12 nov 2015

Somos da aldea

       E ben orgullosos que nos sentimos!!
      Pero os protagonistas da nosa lectura, a familia Pampín, parece que nada da aldea lles resulta atractivo.
      Estes Pampín teñen unha idea ben equivocada  sobre o que é "calidade de vida", pensan os nosos rapaces e rapazas.
      Miguelanxo Prado, en  A Mansión dos Pampín  creou unha familia que, como comentaba a rapazada, xa se vía que era peculiar.Para empezar, nin trataba nin quería á defunta tía,por iso ela deixo o testamento do xeito que quedou. Nós sentenciamos que lles estivo ben.
      Despois tampouco souberon valorar, nin mellorar, a herdanza porque foron un chisco parvos ( ou pode que "un moito") ao deixárense enganar polo alcalde e mailo constructor que son os personaxes máis detestables do libro polas malas artimañas que empregan para conseguir terra na que contruír.Compran a prezos ínfimos enganando aos vendedores que aínda lles están agradecidos. Hai que ser babiolos!!
      Gustoulles o cómic. E del saltamos a outras cousas.
      Metidos na discusión sobre a vivenda que escollerían entre catro que se lles ofrecían, houbo empate entre unha casa tradicional restaurada e outra construída sen moitas pretensións.So un alumno escolleu a casa representativa da arquitectura actual, e ninguén a gran casa contruída según modelos pouco rigorosos. Argumentando na defensa da casa tradicional, houbo un rapaz que esgrimiu razóns tan convincentes que ... creo que nos convenceu totalmente.
      Sobre esa imaxe, tan espallada pola nosa contorna ,de edificacións novas  de dubidosa adecuación ao medio, sobre o  constante abandono das contrucións patrimoniais, e sobre  casas restauradas preto de Chantada,  que recoñeceron como modelo de poñer en valor o que temos para que non desapareza , trataron os últimos comentarios.
      Esta rapazada  está ben contenta ( e eu que me alegro) de vivir nunha aldea ou vila pequena coa calidade de vida da que podemos gozar cada día.Comentouse que quixeran insultar a  alguén dicíndolle que "era  da aldea" e @s asistentes, tod@s a unha , dixeron que para el@s era un piropo que moito lles agradaba.
      Pode que o día de mañá ,calquera destes xoves teña a obriga de tomar decisións que afecten ao noso territorio para mellorar a súa habitabilidade e preservalo.Daquela, tomarán as decisións correctas, se seguen pensando igual.
Estamos en boas mans!!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India