30 oct 2013

Reunión de nais e pais

       Hoxe mércores, ás 17:30 horas na Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas tivo lugar a reunión de pais e nais.
       Faltaron varias persoas que tiveron a deferencia de escusar a súa asistencia por razóns persoais importantes  e mesmo por cuestións de traballo. Pero sabemos que están aí e que van ler o libro acordado e que na seguinte reunión non fallarán e que entre elas comentaran as lecturas e establecerase un vínculo importante baseado no interese por mellorar a destreza lectora e aprender algo sobre o mundo e sobre nós mesmos.
       Tivemos a ledicia de contar con outras dúas nais coas que non contabamos e ás que tamén lles demos a benvida.


       Tralos saúdos iniciais ás persoas colaboradoras do curso anterior e ás"novas incorporacións" deste ano realizouse o comentario de lecturas de verán ,e suxeríronse varios títulos que iremos lendo en canto teñamos ocasión.
      Marcamos a seguinte reunión en día e hora consensuadas, fixemos os carnés que faltaban e  puxemos no coñecemento dos asistentes o horario de atención aos usuarios da biblioteca.
      Posteriormente procedemos a sinalar a lectura para este trimestre que será unha obra de George Orwell :A revolta dos animais/Rebelión en la granja. Este título foi escollido porque  trata temas sempre vixentes, e nestes tempos aínda máis.Por outra banda, dado que seremos vinte tantas persoas precisamos ter un abondoso número de exemplares e deste libro dispomos deles.
        Logo, despedímonos e  cada un para a súa casa pensando en  encarar  esta alegoría que  nos fará pensar, pensar e pensar...
       Grazas aos membros do club.Que gocedes coa proposta.
       Boas lecturas!

29 oct 2013

Estes colaboradores son do Club de Lectura

      Aquí tedes o equipo de colaboradores da biblioteca. Son todos do Clube de Lectura





       Ben feitiños e ben dispostos que son!! A partir de hoxe serán habituais, por parellas, na biblioteca e recoñecerédelos porque levan a súa identificación mentres axudan.

       A facelo moi ben!!
        

Reunión de pais /nais/ex-alumnos...

        Ola!
      Mañá mercores,ás 17:30 horas, na Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas  terá lugar a primeira reunión do grupo de lectores que son pais/nais ou mesmo ex-alumnos ou familiares do alumnado do noso instituto.
      Nesta xuntanza , as vinte persoas previamente anotadas e todas as que se queiran sumar,acordaremos día e hora de posteriores reunións, e  concretaremos lecturas.  
      Tamén lles facilitaremos o horario de atención da nosa Biblioteca ,para o servizo de préstamos ,e procederemos a facerlles o carné da mesma a quen aínda non o tivese.
     Se algunha persoa non puidera asistir ,nuns días poderá consultar o título do libro e a data da seguinte reunión  para comentalo entrando na páxina web da biblioteca do centro biblioquendas.blogspot.com  e seleccionando na marxe dereita o logotipo do club de lectura ou directamente neste blogue de A Quenda do Libro.


       Ata mañá.

   

25 oct 2013

Derradeira xornada do Mercadiño de Libros

       Remata a semana e con ela o Mercadiño de Libros que organizamos entre a Biblioteca  e o Club de Lectura do  Lama das Quendas.
       Polo Salón de Actos pasaron unha morea de alumnos que  ían mirar ou facer diversas transaccións.Por ser o último día apuráronse a trocar os vales por libros.
   Afortunados os que foron obsequiados cun vale por algún dos seus compañeiros porque puideron levar para a casa un libro de balde.

      E ditosas desas nais (porque era para as nais) que foron agasalladas cun libro  do  Mercadiño adquirido polos seus fillos. Expresamente para elas.Mesmo eu gocei desa compra porque se achegaban pedindome consello sobre o título axeitado ( entre os que había) para levarlles

       Grazas a tod@s. Aos que trouxeron e levaron libros,aos que traballaron no posto de venda e de préstamo, aos profesores e profesoras que se achegaron a axudar, a ver ... e aos que mercaron.

       Por ser o derradeiro día déixovos con algunha  fotografía de hoxe mesmiño.


   
 


       Por este ano rematou o mercadiño pero o que vén ...VOLTAREMOS!!!



24 oct 2013

Na defensa da escola pública


23 oct 2013

Terceira xornada do Mercadiño

       Hoxe mércores, no Salón de actos do Lama das Quendas proseguiu o mercadiño de libros usados. Segue incrementando o número de volumes na sección de venda/troco e , tamén , e sobre todo, na de préstamos.

        Entre os diferentes títulos sempre hai alguén que atopa o que precisa.

      Aínda que nesta xornada houbo menos afluencia de curiosos por mor da folga de estudantes realizáronse varios trocos e  empréstitos.
       Déixovos coa testemuña do que vos comento.


        Aburiño!!

      

22 oct 2013

2ª Xornada de Mercadiño


       Continuou a actividade do Mercadiño na súa segunda xornada.
       Hoxe, martes, apareceron máis persoas con libros usados tanto para doalos coma para emprestalos e realizáronse varias operacións de cambio e compra de títulos que lles interesaban tanto a profesores coma a outros alumnos.
       Ata o venres podedes colaborar co Club de Lectura no seu Mercadiño de Libros

       Agora vos deixo coa nova de Televinte  que se achegou ao instituto para cubrir a nova e ...  aproveitou para mercar un libriño. Grazas.

     

21 oct 2013

Comezou o Mercadiño de Libros

       Coincidindo coa feira do 21 , comezou o Mercadiño de Libros  no noso instituto.
       Uns entregaron libros que calquera pode levar para a súa casa,outros  trouxeron libros dos que non se queren desfacer pero están dispostos a prestar.
       Hai libros en galego, castelán, inglés e francés. 
      Moitos deles deben ser lidos durante este curso así que, se te achegas polo Salón de Actos en calquera dos recreos desta semana , poderás conseguilos!
       Hoxe prestoume observar a un rapaz que en canto viu un dos libros berrou:" por fin , por fin!! Andaba detrás deste libro e desexaba moitísimo conseguilo! Aínda que so sexa por el paga a pena todo o traballo que se está a desenvolver. 
    Tamén debo sinalar que os colaboradores da biblioteca comezaron a súa tarefa precisamente hoxe axudando na actividade do mercadiño.
       Estabamos tan ocupados que non fixemos fotografías, pero mañá non nos esqueceremos.

       Aburiño!

     
     

16 oct 2013

Nós somos club de lectura


      Hoxe diríxome a tod@s  os que  formades parte do club de lectura A Quenda do Libro  porque acabo de ler un artigo do mexicano Juan Domingo Argüelles que resulta moi interesante pola opinión que manifesta sobre os clubes de lectura.

     Este poeta e ensaísta  pregúntase por que fracasan as campañas de  lectura no seu país e confronta o gasto excusado en publicidade, por exemplo, co barato que resulta animar a ler dende un grupo coma o noso.E ademais os resultados tamén son ben diferentes.

    Podedes ler todo o texto no enlace que vos deixo ¿Por qué fracasan las campañas de lectura?

      Nós , os do club, que nos xuntamos porque queremos compartir "a feliz experiencia de ler"  facemos moito por ser eses lectores entusiastas que "teñen o poder de xerar máis lectores".
       Feita a sementeira so queda agardar á recolleita.
      

15 oct 2013

Achados 16 colaboradores para a nosa Biblioteca


       Ola a tod@s! 
      Xa temos colaboradores,é dicir persoas dispostas a  traballar connosco no coidado e organización da Biblioteca do Lama das Quendas.
    Á Aula Multimedia, no recreo,  achegáronse catorce alumnos e alumnas coas que comentamos as normas.Estiveron de acordo coas propostas da guía,fixeron interesantes cuestións sobre a actividade que van a desenvolver e manifestaron estar dispostos e moi motivados para traballar.
       Velaí os tedes con cara de querer comezar xa!!

       Todos eles, máis outras dúas rapazas que se achegaron á Biblioteca máis tarde, comezarán axudándonos no Mercadiño de libros  que se celebrará do 21 ao 25 de outubro.
     Grazas pola vosa colaboración e vémonos no I.E.S.
      Aburiño!

 


11 oct 2013

Buscamos colaboradores para a biblioteca

       Achégovos unha noticia que poida que vos interese.

       O alumnado que queira responder a esta convocatoria que siga as indicacións que na nova se ofrecen.

       Aburiño.

10 oct 2013

Mercadiño de Libros



O  Club de Lectura do I.E.S. Lama das Quendas, A Quenda do Libro, en colaboración coa Biblioteca do Centro , promove un Mercadiño de libros  que servirá para conmemorar  o Día Internacional das Bibliotecas Escolares ( 24 de outubro ) e , ao tempo, favorecerá a convivencia  e a solidariedade entre as diferentes persoas que conforman a comunidade escolar e o gusto polos libros.
                A actividade  que terá lugar  na semana do 21 ao 25 de outubro ,consiste no seguinte: ata o día 21 de outubro, tanto o alumnado como o profesorado ou calquera outra persoa  relacionada con este centro educativo irá achegando libros que xa non utilicen (en galego , castelán, inglés, francés ou portugués),preferentemente que sexan dos prescritos nas diferentes materias impartidas no Instituto. Precisamos, ademais,  que estean en bo estado.
Os libros poden doarse ou emprestarse. No caso de facer un préstamo o libro volverá ao seu dono  ao remate do curso escolar.
O alumnado  recibirá un vale  por cada obra entregada. Poderá utilizar o seu vale para mercar ou levar en préstamo  tantas obras coma vales teña.
No caso dos adultos, as doazóns serán totalmente desinteresadas.
O Mercadiño celebrarase , durante os días sinalados, na hora do recreo no que alumnado do Club de Lectura atenderá o lugar de venda/troco/préstamo de libros, acompañados por un profesor/a.
 O prezo dos libros en venda  é simbólico e será o mesmo para todos, dous euros ou  un vale de compra, no caso dos estudantes que doaron libros.
O diñeiro recadado  axudará a financiar as actividades do propio Club de Lectura e da Biblioteca.
Dende a Biblioteca do Lama das Quendas á que pertence o noso Club de Lectura, animámosvos a participar neste mercado, tanto doando libros como mercándoos ou emprestándoos.

8 oct 2013

E viñeron os de 3º e 4º de ESO

       Ola amig@s!
      Hoxe, no recreo achegáronse ao Club de lectura os alumnos e alumnas de 3º e 4º de E.S.O. Tamén estaban convocados os de Bacharelato pero ,non sei se por esquecemento ou porque non lles interesa, non apareceu ninguén.
       
       De 3º veu un grupo ben numeroso; e de 4º uns poucos menos pero máis que o curso anterior polo que temos unha sensación ben agradable en canto ao interés do alumnado do Lama das Quendas pola lectura.
       
        Agradezo a asistencia de tod@s. Coñecía o vosa implicación no Clube ( e en todo o que se vos pida).Mais, especialmente ,quero subliñar a presenza de tres  persoas que tras incorporarse este ano ao noso instituto  amosan a súa clara intención de participar intensamente nas actividades programadas.

       Como  xa saían os últimos cando recordei o de facer a foto de rigor pois non teño testemuña gráfica , pero déixovos cunha imaxe ben fermosa e suxerente  debaixo da cal podiamos escribir , parodiando a Gandhi: Non hai camiño para os libros, os libros son o camiño.

       
       Xa me daredes a vosa opinión.
       
       Agora que xa sei con quen conto xa podo empezar a planificar así que iredes tendo noticias.

      Aburiño.

3 oct 2013

Reunión de 3º e 4º de E.S.O. e 1º e 2º de Bacharelato

       Ola amigos!
       Xa vos toca aos maiores do instituto. Agora seredes a rapazada do segundo ciclo da E.S.O. e de Bacharelato a que ten que acodir ao Salón de Actos.
     Se estades interesados no Club de Lectura e nas actividades que pensamos realizar ao longo do curso 2013-14 ven o martes, 8 de outubro na hora do recreo e así poderemos confirmar o número de participantes e recoller as propostas e suxestións para o funcionamento de A Quenda do Libro
       Agardámosvos!
       Déixovos unhas frases para reflexionar:

       Aburiño!

1 oct 2013

Éxito de convocatoria

       Ola amig@s!
       Non creo  pecar de inmodestia  polo título desta entrada xa que 85 rapaces e rapazas e 1º e 2º de E.S.O asistiron á primeira reunión de A Quenda  do Libro neste curso 2013-14.
       Mirádeos.(Aínda que algúns non se ven porque quedan nas beiras ,podédesvos facer unha idea da cantidade de persoas que estabamos no Salón de Actos).

      Foi un verdadeiro gusto ver esta rapazada disposta a traballar coas lecturas dunha maneira lúdica si, pero durante o recreo .É de agradecer.
       Por outro banda, observo que algúns alumnos que o curso anterior non participaban súbense este ano ao noso carro, o que interpreto como sinal de que a actividade vai no bo camiño e lle interesa á máis persoas.
      
      Sodes tantos que debo facer catro grupos convosco.Ireivos informando  das datas de reunión e demais actividades planificadas unha vez remate coas reunións do segundo ciclo da E.S.O. e Bacharelato que quedan por realizar.
       Con tod@s  agardamos pasar bos momentos cada  martes na Aula Multimedia do IES.
       Aburiño!
     

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India