17 jun 2015

Novela negra e cine. Materiais de xénero

Miguel Anxo Fernández Fernández  estivo fantástico na conferencia á que tiven o pracer de asistir na VIII Xornada dos Clubs de Lectura.
So lle tiña lido  algunha  crítica de cine  e/ou televisión pero  o seu xeito de contar deixoume coa arela de poñerme a ler  algunha das súas novelas. Será tarefa de verán.
A charla  de Miguel Anxo foi todo un calmante para o meu estado de ánimo,e cónstame que para outras moitas persoas,despois de asistir,dende as 16:15 h ata as 18:00 h, a unha das reunións por eixos temáticos que me deixou un pouco desconcertada porque, para empezar, o suxestivo título da mesma contradicía as manifestacións que realizou a  relatora quen , ademais ,deixou alí  algún comentario  co que non estou en absoluto de acordo.Mais, vaiamos ao que nos ocupa, ao importante.
O conferenciante , mestre, historiador , profesor  na Universidade de Vigo, escritor, crítico de cine e televisión, membro do Consello da Cultura Galega, disertou  sobre a novela negra. Velaí vai un resumo do seu relatorio:
 " Actualmente , a novela negra regresa ao espírito das súas orixes, nos primeiros anos do século XX, cando nace nos Estados Unidos como xénero ao abeiro da importante crise económico-social derivada da Primeira Guerra Mundial e máis o posterior "crak" de 1929. Ao seu desenvolvemento axudou a industria de Hollywood , adaptando aquelas tramas e dando orixe  a un novo  xénero no territorio do drama, o chamado cine negro, tamén thriller, sobre todo desde a produtora Warner Bross. Baixo a coartada de mergullarse no lado escuro da alma humana , os autores comezaron a fixar igualmente  o marco ambiental dunha sociedade de variados matices , consolidándose ao longo do século XX como xénero literario evolucionado desde as novelas de edición sinxela e custe baixo ("pulps") , ata un xénero respectado e respectable , xa plenamente consolidado".
Despois de facer un percorrido polos escritores americanos e europeos que poderían ser considerados os fundadores da novela negra e de reivindicar o papel de Xosé Fernández Ferreiro como autor da primeira novela negra galega,   continuou  a súa  conferencia facendo unha valoración sobre a novela negra na actualidade:"A novela negra actual, mesmo en moitos casos sen renunciar  aos vimbios paródicos ou mitómanos , que gardan unha forte relación co cine, é a canle máis útil para introducir nas intrigas e no suspense , reflexións arredor da sociedade actual e as súas lacras, as máis das veces tirando dun personaxe , entre quixotesco e romántico, que tentará mudar  as cousas en base a uns peculiares códigos de ética e de moral, que , aínda así, non poderá renunciar á violencia , sexa física ou emocional, para o seu fin . O cine actual camiña na mesma dirección .En ambos casos , no cine como na literatura, o xénero negro mudou dun papel secundario, moitas veces infravalorado , cando non desprezado ( no caso da literatura , cualificándoo  como menor ou de consumo...), ata a consideración plena , tanto da crítica como dos lectores e máis dos espectadores".
E rematou  a sesión coa presentación aos asistentes das súas novelas negras protagonizadas polo detective  Frank Soutelo e escritas cunha narrativa cinematográfica que case as converte en guions polo influxo da televisión que tanto contemplou dende neno.
Grazas, Miguel Anxo Fernández Fernández!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India