20 jun 2015

Neste verán...

Aínda non chegou o estío pero parecera pola calor abafante destes días. Certo que ata o domingo non vén o verán  pero xa están aquí as vacacións para os escolares. Esas que  comezades hoxe , e que vos dispensan de asistir ao Lama das Quendas e todo o que iso significa.
Sabedes o que fago sempre que rematan as clases: douvos consellos que algúns tomades e outros deixades. E desta volta, non me vou privar de facer extensibles as recomendacións a tod@s @s integrantes de A Quenda do Libro e tod@s  @s que  cheguedes a ler  estas liñas, adicadas a vós coa mellor das intencións.

                                                    Oito consellos que non son moitos
                                              Neste verán...
 
1.-Ten un libro a man.Goza mergullándote nas súas páxinas.Vive novas vidas en diferentes  lugares e nas épocas máis diversas.Pero le porque che peta, porque queres e che da a gana.

 
 2.- Comparte o tempo de vacacións coas persoas que queres, sexan familiares ou amig@s. E non perdas a ocasión de dicirlles canto amor sentes por eles e o content@ que estás de poder vivir na súa compaña.



3.-Dende que te ergas ata que te deites, sé positiv@ , mira a vida coas gafas do optimismo e traballa para conseguir que ao teu carón reine a felicidade.




4.-Vivimos nunha vila privilexiada pola súa paisaxe tan diversa e fermosa.Síntete en contacto coa natureza  e contribúe ao seu coidado.




 
5.- Fai actividades.Todas as que poidas.E usa todo o que aprendiches neste curso que rematou.Lembra que así pensarás máis e serás unha persoa máis crítica e por tanto máis libre.



6.- Neses momentos de tristura ou problemáticos, que tod@s temos, sería convinte que  escribiras, que plasmaras nun papel como te sentes.Recorda que a escrita axúdache a compartir a carga do corazón.

 7.-Vive con intensidade e fai recolleita das forzas precisas para perseguir os teus soños.



                                                                                   
8.-Sé, no amplo sentido da palabra, unha persoa boa.




 Así te queremos: lector , familiar, amigable , cariñoso,optimista, coidadoso, activo, reflexivo , escritor,vital e bo.

Felices vacacións!!!

18 jun 2015

Valoración da VIII Xornada de Clubs de Lectura

As entradas anteriores reflectiron,sempre dende a miña perspectiva, as actividades e reunións realizadas na VIII Xornada de Clubs de Lectura.Concluído o resumo da mesma, parece que acae unha valoración global. Así que, procedamos.
A cualificación que lle poñería, por falar en termos escolares, é a de sobresaínte. Se ben é certo que teño as miñas preferencias sobre o escoitado e vivido naquel 5 de xuño, tamén direi que o ton xeral estivo nun alto nivel.
Dende a primeira hora da mañá, coas emotivas palabras de Agustín Fernández Paz  , e as tamén emocionantes de Manuel Bragado , ata as derradeiras verbas que  se escoitaron no auditorio que foron as de Celso Emilio Ferreiro  a ritmo de rap con García de Dios ke te  crew  a reunión foi un canto á lectura e unha loa aos lectores .
                             
Polo medio, dous magos da palabra coma César Lorenzo Gil e Miguel Anxo Fernández Fernández   que  marabillaron aos asistentes transmitíndonos   mensaxes  que tiveron a ben compartir connosco.
E , a maiores, entre tantos prestidixitadores da palabra, unha morea de  homes e mulleres que coordinamos os Clubs de Lectura dos diferentes centros  escolares de Galiza  e que tivemos a fantástica ocasión de compartir experiencias  e ideas, unhas veces como relatores e outras como oíntes, pero sempre dende a militancia máis comprometida na defensa da lectura.
É esta convivencia de persoas ben diferentes, de lugares moi distintos e con alumnado tan dispar a que realmente da sentido a xornadas coma esta.Por esta razón é preciso recoñecer o esforzo , o traballo das persoas da Asesoría de Bibliotecas escolares que fixeron posible este evento.Parabéns!
Grazas por  facer que tant@s letraferid@s nos puidésemos encontrar!

17 jun 2015

Novela negra e cine. Materiais de xénero

Miguel Anxo Fernández Fernández  estivo fantástico na conferencia á que tiven o pracer de asistir na VIII Xornada dos Clubs de Lectura.
So lle tiña lido  algunha  crítica de cine  e/ou televisión pero  o seu xeito de contar deixoume coa arela de poñerme a ler  algunha das súas novelas. Será tarefa de verán.
A charla  de Miguel Anxo foi todo un calmante para o meu estado de ánimo,e cónstame que para outras moitas persoas,despois de asistir,dende as 16:15 h ata as 18:00 h, a unha das reunións por eixos temáticos que me deixou un pouco desconcertada porque, para empezar, o suxestivo título da mesma contradicía as manifestacións que realizou a  relatora quen , ademais ,deixou alí  algún comentario  co que non estou en absoluto de acordo.Mais, vaiamos ao que nos ocupa, ao importante.
O conferenciante , mestre, historiador , profesor  na Universidade de Vigo, escritor, crítico de cine e televisión, membro do Consello da Cultura Galega, disertou  sobre a novela negra. Velaí vai un resumo do seu relatorio:
 " Actualmente , a novela negra regresa ao espírito das súas orixes, nos primeiros anos do século XX, cando nace nos Estados Unidos como xénero ao abeiro da importante crise económico-social derivada da Primeira Guerra Mundial e máis o posterior "crak" de 1929. Ao seu desenvolvemento axudou a industria de Hollywood , adaptando aquelas tramas e dando orixe  a un novo  xénero no territorio do drama, o chamado cine negro, tamén thriller, sobre todo desde a produtora Warner Bross. Baixo a coartada de mergullarse no lado escuro da alma humana , os autores comezaron a fixar igualmente  o marco ambiental dunha sociedade de variados matices , consolidándose ao longo do século XX como xénero literario evolucionado desde as novelas de edición sinxela e custe baixo ("pulps") , ata un xénero respectado e respectable , xa plenamente consolidado".
Despois de facer un percorrido polos escritores americanos e europeos que poderían ser considerados os fundadores da novela negra e de reivindicar o papel de Xosé Fernández Ferreiro como autor da primeira novela negra galega,   continuou  a súa  conferencia facendo unha valoración sobre a novela negra na actualidade:"A novela negra actual, mesmo en moitos casos sen renunciar  aos vimbios paródicos ou mitómanos , que gardan unha forte relación co cine, é a canle máis útil para introducir nas intrigas e no suspense , reflexións arredor da sociedade actual e as súas lacras, as máis das veces tirando dun personaxe , entre quixotesco e romántico, que tentará mudar  as cousas en base a uns peculiares códigos de ética e de moral, que , aínda así, non poderá renunciar á violencia , sexa física ou emocional, para o seu fin . O cine actual camiña na mesma dirección .En ambos casos , no cine como na literatura, o xénero negro mudou dun papel secundario, moitas veces infravalorado , cando non desprezado ( no caso da literatura , cualificándoo  como menor ou de consumo...), ata a consideración plena , tanto da crítica como dos lectores e máis dos espectadores".
E rematou  a sesión coa presentación aos asistentes das súas novelas negras protagonizadas polo detective  Frank Soutelo e escritas cunha narrativa cinematográfica que case as converte en guions polo influxo da televisión que tanto contemplou dende neno.
Grazas, Miguel Anxo Fernández Fernández!

16 jun 2015

Os libros e a mediación da lectura en Galicia. Unha historia de amor

César Lorenzo Gil foi o invitado que cerrrou a sesión da mañá na  VIII Xornada dos Clubs de Lectura celebrada o venres, 5 de xuño, en Compostela.
O tema da  conferencia deste xornalista que dirixe a revista dixital Biosbardia  foi o que vedes reflexado no título.
Da súa boca sairon  interesantes comentarios propios e doutras persoas que teñen moito que dicir nesto dos libros e as lecturas.
El mesmo resumiu así a súa conferencia: "Cómpre valorar a situación actual sen alarmismos,falarmos da lectura dun xeito o máis afastado posible do marketing.Qué se le , por qué se le, qué lecturas se difunden a cáles pasan desapercibidas.
A lectura é unha historia de amor, un encontro entre unha persoa e un obxecto capaz de acender a imaxinación só a través da tinta, papel e algo de pegamento  e fío.Esa relación simple, as máis das  veces natural e franca,é a chave dunha forma de ver a vida.É algo máis ca unha afección ou unha vía de coñecemento.A lectura literaria márcanos , deixa unha pegada imborrable. Non so hai feridas de amor, tamén hai feridas de letra, como ben saben os cataláns, que até inventaron unha palabra para nos definir: letraferits".
Case nada! 
Xa tedes para reflexionar unha miguiña porque vos coñezo e sei que estades vivindo continuas historias de amor ...cos libros. 

15 jun 2015

Clubs e Comunidade Educativa


O I.E.S Lama das Quendas de Chantada, estivo presente nesta VIII Xornada  dos Clubs de Lectura porque fun invitada a  falar de Clubs e Comunidade Educativa dentro do título xeral da xornada, que lembramos era Os Clubs na construción da sociedade lectora.
O meu relatorio versou sobre as diferentes actividades que promoven hábitos  lectores e involucran a diferentes membros da Comunidade Educativa.
Con moitos nervios e pouco tempo, dei comezo á miña intervención facendo un repaso pola , aínda breve, historia de A Quenda do Libro e mencionado aos moitos integrantes do Club  que pertencen a sectores diferentes da comunidade educativa e de fóra dela.
Expliquei que os nosos obxectivos son compartir lecturas, promover a imaxe  positiva do hábito lector, dinamizar a biblioteca do centro,e transformar o acto de ler, individual e íntimo , en algo  social nun espazo de convivencia e amizade.
Falamos do xeito no que temos artelladas as reunións e de que queremos que ler sexa contaxioso, queremos que  o contacto duns lectores cos outros provoque o desexo de gozar un anaco entre as páxinas dun libro.
E para iso  deseñamos unha serie de actividades lúdicas e creativas que contribúen a incentivar  a súa curiosidade , o seu sentido crítico e o gusto por ler.
As actividades, que son moitas pero todas realizadas nestes tres anos de andaina,  están agrupadas por temática. Podédelas ver na presentación que vai abaixo, que foi a que fixen no Auditorio da Escola Galega de Administración Pública de Compostela onde se celebraba o evento. Aínda houbo algunhas , das que non teño nin fotografía,  que me esquecín de mentar pola premura de tempo da que vos falei ao comezo.
O que si destaquei é a interesante convivencia entre grupos distintos do club e a reunión conxunta de todas as secións que fixemos o Día do Libro.
Como advertín aos asistentes ao comezar o relatorio, eu fixen un cóctel de actividades a diferenza dos meus compañeiros que falaron so dunha cada un. Quizáis nós, tamén llelo dixen, nun futuro tamén nos especialicemos, pero aínda non sabemos moi ben en que.
Aquí podedes ver , reunido, o que vimos facendo cada semana no club as mediadoras, neste curso empezou a colaborar connosco Paz Fernández, e os moitos membros  que o conforman.
          
Grazas por estar connosco e por ser como sodes.
Este traballo vai adicado a vós,todos e cada un dos que estades no Club facendo que a nosa sociedade sexa máis lectora.

14 jun 2015

Os Clubs na construción da sociedade lectora.

A segunda actividade da VIII Xornada dos Clubs de Lectura foi a Mesa de experiencias que tiña  como lema Os Clubs na contrución da Sociedade Lectora  valorando o papel que os clubs de lectura teñen, contribuíndo a estender os hábitos de lectura entre os diferentes membros da comunidade educativa.
Nesta mesa  estaba presente o noso Club, A quenda do Libro,representado pola que escribe esta entrada.Ídesme desculpar por non ter moitas lembranzas  do que os meus compañeiros  dixeron por razóns obvias e tampouco teño fotografías propias polo que tomarei prestadas as que o público asistente tomou. Aínda así farei un resumo do que lembro.
Tomou a palabra José María Lores, do IES San Paio ( Tui) para falar de Lecturas Públicas e dunha interesante selección de textos que este profesor ten no  Blog do Club de Lectura A pedra do acordo . Interesante experiencia na os rapaces e rapazas fan lecturas públicas a maiores, a nenos de infantil, a compañeiros do centro escolar.Tamén contou que participan activamente en Tui Lee .En definitiva levan a lectura polos camiños da vida cotiá.
 
A continuación , María Sánchez, do IES de Allariz  , falou sobre Clubs que crean vínculos  aportando  a súa experiencia sobre as tertulias literarias que organizan en colaboración co concello de  Allariz e con Radio Allariz ,o que fai que lles resulte máis atractiva esta actividade aos participantes.Se queredes consultar o seu Blog podedes facelo en allarlibros.

E para finalizar esta sesión, tocoume a min falar.Sen ánimo de presunción nin fachenda ,dareivos conta detallada do que falei  e de como foi a miña ponencia porque vós fostes @s protagonistas.
Pero iso será na seguinte entrada.

13 jun 2015

Agustín Fernández Paz ,Premio dos Clubs de Lectura 2015

As VIII  Xornada dos Clubs de Lectura de Galicia comezaron o pasado 5 de xuño coa inauguración oficial do evento por parte do Subdirector Xeral de Centros,Don José Manuel Pinal Rodríguez.
A continuación ,estaba programada a entrega do Premio  dos Clubs de Lectura 2015 ao mestre Agustín Fernández Paz, quen, por desgraza, non puido estar presente aínda que estivo connosco a través dun vídeo.
 As súas palabras ,sempre atinadas, déronnos forza aos asistentes para seguir con este labor comezado a prol da lectura para formar persoas con capacidade para pensar.Seguiremos sendo o que Fernández Paz denominou " sementadores de futuro"
No seu nome recolleu o premio,unha  escultura realizada por Cuqui Piñeiro,   Manuel Bragado, director de Xerais e amigo do  homenaxeado.

Por se queredes escoitar e ver ao mestre déixovos o vídeo que agradecemos a Ler en Man Común.       
     
                          
En posteriores entradas iremos dando conta das diferentes actividades que se realizaron ao longo do día. 

8 jun 2015

Ler, falar, comer [repetir]

Eran as 11:15 h do martes, 2 de xuño. Era a hora do recreo cando comezaron a entrar no Salón de Actos, onde tiñamos preparadas as mesas con comida ,as rapazas e rapaces dos diferentes cursos dende 1º de E.S.O. ata 1º de Bacharelato.
Se  houbo , polo menos, 130 persoas que algún día participaron nas actividades do Club, poucas foron as que non visitaron , nun momento ou outro do recreo ,ao resto de compañeir@s  e ao tempo picaron algo,  riron un anaco ou  , simplemente, gozaron na compaña  duns e outros.

Esta festa  final da lectura, que vimos celebrando cada ano, non é unha manifestación de alegría porque rematamos as actividades do Club de Lectura, mais ben ao contrario, é unha  demostración da dita de ter compartido durante todo un curso una afección : a de ler. E ademais sentirnos orgullos@s de ter alguén para conversar sobre esas lecturas que fixemos.
Na festa houbo ledicia, diversión, confianza, satisfacción, optimismo, agradecemento, emoción... e un desexo compartido de volver atoparnos no vindeiro curso coa mesma motivación.
Ata daquela, que teñades moi boas lecturas!
E  repetide a serie do título, pero nalgún momento insertade :durmir.

2 jun 2015

Argumento simple.Técnica perfecta

Quizás non precisaramos máis explicacións porque o título da entrada recolle a opinión unánime do profesorado sobre a novela de Vargas Llosa El Héroe discreto. 
Mais podemos engadir algunha outra pincelada das que se manifestaron na reunión do pasado xoves, 28 de maio.Por exemplo, a historia non enganchou coma noutras ocasións , parecia máis un folletín que unha novela dun nobel. Trátase dunha historia simple pero que engancha, que ten un final bonito aínda que algunha compañeira esperaba máis( incluso agardaba  que houbera "sangue" ) porque rexulta bastante previsible.
E se falamos da construcción da novela, da seductora linguaxe empregada opinamos que Vargas LLosa quixo facer unha exhibición e logrouno.Quixo demostrar que domina a técnica narrativa e conseguiuno. A historia é unha distracción para amosar as súas cualidades como escritor.
Entre algún comentario sobre as historias que se narran,sobre os personaxes que están nesta novela  e aparecen noutras do mesmo autor , sobre a liberdade que lle da ao autor ter un prestixo que lle permite  escribir o que quere , e sobre  todo o que  cadaquén  quixo comunicar, demos por rematada a reunión ao tempo que rematamos a bica que trouxo un compañeiro.
Quedamos citados para o vindeiro curso para poñernos ao día co que leamos no verán e para propoñer as novas lecturas do Club.
Coma sempre , un pracer compañeir@s!

1 jun 2015

Este martes non lemos

Non non leremos, teremos unha sesión conxunta de todo o Club de Lectura  para facer o que sempre facemos os galegos cando queremos celebrar algo: unha festa!!
Xa sabedes que a do ano pasado foi sonada.Pois esta será mellor!
Estaremos relacionándonos nun ambiente de camaradería e alegría.
E cando nos vexamos tod@s xunt@s darémonos conta de que somos moitos e bos!
Vémonos o martes!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India