contra a tiranía do granxeiro. E que fixeron? Botárono e quedaron eles  mandando na granxa.
Parece que as cousas saian como deben saír.
En toda sociedade hai normas. Na granxa animal  escribíronas  e a derradeira era perfecta:
"Todos os animais somos iguais".
Quen non envexaría unha sociiedade que promete ser tan xusta?
Conversaremos  sobre o que acontece nesta fábula satírica. Faremos una lectura literal e tentaremos  interpretar as situacións vividas polos personaxes que nela aparecen, porque dan para moito.
O martes poñeremos en común o que pensamos e depois, contarémolo aquí.

26 nov 2015

O alzhéimer rouba vidas

O que sorprendeu ao alumnado de 3º B de E.S.O. da lectura de Engurras de Paco Roca foi o esquecemento, a soidade, a dor, a pena, a frustración,a familia, a vellez, a solidariedade...
Segundo se adentraban nas súas páxinas, como lectores da historia e observadores das imaxes debuxadas,  sentíanse, maioritariamente, tristes.Pero tamén houbo quen se notou preocupad@, empátic@, angustiad@, morriñent@, reflectid@...E cadaquén sabía o porqué destes adxectivos.
Resumimos a historia intercalando as opinións que estimaron oportuno achegar e esmigallamos as consecuencias da enfermidade nas persoas  que "sofren o alzhéimer", como  expresou con precisión unha rapaza ao falar da súa avoa que , desgraciadamente, faleceu xa.
Quixemos darlle un final  diferente ao relato e nese momento houbo discusión.Por unha banda estaban @s que se renderon á realidade e engadiron un desenlace no que , sabendo que non cura, devolven  a Emilio á casa da familia para que pase os derradeiros anos cos seus, desexando que morra con  alguén que o quere ao seu carón.Por outra,@s que se moveron no campo da ficción  e  fixeron que Emilio e os seus amig@s compartiran vivenda na cidade; que curase; que a enfermidade non avanzase  con rapidez e durante moito tempo puidese ter certos recordos e houbo quen  seguiu un razonamento moi lóxico e sorprendente: se estas persoas  son como nenos, por que non ensinarlles todo de novo, coma @s cativ@s?
Unha mágoa que a realidade e a ficción, neste caso, non concorden!


25 nov 2015

Pinta o mundo de laranxa!

Hoxe ,25 de novembro é  o  Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste ano a ONU anímanos a realizar  " eventos laranxas" entre o 25 de novembro e o 10 de decembro, data na que se conmemora o Día dos Dereitos Humanos.A actividade consiste en compartir  en facebook e/ou twitter  fotos, mensaxes e/ou vídeos nos que se observe  o noso lugar , o noso vecindario vestido de laranxa.
Segundo un informe da ONU ,  unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual, principalmente po parte dun compañeiro sentimental.Podes ampliar a información nesta  infografía 
Cos nosos comportamentos e actitudes debemos colaborar na consecución dun mundo libre de agresións dun ser humano a outro conxénere.
Dende o noso centro, xa hai anos que estamos traballando nesa dirección  con charlas informativas , en obradoiros do Club de Lectura e  mesmo, hai uns anos, realizando unhas curtametraxes  ideadas polo coordinador da Biblioteca do instituto, gravadas coa colaboración de Televinte  e que protagonizaron  alumn@s que eran do centro.
Seguen sendo actuais e desexamos que esas situacións nunca se den entre nós. A algunhas persoas mesmo lle parecerán "tonterías", actitudes sen importancia , pero "daqueles pos veñen estas lamas". E a única lama boa é a Lama das Quendas!!
Por se queredes  velas de novo deixámosvolas aquí.

22 nov 2015

Reunión do alumnado 3º A e B de E.S.O. e P.M.A.R.

Poderás facelo na reunión que o alumnado do nivel de 3º de ESO terá na Aula Multimedia e de 1º de E.S.O ,porque nos dividiremos en grupo A e B, coma sempre.
Será ás 11:15 h , durante o recreo.
Sería convinte que trouxerades panos porque  alguén xa me contou que  as bágoas corrían polas súas meixelas durante a lectura.
Snif!!


 

19 nov 2015

E do lobo que foi?

Morreu ou non morreu? O alumnado está seguro de que si, que morreu. E logo..., como é que se escoita  á parrula e ó  paxariño discutir no estómago do lobo? A ver? Como? Houbo explicacións varias e ,despois, buscamos finais alternativos ao tempo que comentamos o desenlace que lle dera , no seu día, Sergei Prokofiev.
Escoitamos un anaco do conto na voz de Mon Santiso , coa interpretación da Xove Orquestra de Galicia (XOG) que quedou de fondo mentres falamos acerca do libro en si ,de ser afeccionad@s ou non á banda deseñada e, finalmente ,das ilustracións escollidas  pola rapazada.
As persoas que o desexaron manifestaron as súas preferencias en canto ás viñetas e argumentaron a súa escolla.
Esta foi a mestura que resultou.
Tamén intentamos atopar algunha ensinanza que poderíamos extraer do conto.So houbo un rapaz que se animou a falar dunha,pero mellor  non  a contamos.Non sexa que a aprendades!
Ao son dos intrumentos de vento e percusión ,cada un regresamos ao noso labor cun marcador de lectura artesanal ,co que agasallamos ao alumnado, no peto.

18 nov 2015

Vivenda? Grande e luxosa?

"Entramos" na "Mansión dos Pampín" e descubrimos que nos timaran: os Pampín non resultaron ser unha familia da elite, senón de clase media   e residentes nun piso  un tanto ordinario, como moitos dos que abundan nas nosas vilas e cidades. Despois de facer preguntas para comprobar a lectura da historia.Soubemos que se cumpriran os nosos desexos: non só leron e comprenderon o libro, ademais gustoulles. Fixámonos en varios deseños: a casa herdada, a praza da pequena vila onde residen o alcalde e o contratista de obras, as imaxes que representan a Santiago de Compostela e, por último, na praia onde os protagonistas van pasar as súas vacacións. Os rapaces emitiron xuízos sobre estas imaxes e valoraron positivamente a arquitectura tradicional da praza da vila, o Obradoiro de Santiago, e a paisaxe que rodea a vella casa que herdaron os Pampín. Polo contrario desaprobaron as novas construcións da vila e o modelo urbanístico  de macro edificios en se rie que predomina nasa grandes cidades, e o que é peor, ás veces en zonas que deberían formar parte do patrimonio histórico eríxense serios monumentos ao feísmo en nome do disgusto pola estética e o gusto polo poder do diñeiro. Por suposto, os nosos alumnos prefiren a beleza das praias salvaxes ás costas salvaxemente urbanizadas onde veranean os Pampín.

15 nov 2015

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Se xuntamos un bosque, un neno e un lobo...que sairía de tal mestura? Un conto!! Claro!
Pois un relato fascinante , cheo de fermosísimas imaxes  que sairon da man dun artista como  Miguelanxo Prado, e unha entrañable  peza musical son a combinación perfecta para que o vindeiro martes, a rapazada de 2º de E.S.O. o pase ben na reunión do Club de Lectura.
Será , coma sempre, ás 11:15. Tod@s na Aula multimedia.
Faremos que dure a fascinación do bosque tal como nolo  desexou o debuxante cando visitou Chantada, hai xa uns aniños.(Mirade na foto)

13 nov 2015

Feliz Día das Librerías

Cantos de vós pensastes, algunha vez, que  vos gustaría moitísimo ter unha librería?
Cando eu era cativa, o que máis me gustaba, despois de xogar c@s amig@s, era ler.Onde eu vivía non había librerías.A máis próxima estaba  nunha vila a 15Km .Cada vez que ,co meu pai case sempre, entraba nunha librería sentía que alí era  o lugar no que non me importaría pasar horas e horas. Que gozada poder ler, sen estragar, canto libro estivera ao alcance da miña man!!
De regreso á casa, organizaba con caixas unha especie de andeis nos que colocaba os libros que había na casa( non moitos) e vendíallos (facía que llos vendía) aos meus irmáns e amig@s.
Así pensaba.E así xogabamos daquela.
Cando me preguntaban que quería ser de maior, eu respondía que ou perruqueira, ou ter unha librería.Nada que ver unha profesión coa outra.Ou si? O caso é que  tamén rematei adicándome a algo relacionado coas"cabezas".
En calquera caso, teño pasadas moitísimas horas da miña vida en librerías nos lugares nos que vivo ou visito. Agardo pasar moitas máis e desexo que vós tamén gocedes da maxia que nelas se respira.Hoxe e sempre.
 

12 nov 2015

Somos da aldea

       E ben orgullosos que nos sentimos!!
      Pero os protagonistas da nosa lectura, a familia Pampín, parece que nada da aldea lles resulta atractivo.
      Estes Pampín teñen unha idea ben equivocada  sobre o que é "calidade de vida", pensan os nosos rapaces e rapazas.
      Miguelanxo Prado, en  A Mansión dos Pampín  creou unha familia que, como comentaba a rapazada, xa se vía que era peculiar.Para empezar, nin trataba nin quería á defunta tía,por iso ela deixo o testamento do xeito que quedou. Nós sentenciamos que lles estivo ben.
      Despois tampouco souberon valorar, nin mellorar, a herdanza porque foron un chisco parvos ( ou pode que "un moito") ao deixárense enganar polo alcalde e mailo constructor que son os personaxes máis detestables do libro polas malas artimañas que empregan para conseguir terra na que contruír.Compran a prezos ínfimos enganando aos vendedores que aínda lles están agradecidos. Hai que ser babiolos!!
      Gustoulles o cómic. E del saltamos a outras cousas.
      Metidos na discusión sobre a vivenda que escollerían entre catro que se lles ofrecían, houbo empate entre unha casa tradicional restaurada e outra construída sen moitas pretensións.So un alumno escolleu a casa representativa da arquitectura actual, e ninguén a gran casa contruída según modelos pouco rigorosos. Argumentando na defensa da casa tradicional, houbo un rapaz que esgrimiu razóns tan convincentes que ... creo que nos convenceu totalmente.
      Sobre esa imaxe, tan espallada pola nosa contorna ,de edificacións novas  de dubidosa adecuación ao medio, sobre o  constante abandono das contrucións patrimoniais, e sobre  casas restauradas preto de Chantada,  que recoñeceron como modelo de poñer en valor o que temos para que non desapareza , trataron os últimos comentarios.
      Esta rapazada  está ben contenta ( e eu que me alegro) de vivir nunha aldea ou vila pequena coa calidade de vida da que podemos gozar cada día.Comentouse que quixeran insultar a  alguén dicíndolle que "era  da aldea" e @s asistentes, tod@s a unha , dixeron que para el@s era un piropo que moito lles agradaba.
      Pode que o día de mañá ,calquera destes xoves teña a obriga de tomar decisións que afecten ao noso territorio para mellorar a súa habitabilidade e preservalo.Daquela, tomarán as decisións correctas, se seguen pensando igual.
Estamos en boas mans!!

8 nov 2015

Reunión do alumnado de 1º de E.S.O.

Como che gustaría que fose a túa casa? Gustaríache ter unha mansión como queren os Pampín ? 
Que é unha casa para ti?
Disto e doutras cousas que hai no  libro, tanto en imaxes como en texto,  falaremos o vindeiro martes,10 de novembro.
Será coma sempre , na hora do recreo na Aula Multimedia e na de 1º  de E.S.O.



7 nov 2015

Os nosos libros de outono

Estas son as lecturas dos diferentes grupos de a Quenda do Libro.
Quenqueira que sexas, se che apetece ler algunha podes , despois, asisitir as nosas reunións ( consulta o calendario da marxe dereita do blog ) ou mandarnos a túa opinión seleccionando a pestana do foro  e participando.

6 nov 2015

Adeptos ao cómic

Que son cómics? que cómics coñezo? Que personaxes de cómic podo nomear?    
Todas esas preguntas foron respondidas polas persoas asistentes á reunión do pasado martes na que falamos - e vimos vídeo- dos antecedentes do cómic , das primeiras  tirasde cómic que se coñecen co seu pintoresco personaxe  "o rapaz amarelo" ( the yelow kid)  e o primeiro uso do bocadillo para conter a mensaxe dun personaxe.Acabamos  citando os protagonistas máis sonados.Aínda que lle custou á rapazada , en canto viron as imaxes decatáronse de que eran moitos os coñecidos.
Chamoulles a atención saber o ano de aparición deses personaxes porque algún, de verdade que é ben vello! Claro que nas súas historietas sempre están igual!E se non mirade para  Bart Simpson!
Escollemos a Mafalda, a protagonista de moitos libros que algunha rapaza ten na casa porque lle gustaba ao seu tío,e  tentamos - e logramos-  xuntar as imaxes co texto orixinal de Quino no que a nena amósase preocupada pola humanidade e rebélase contra o mundo que lle deixan os seus maiores.
Presentamos a lectura do trimestre : De Profundis , de Miguelanxo Prado que é un libro que máis que contarnos unha historia ,esperta profundos sentimentos. Dos seus debuxos, do que nos engaiole  deste libro, conversaremos na vindeira reunión.   
Xa fóra de hora , tod@s se dirixían ás súas aulas, pero algunhas persoas aínda fixemos a foto que preside esta entrada.

5 nov 2015

Que non lles gustan os cómics

                                                  

Non podemos crelo, parece que tres destes rapaces só len mangas, aínda que todos coñecen a "Mortadelo e Filemón", "Zipi e Zape", "Spiderman"...Pero non coñecen cómics que desenvolvan historias de amor con belísimos deseños. As parellas de namorados, para eles, son " A bela e a besta", a Cincenta e o príncipe, Luís XVI e Mª Antonieta, Romeo e Xulieta...
       Ao preguntarlles, na reunión do martes, onde situarían a súa propia historia de amor ideal, varios din que preto do mar, nunha vila con pouca xente , onde puidesen ter intimidade, pero non nunha illa...Entón ensinámoslles os deseños de "De profundis": a casa, o mar, os protagonistas... e perciben que se trata dun cómic diferente ao que esperaban.. Acabamos a reunión convidándoos a mergullarse nas súas augas, para que cando volvan á superficie nos traian a imaxe máis impresionante  desta historia no mar e no amor, ou do mar de amor que creou para nós Miguelanxo Prado e, para que eles -con toda seguridade- cambien a súa percepción sobre o mundo do cómic.

4 nov 2015

Propoñemos unha historia tenra


O martes, 27 de outubro,os alumnos/as de 3ºA tiñan curiosidade polo libro que iamos ler, pero queriamos que eles o adiviñasen. Falamos do olvido e dos olvidos, de como unha persoa pode chegar a esquecer unha vida enteira, desa enfermidade chamada Alzhéimer que, para a nosa sorpresa, todos coñecían e tiñan un trato máis ou menos cercano con alguén que a sufría. Ao saber que o libro trataba este tema, adiviñaron rapidamente que se trataba de "Engurras",pois varios viran a película e choraran co drama que esta nos conta. Iso é así, porque falamos de historias cheas de emotividade, porque nos identificamos cos personaxes e sentimos a súa dor, pero tamén podemos percibir a través dos protagonistas o importante que é para estes enfermos recibir amor, amizade, sorrisos...Ao acabar a reunión, todos queremos comezar a ler esta tenra historia e ver as expresivas imaxes que a acompañan.
 

2 nov 2015

Reunión do alumnado de 4º de ESO e PDC


O Vindeiro martes, 3 de novembro o alumnado de 4º de ESO e 4º PDC terán a súa reunión do Club de Lectura.
Propoñerémosvos  a lectura deste trimestre e faredes as vosas suxestións para as dos outros trimestres.
Mais tamén falaremos dunha parella de namorados. Eses que son  envexados por tod@s porque se queren , porque posúen unha casa no mar, porque son artistas... Pero, sempre hai un pero.
Falamos mañá , ás 11:45 na Aula Multimedia e na de 1º de ESO.
  

Valorizar os libros

Rematou a semana adicada a festexar o Día das Bibliotecas Escolares.
Despois de catro días  pechou   o Mercadiño ao que, sobre todo o derradeiro día, chegaron moitos libros de préstamo. 
Dende o Club de Lectura e a Biblioteca  realizamos esta actividade para  favorecer a convivencia e a solidariedade entre as persoas que conforman a nosa comunidade escolar  e ,ao tempo ,fomentar o gusto polos libros.
Cada periodo de lecer  achegabanse rapazas e rapaces que ollaban os exemplares  mentres comentaban con compañeir@s cal lectura lles gustara, cal non, de cal querían  que o autor fixera continuación e , mesmo, cal lles quitou o sono  ao lelo polas noites.
Tamén houbo quen mercou e quen fixo efectivo o seu vale de préstamo e levou para a casa as lecturas elixidas.
Unha experiencia sempre gratificadora na que participaron, traballando activamente , todas as  persoas que compoñen o equipo da Biblioteca e, que, ademais ,son integrantes do Club de Lectura.
Mesmo se interesou pola actividade Televinte que recolleu a noticia deste Mercadiño de Libros  que podedes visionar  a partir do segundo 30.

1 nov 2015

Reencontro de amig@s lector@s

A reunión do pasado mércores na Biblioteca no IES Lama das Quendas resultou tan agradable e productiva coma sempre.
Tod@s fixeron varias lecturas no verán, están a ler agora mesmo e aínda están dispost@s a meterse na vida de  Felícito e Ismael, os dous protagonistas de El Héree Discreto, novela do Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa.
Sempre chegan interesados no que lles imos propoñer e aceptan encantad@s  as suxestións desta mediadora.
Conversamos sobre literatura e  actualidade , marcamos a data e hora da vindeira reunión  e procedemos ao préstamo dos libros que cada asistente quixo levar. Algún a pares!! Que len moito!
E dende aquí, agradecer a asistencia desas nais cos fillos pequenos aos que lles damos entretemento mentres nós falamos.E  o labor silente e constante desas persoas que conseguen traer amig@s ao faladoiro tras escoitalas comentar o que facemos. E aqueloutras que informan @s veciños e compañeiros do que lemos e mesmo do que falamos en cada reunión porque , se ben  están moi interesados na actividade, o traballo lles impide asistir ás xuntanzas.Isto fai bo aquilo de que " quen quere pode". Buscan a maneira de poder.
 Grazas!!! Convosco isto é sempre tan doado!!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India