Este primeiro trimestre estamos lendo Snapdragon, unha novela gráfica chea de maxia. Vide comentala á biblio o último venres de cada mes! Vémonos!
29 oct 2025
21 oct 2025
Quentando motores...
As lectoras do grupo Totum revolutum escolleron como primeira lectura o cómic Heartstopper.
Heartstopper foi un éxito desde a súa publicación en Tumblr. Traduciuse a máis de trinta linguas e ata Netflix fixo a súa adaptación a serie. E, o máis importante, cada ano milleiros de adolescentes escollen ler estes cómics.
Con esta lectura, falaremos das historias románticas na literatura e no cine, da vida cotiá nos institutos, na importancia das amizades e de aceptar e querer aos outros polo que son.
1 oct 2025
Volvemos!
Atención, atención!
Comezamos o curso 2025/2026 cunha reunión especial na biblioteca! Informaremos sobre o funcionamento do club e, ao final, poderedes apuntarvos.
Benvid@s á vosa tribo literaria!!
22 jun 2023
Encontro con Manuel Rodríguez Calviño...
Na mañá do luns 19 de xuño no Salón de Actos, charla-encontro con Manuel Rodríguez Calviño sobre o cultivo e traballo tradicional do liño. Actividade feita en colaboración con Os Casares. Mil grazas!
Taller de BD e manga con Simón Blanco...
En colaboración co Departamento de Debuxo, o pasado venres 16 de xuño tivo lugar un taller de BD e manga para o alumnado de 1º ESO no Salón de Actos con Simón Blanco, debuxante e ilustrador e unha das mentes pensantes do Sindicato do Cómic de Ourense.
Nel, e a través de exemplos escollidos, o alumnado tivo a oportunidade de iniciarse en técnicas específicas da linguaxe da BD, grazas ao bo facer didáctico de Simón. Mil grazas compañeiro!
21 jun 2023
Lamañazo Rock: agradecemento!
Dende a organización do Lamañazo Rock, e unha vez pasada case unha semana da celebración do festival na nosa carballeira, queremos facer este comunicado de agradecemento:
1. En primeiro lugar á xente do Castañazo, alma mater deste novo Lamañazo, por motivarnos a comezar con este proxecto, e guiarnos e acompañarnos no proceso.
2. Á directiva do IES Lama das Quendas por facer (burocracia, documentos oficiais e demais) e, sobre todo, deixarnos facer, confiándonos equipamento e instalacións do centro con total liberdade.
3. Á Aula de Debuxo de 4º ESO e o seu profesor José Miguel López Gómez, polo traballazo facendo o logo e o cartaz do festival en tempo récord.
4. Ao profesorado e comunidade educativa, pola axuda e ánimos recibidos, a pesares de ter que faltar a algunhas das súas clases nos intensos días previos ao festival.
5. A todas as bandas coas que contactamos que non puideron vir, por facernos chegar o seu alento e interese para futuras posíbeis edicións.
6. A todas as bandas que puideron arranxar (GRELIMNS, FÁBRICA DE ESPEJOS, PLADÜR e SEARAS) para podermos desfrutar, de xeito completamente desinteresado, da súa maxia ao vivo e cun equipamento mínimo e subterráneo.
7. A Sonia da cafetería do centro e do Nº13, quen nos aconsellou e axudou á hora de organizar a cantina, e traballou no picoteo das bandas participantes.
8. A todas as entidades, asociacións e empresas que, dun xeito ou doutro, axudaron e colaboraron para que este festival collera forma: Protección Civil (seguridade e sabios consellos), Casa da Música de Chantada (equipo de son), Remate Gráfico (camisetas), Calambuco Distribuciones (equipamento para a cantina e bebidas), FICH (amplificadores e sabios consellos) e Asociación Luis Nieves (apoio e difusión mutuos).
9. A Miguel Piñeiro do xornal El Progreso, e Chema Núñez da emisora de radio COPE Lugo, por estar pendentes dende o principio de facerse eco deste festival máis aló destas terras do Asma.
10. E por último, mais non menos importante, a todas as persoas que sacaron un anaco do seu valioso tempo para achegarse na tarde do 15 de xuño e formar parte do que, agardamos, sexa o primeiro de moitos festivais. Ilusión e ganas de traballar non han faltar, de seguro!
Viva O Lamañazo!
20 jun 2023
Premiados do II Torneo de Xadrez...
Foto de premiados e participantes do II Torneo de Xadrez organizado por A Quenda do Libro, xunto co vicedirector do centro Roberto Rodríguez Pérez. Parabéns!


8:55
A quenda do libro





