27 feb 2015

Á terceira vai a vencida

Na xuntanza do pasado mércores,  cos pais e nais que se achegaron á Biblioteca do centro, falamos de La Ladrona de Libros .
Foi a primeira vez ,no tempo de andaina deste club, que  o libro provocou sensacións ben diferentes n@s lector@s (feito fantástico porque na diferencia, no contraste está a riqueza).
Principiaremos por resumir con brevidade o comentado na reunión.
Do que primeiro falamos foi da narradora da historia.Algunhas persoas comezamos a novela e ,segundo avanzabamos nas páxinas, ibámonos sentindo un pouco desacougados ao decatarnos de que quen nos falaba era a morte.E, tal como continuou o relato ata o final, quedamos coa idea  de que a morte está sempre presente, ao noso carón para levarnos cando toque .E por  Liesel foi tres veces.
Continuamos esmiuzando os personaxes que aparecen no libro salientando o que máis nos gustaba de cada un, pero sen poder escoller un por riba dos demais. Gustounos Liesel   e sentimos compaixón por ela por perder ao seu irmán, polas dificultades de adaptarse a unha nova familia de acollida e , perdida esta, aínda debeu ser salvada por unha terceira. Aínda así , o seu final foi pleno.( Ou eso imaxinamos nós.A nós pareceunos ben).
De calquera outro personaxe podemos sinalar algo.Así , espertou en nós moita tenrura Rudy coa súa adoración por Jesse Owens e a insistencia en lograr un bico da súa amiga.E que dicir da sensibilidade  de Hans? E do bo corazón ,baixo a capa de dureza, de Rosa? E da capacidade de pensar e facer reflexionar de Max? E da melancolía  de Ilsa?
O dito, non fomos quen de escoller @ que máis nos gustou.
Do sitio onde transcorren os feitos da novela  quixemos remarcar que é un lugar tranquilo, pequeno, cuns veciños que se axudan,discuten, protexen, rifan... Todo isto nun ambiente bélico ,pero o que a obra reflicte é como vive a guerra a xente de a pé, os que non están de acordo con Hitler e a súa xente aínda que soporten todo sen rebelarse dun xeito manifesto porque o único que queren é vivir...
Todos pensamos que compría destacar que os nenos da novela de Markus Zusak pensan por eles mesmos, son autónomos e colaboran nos traballos cotiás das familias dun xeito responsable. Neste punto xurdiu un debate sobre a idoneidade ou non desta novela como lectura para @s nos@s fill@s adolescentes e os valores e a interpretación que eles farían da mesma.
Comentamos tamén que o amor pola lectura e polas palabras e a  forza  de ambas como remedio é un contido transversal ao longo do libro.
Concluíndo, a novela de Markus Zusak gustounos á maioría d@s lector@s que gozamos dun tempo de paz, de humanidade, de esperanza mentres a líamos; mais, pola contra, a outras persoas non logrou atrapalas ben  porque a dureza do narrado  as incomodabas ou, tamén se dixo, polo formato que mesturaba  reflexións e debuxos que as sacaban da lectura.

23 feb 2015

Reunión dos pais,nais e amigos da Quenda do Libro

O vindeiro mércores,25 de febreiro xuntarémonos na Biblioteca do I.E.S. ás 17:15 horas para falar sobre La Ladrona de Libros de Markus Zusak.
Lembramos que calquera que teña lido esta novela pode vir para facernos partícipes das súas opinións, recibirémosvos con grande cordialidade e gozaremos xuntos desta fermosa novela da que, ademáis , temos versión cinematográfica.
E se alguén está interesado en lela, non ten máis que acudir á nosa Biblioteca, onde dispoñemos de varios exemplares.
Ata mércores!

Cambio da data de reunión da rapazada de 3º de E.S.O.



Por mor doutras actividades que se pensan realizar este martes para honrar a figura de Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento,vémonos na obriga de modificar o calendario de reunións do noso Club de Lectura.Así, 3º de E.S.O non terá reunión este martes,24 de febreiro,  senón o vindeiro martes 3 de marzo.

Grazas por avisar.

22 feb 2015

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

No día de Rosalía, 24 de febreiro, a rapazada de 3º de E.S.O. celebrará a súa reunión do club.
Será , coma sempre, ás 11:15, na Aula Multimedia e na Aula de 1º A de E.S.O. porque traballaremos en dous grupos.
Uns rirán cun extraterrestre que chegou á terra e non entende moi ben aos humanos , e outros viaxarán con Arturo ata Noruega para practicar o inglés.
Non sabemos cal dos dous protagonistas o pasaría mellor, pero si sabemos que  nós gozamos coas historias de ambos.
Vémonos!

13 feb 2015

Que vai ler a rapazada de 4º?

    Cando a rapazada   de 4º rematou coa lectura da novela de Green ,as mediadoras levamos un par de  propostas que non valeron porque xa foran lidas, así que animámolos a que el@s  debateran e elixiran títul. E fixérono.
Queren ler ¡Buenos días Princesa!
Encantounos que el@s buscaran o libro que lles gustaría ler e , aínda que nós non o lemos, sabemos que está protagonizado por adolescentes nos que @s nos@s alumn@s se ven reflectidos.
Gozaremos coas súas páxinas neste entroido e nos días vindeiros.
Na Biblioteca  non tiñamos ningún exemplar  pero mercáronse, así que podedes pasar para levalos prestados.
Que vos preste a lectura!
                                     

Amor,amor...

Dende a derradeira entrada relacionada coa rapazada de 4º de E.S.O tivemos outras tres reunións, pero sempre para falar de Bajo la misma estrella de John Green.Estas mozas están absolutamente fascinadas pola novela.
Ao falar  dos personaxes principais prefiren a Gus.Gus é encantador, fantástico, maravilloso, irónico,pronuncia frases verdadeiramente incribles, emprega metáforas que enriquecen a novela.
Tamén lles gusta Hazel e a súa maneira de levar o cancro, aínda que se non fose por Gus... 
Ah, si, tamén salientan a afición común pola lectura ,por calquera lectura,porque ademáis de ser un nexo que  une aos dous xóvenes e que lles facilita ter tema de conversa, é unha especie de liberación que lles permite saír da realidade da vida diaria.
Entre os secundarios elixen a Van Houten , o autor de Un dolor imperial que é a novela que ten enganchada a Hazel na historia de Jhon Green.Din que este personaxe, ao principio,  gusta por ser o autor que Hazel sente que a  "entende" absolutamente. Máis tarde resulta odioso cando trata de xeito tan pouco educado aos xoves que o visitan en Ámsterdam e , finalmente volve ser querido porque se entenden as razóns da súa actitude.
O final foi sorprendente,non foi tal como o agardaban.A algunhas , por iso lles gustou máis.
A nosa rapazada , por sorte!, non coñece a ningún adolescente que teña cancro e analizan como actuarían no suposto de que algún amig@ padecese a enfermidade. 
Reflexionaron sobre a brevidade da vida, da necesidade do amor e a amizade e, sobrer todo, din ter chorado e chorado cunha emoción que as ivadía segundo avanzaban na lectura.
As que viron a película opinaron sobre ela  en relación coa novela, e ...calquera tarde quedarán para chorar tod@s xuntas.

12 feb 2015

Da Paz ao Amor!

Se a semana pasada rematabamos as actividades para conmemorar o Día Escolar da Paz,nesta comezamos co Amor.
O vindeiro 14 de febreiro é San Valentín e  dende a Biblioteca do centro e dende o Club de Lectura temos unhas actividades programadas nas que agardamos nos premiedes coa vosa participación.
Facede cartas de amor ou tuits de amor e presentádevos ao concurso convocado pola Biblioteca e o Equipo de Dinamización lingüística ou/e escribide ou copiade poemas de amor e  contribuíde a encher as paredes do instituto deso, de AMOR.
No caso do alumnado de 4º de E.S.O . seguiremos falando do amor que move a aos personaxes de Bajo la misma estrella. Daremos por rematado o faladoiro deste libro.

6 feb 2015

O que precisamos é amor!

Polo menos é o que se desprende da enquisa que fixemos no I.E.S Lama das Quendas como outra actividade para conmemorar o Día da Non Violencia Escolar e a Paz.
A comunidade educativa tivo toda unha semana para escoller o valor que consideraba máis necesario para que a Paz fose real e efectiva no centro, nas nosas casas, no mundo... E hoxe,  un grupo de alumnas do Club de lectura recolleu os valores  que ninguén colleu para poder facer o cómputo.
Foron elixidos 231 valores.Poucos, se é que o fixo algún, pais, nais e profesor@s participaron porque o viron como algo máis axeitado á rapazada. De aí que valoremos moi positivamente a implicación do alumnado.
Como podedes apreciar na gráfica, aquí cremos que o amor é o motor que move ao mundo e que fai moita falla a todos os niveis.Copiando o título da novela de Fernández Paz, o único que nos queda ,para sermos unha sociedade pacífica, é o amor. Tamén precisamos moito respecto e dignidade.
A continuación quedaron valores como esperanza, xustiza, alegría, sorrisos, amizade, ilusión e  fraternidade.
Finalmente, o que semella que posúamos  de xeito máis abondoso é o afecto, a tolerancia e a xenerosidade porque o alumnado non os botou moito de menos.
Agora que xa sabemos as nosas carencias so resta traballar arreo na procura de solucións.

4 feb 2015

O boi é de onde pace

O aforo da Aula Multimedia estaba cheo coas cerca de corenta persoas que  acodimos para falar da novela de Pedro Riera  La tumba de Aurora K.
O pouco tempo do que dispoñíamos deu para moito comentar, debater e  pensar.
Para comezar polos principios detivémonos na portada.Á maioría pareceulles "sosa" e non lles daba moitos ánimos para comezar a lectura.E  o título, antes de ler a novela, uns entendérono en sentido literal  mentres outros pensabamos que tiña un sentido figurado, algo ocorría no libro que era como o fin, a morte de Aurora K que criamos era a  protagonista retratada na fotografía.
A historia,que  é narrada por Anna ao longo de 35 capítulos, comeza  unha noite na que non pode durmir porque os acontecementos téñena insomne. Ningún capítulo ten título, o que gusta á rapazada de 2º porque  prefire enfrontarse ás situacións sen que  se lles dean pistas sobre o contido.
A trama desenvólvese a partir dunha guerra nun país inventado que foi obxecto de pescudas en internet por confirmar a súa existencia ou non. De calquera xeito creen que de existir a República de Turenia estaría en Bielorrusia,Os Alpes, Rusía,Austria, na Europa Central...Poder ser reflexo de calquera guerra das que tiveron lugar nos Balcáns. 
Cren que a fuxida da guerra e chegada a USA se debe a que tiñan familia alí ou a que querían alongarse o máis posible do foco do conflito.
Xorde o problema dos nenos adoptados como  Stefan que pretende desvelar se Aurora K era a súa nai biolóxica ou non. Debatemos sobre que causas poderían xustificar un abandono e cales nunca serían un motivo suficiente. Tocoulles tomar partido e opinar sobre se eles buscarían á súa familia biolóxica ou non e as razóns.Opinan que o boi non é de onde nace, é de onde pace ; así que a súa familia sería quen @s criara.
No caso da novela , Stefan descubre que os seus pais eran uns criminais de guerra e iso non modifica o que pensa nin a súa maneira de actuar. A rapazada valorou esa actitude, cren que el nunca será culpable nin debe sentir vergoña polo que non fixo, foron outros os intransixentes e criminais e eles deberon pagar e pagaron.Obviamente a historia tería cambiado se as probas de ADN  demostrasen que aurora K non tiña nada que ver coa familia de Anna.Pero a  realidade foi outra dentro da novela.
E por rematar de falar da novela, temos a un grupo de persoas decididas a escribirlle ao autor  porque queren saber , necesitan aclarar moitas cousas. 
Xa vos contaremos se o fan .

2 feb 2015

Faladoiro de La tumba de Aurora K

Onde cres que está Turenia? Existe realmente?Que lle pasou aos antepasados de Anna? Que lle pasa a Anna na súa vida cotiá? Que mensaxes extraemos do libro?

Estas e moitas outras cuestións  poden ser resoltas na reunión do alumnado de 2º de E.S.O que terá lugar o vindeiro martes, 3 de febreiro na Aula Multimedia.

Ven compartir connosco as túas opinións!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India