24 jun 2017

E chegan as vacacións!!!

Xa estamos no verán!! Remataron as clases e as actividades deste club de lectura. Chegou o tempo de descansar, falar, ir á piscina ou á praia, reencontrarse con amig@s e familiares que volven á vila...En definitiva , xa é hora de sentir o relax das vacacións, non credes?
As redes de A Quenda do Libro tamén sofrirán un apagón estival pero antes queremos desexarvos a tod@s o mellor dos veráns, pero iso si, mellor se hai un libro a man...
Felices  vacacións e boas lecturas!!

23 jun 2017

X Xornadas dos clubs de lectura

O pasado sábado, 17 de xuño, tivo lugar en Santiago de Compostela, a X Xornada dos Clubs de Lectura de Galicia. Asistín a ela como coordinadora do noso club e , para que saibades o que aconteceu, relatareivos o que vin, escoitei, lin, sentín...
Ás 9:00h xa estaba recollendo a acreditación e lendo o programa de actividades que, coma sempre, se solapan e impiden que asista a moitas delas ( ata que posúa o don da ubicuidade). Falarei daquelas nas que participei.
Comezaba a xornada coa actuación de Pista Catro que facía un espectáculo circense animando a ler e a vivir moitas vidas  a través dos libros.
A continuación, procedeuse á entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2017 a Miguelanxo Prado que, espontáneo e natural coma sempre, agradeceu o premio e reivindicou a necesidade de que a banda deseñada ocupe o seu oco no eido da cultura dun xeito menos  casual.
Logo falou o conselleiro pero , como estaba como político, dixo o de sempre.
Na actividade inaugural, Óscar López , director e presentador do programa "Página Dos" da TVE impartiu un orixinal obradoiro para axudar a facer un programa piloto sobre libros e lecturas. Nel participaron uns rapaces e rapazas ademais da escritora Ledicia Costa e a booktuber Violeta Moon. Quedounos claro que tod@s @s lector@s  tamén somos quen de prescribir lecturas a outr@s.
Era media mañá cando Inés Miret (consultora especializada en proxectos dixitais de lectura, libro e bibliotecas) iniciou o seu relatorio titulado " Lectores  [des ]conectados. Jóvenes,redes, afinidades y libros". Interesante charla que resumiría nunha das frases que pronunciou:"Internet é unha selva amazónica de conversacións sobre libros, moitas delas invisibles para nós".Fagámolas visibles e axudaranos coas nosas lecturas.
Rematou a xornada da mañá con Mercedes Queixas, secretaria da "Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega"  quen nos explicou e amosou a cantidade de recursos que a páxina web deste grupo contén e que poden axudar aos lecto@s de literatura galega. Fixo fincapé nos fantásticos paseos literarios que se desenvolven, de cando en vez, nalgunhas cidades galegas.(Chantada aínda é vila).
Eran as 14:15:hora de xantar. Desta volta xantamos no parking do Palacio de Congresos e Exposicións tendo que recoller os alimentos en diferentes camións acampados ao arredor. Baixo un sol de xustiza, co termómetro marcando 35º pero cunha sensación térmica de moitos máis , con longuísimas colas de case unha hora decidín que ese mediodía íame alimentar dun anaquiño de empanada e  de "lecturas". (Os meus tiques de comida están case intactos). Moitas outras persoas fixeron o mesmo. De verdade que levo toda esta semana intentando recuperarme do "baixón" dese abafante calor soportado o sábado.
Xa pola tarde, dentro, co aire acondicionado,tras outra actuación de Pista Catro iniciamos un intercambio informal de experiencias  entre @s diferentes profesor@s que asistiamos á actividade. Sempre se aprende escoitando aos demais e mesmo xorden ideas novas durante as conversas.
Ás 17:00 chegou a hora do encontro co autor que neste caso foi César Mallorquí ( autor de Las lágrimas de Shiva, El último caso del señor Luna ou  La isla de Bowen que recomendamos no noso centro). O título da conferencia era "Elogio de la mala literatura". E veu dicir que o importante é que @s adolescentes lean.O que sexa.Que lean. Se a lectura é de calidade, estupendo. Pero se non o é, xa terán tempo de ler boa literatura. Pola contra se non len nada, nunca se achegarán ás grandes obras.Cre que o  importante é que adquiran o hábito. Concordo plenamente.
Unha mágoa que interromperan a súa exposición polo tempo esgotado.
O fin de "festa" correu a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Música galega de calidade para seducir @s presentes moitos dos cales se arrancaron a bailar un pasodobre ou unha xota totalmente desinhibid@s. Fermoso colofón.
Como resumo e impresión persoal:interesante xornada da que volvín satisfeita.Boísima organización (agás o xantar), moreas de actividades interesantes e moit@s escritor@s convidad@s para realizar obradoiros... Pagou a pena investir 13 horas do meu sábado ( dende as 7:30 h que saín da casa ata as 20:30 que regresei) para vivir entre libros, lector@s,escritor@s...Estiven no meu hábitat.
Parabéns á Asesoría de Bibliotecas polo enorme esforzo para organizar este evento.

16 jun 2017

"A literatura é unha mentira aceptada por tod@s"

Tarde de literatura e conversa con Antón Riveiro Coello quen nos ofreceu unha extensa explicación dos elementos da súa novela A ferida do vento  na que cento e pico personaxes reais viven e sofren antes de cicatrizar as feridas e continuar a súa vida.
Antón aclarounos como decidiu escribir sobre unha ilusión, sobre unha perda vivida na adolescencia e como artellou unha historia na que fixo aparecer membros da súa familia e veciños da súa vila (algúns deles afectados polo vento frío que lles entrou na cabeza).
Compartiu cos asistentes, dun xeito pormenorizado, as mentiras que están na novela; o seu xeito de traballar ao contruír as súas obras; as súas ideas arredor da literatura; a importancia que lle atribúe á música ou ao cine nos seus textos; as persoas para as que escribe, es@s lector@s @s que desexa chegar coa súa produción.E sobre todo falounos de Carlos Casares.
Os pais e as nais fixeron apuntamentos sobre a
novela que leran. Así falaron da presenza da cor amarela nela ( quizáis sexa unha das cores preferidas do autor);da indignación que sentiron ao ler que Antón tiña relacións coa alemá ao pouco de morrer Gabriela ( demasiado pronto para esquecer a quen tanto quería ); da escasa participación do avó Rafael ;do aprecio polos Bee Gees e a súa música ( somos maiores!!); do que presta  comprobar na súa novela o ben que describe os sentimentos...
A preguntas d@s lector@s, Riveiro Coello,confesou que sempre escribe coa idea de facer "a mellor novela do mundo". Logo a realidade , pasado o tempo, é que cambiaría  cousas.
Ante a petición de que recomendase algunha outra obra súa para seguir "léndoo", mencionou algunhas e logo citou a que dicía lle dera máis lectores ou a que lle dera máis prestixio.
Rematou o encontro  animando a escribir porque, se ben é certo que para facelo debemos posuír unha disposición xenética, tamén o é que hai moito que practicar e, sobre todo, moito que ler.
Quedamos en débeda con Antón pola súa xenerosidade e cordialidade.
Grazas por vir!!

15 jun 2017

A viaxe da xente da Quenda do Libro

O pasado xoves saímos de viaxe cun grupo de rapazas e rapaces  de diferentes cursos da ESO e Bacharelato.O certo é que decidiramos viaxar no mes de xuño crendo que eran data máis axeitada pola acumulación de actividades extraescolares que se concentran en maio; pero ao final, tampouco foron as datas adecuadas porque se concentraron os exames dado que moita da nosa rapazada viaxaba ( e está agora mesmo alí) a Cork en  Irlanda e outr@s saen mañá de viaxe cultural a Extremadura e Andalucía, e moit@s alumn@s non nos puideron acompañar por terras ourensás.Unha mágoa!

Partimos de Chantada pola mañá e dirixímonos ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. Un mosteiro no medio dunha fermosa paisaxe. A rapazada ía coa información necesaria para fixarse no campanario sobre unha pena exterior, or arcos labrados nos muros, os sarcófagos escavados na mesma roca...
Neste  mosteiro atopamos, hoxe, o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra  con paneis informativos e exposición dos diferentes oficios da contorna.



Despois dirixímonos ao Castro Santomé. Fermosas as vistas dende alí!
E moi interesantes os restos castrexos e romanos que se poden ver. O que máis lles impactou foron as pías que facían de lagares na antigüidade e as espectaculares marmitas de xigante  que se ven no río Loña que vai encaixado no fondo do val.




 
Visitados os arredores, entramos na Cidade das Burgas. Na Praza Maior  collemos o tren turístico que nos levou polo Parque de San Lázaro, Ponte Romana, A Chavasqueira, Muíño da Veiga para chegar a xantar ás pozas de Outariz onde pasamos a tarde a remollo entre risas, bromas, conversas e xogos.
Ás 17:45 iniciabamos o regreso a Chantada coa sensación de ter aproveitado moi ben o día e a ledicia de que todo saíra tal como planearamos para esta rapazada á que debemos felicitar polo seu exquisito comportamento e predisposición a aprender e a súa valoración da actividade.
Fantástico día para tod@s!

13 jun 2017

Reunión do club de lectura de pais/nais e amig@s de A Quenda do Libro

Chegou o día do encontro con Antón Riveiro Coello! Será mañá, mércores 14 de xuño, ás 17.30 h. na Biblioteca do centro.
Nunca fixeramos tan avanzado xuño  a reunión deste grupo de lector@s pero como desexamos  que o escritor nos visite, tivemos que acomodarnos ás súas datas libres , que eran poucas por mor do éxito que está acadando  A ferida do vento.
Estamos desexando falar con el e escoitalo. Para nós, lector@s  impenitentes , será todo un pracer.
Na fotografía pódese ver o recuncho que lle adicamos na biblioteca do centro.

7 jun 2017

Celebramos que lemos

Rapazas e rapaces dende 1º de ESO ata 1º de Bacharelato déronse cita o pasado martes  no Salón de Actos para festexar que rematamos un ano de lecturas.
E mentres daban boa conta dos petiscos que tiñamos facían grupos para convivir intercambiando comentarios , bromas e conversas o que resultou moi agradable.
Mellor mirade algunhas fotografías e xa vos facedes unha idea de como o pasamos.



4 jun 2017

Festa final do Club de Lectura

Festaaaaa!
Sabedes que na semana próxima se vai a rapazada de 4º de Viaxe de fin de estudios de E.S.O. ,e moito alumnado dos diferentes cursos da E.S.O. e 1º de Bacharelato  parten para Cork para mellorar as habilidades no idioma de Shakespeare, así que nesta semana rematamos coas actividades do club , no que se refire aos alumnas e alumnos.
As dúas que nos quedan son a festa de fin de curso, o este martes, 6 de xuño ; e a viaxe do xoves, 8.
Mirade o cartel e se vos apetecen uns petiscos e unhas risas na compañía doutr@s lector@s, vide ao Salón de Actos durante o recreo do martes.
Agardámosvos!!

Engaiolad@s pola narrativa de Carlos Casares

A  tod@s nos encantou O sol do verán. Cremos que é unha fantástica obra literaria na que , con recordos que van e veñen, que se meten uns dentro dos outros, e empregando unha grande técnica narrativa se nos conta unha historia que se a contaramos nós resultaría propia dun folletín.
Gustaronnos varias cousas. Por exemplo, a maneira de describir o escenario, idílico e sensual, no que os nenos e mozos Carlos e Helena gozaron da súa infancia e adolescencia. É unha especie de paraíso terreal no que seguen vivindo como adultos.
Destacamos o hábil xeito de facernos revivir a época da nosa infancia tan chea de sentimentos e aprendizaxes grazas ás lembranzas dunha muller á que lle dá palabras e vida un escritor ourensán.
 E que dicir de como armou a psicoloxía dos personaxes? As reaccións  destes ante os acontecementos  vividos poñen de manifesto a comprensión do ser humano, a serenidade e aceptación sen berros, sen reaccións violentas e desmedidas.
En fin, a lectura desta novela  póstuma de Casares foi unha actividade gratificante, tenra e fluída; desenvolveuse como o curso de auga que trancorre por distintos tramos vitales e remata, trala gran fervenza  que foi a lectura das cartas que gardaba a nai de Helena, na fusión coas augas do mar na desembocadura.
O libro comeza coa narración do suicidio de Carlos. Desde o principio sabemos o que sucedeu ao máis puro estilo de Crónica de una muerte anunciada,  pero necesitamos  adentrarmos no relato máis e máis. Na procura de que? Non buscabamos nada, só nos deixamos levar polas palabras dun mestre da narrativa galega. E ben que desfrutamos. Algúns con grande sorpresa porque non leran nada de Carlos Casares fora dos  artigos periodísticos, no seu momento, e o autor resultou todo un descubrimento.
Queda moito del por ler!

1 jun 2017

Reunión do club de lectura do profesorado

Mañá venres,2 de xuño,  na Aula Multimedia , xuntarémonos para falar de O sol do verán, novela póstuma de Carlos Casares, o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2017.
Falaremos das vidas de Helena e Carlos no Abeiro (un verdadeiro paraíso)  de mediados do século pasado.Comentaremos o tráxico final da novela, ou era o tráxico principio?
Daremos as nosas opinións e compartiremos  un agradable tempo de lecer na mellor das compañías: amig@s e lecturas.

 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India