19 jun 2013

Este verán ten un libro a man



         O club de Lectura A Quenda do Libro  e a Biblioteca do IES Lama das Quendas  queremos  ofrecerlle a tod@ comunidade educativa  a posibilidade de  levar tres libros en préstamo para  o verán.
      So tedes que pasar pola biblioteca nesta derradeira semana de curso. Elixir  os tres libros que ti queiras, dar o teu carné  ( ou o nº) da  biblioteca ...
       

         E xa poder ir coas lecturas cara a casa para gozar  dun gran  verán no que ademais de xogar, pasear, durmir,nadar... poderás gozar  con todo  o que un libro che amosa




     Lembra que , en setembro, cando comecemos o curso , na  semana do 23 ao 27 , debes pasar pola biblioteca para devolvelos.

     Feliz verán a todo@s e moi boas lecturas!

18 jun 2013

Por este curso rematamos

       Ola a tod@s!
     Non será esta a derradeira entrada deste 2012-13 ( porque como ben se di o curso remata en setembro) pero isto vai acabando...

     Neste momento de recapitulación quería deixar por escrito algunha cousiña sobre os diferentes grupos do Club:  pais , nais,profes e alumnado.

     Comezamos polos rapaces e rapazas que durante todo o ano un martes tras outro acudiron á Aula multimedia para gozar coas lecturas e coas actividades    realizadas .Grazas a tod@s e agardo que  vos quedara bo sabor de boca e  que aló por setembro -outubro  queirades atoparvos de novo coas propostas do Club de lectura.

     Aos  compañeir@s do IES  agradecervos os anacos  que pasamos xuntos para comentar calquera novela  e os atinados comentarios e diferentes suxestións que en cada reunión aportastes. Ofrecéstesvos a seguir o vindeiro ano e eu tómovos a palabra (e prometo levarvos algo dóce).

      No apartado de pais e nais debo manifestar a miña satisfacción pola boa acollida que entre vós tivo o  proxecto. Na derradeira reunión fostes vós os que con todo entusiasmo dixestes" seguimos para o ano ,non?" Mesmo un grupo de pais e nais  que ,por razóns diversas,  non puidestes vir á xuntanza marcada , pola rúa ou na compra me preguntastes polos "deberes" para o verán. Sodes fantásticos. Pois ben  ,eu estou disposta a continuar con estas reunións para falar das lecturas e do que cuadre , como non podía ser menos.

    Para os profes e para pais e nais quedamos en ler no verán o que cada quen quixera , que na primeira reunión se  comentaría o lido e se proporía  calquera  lectura interesante que atopase. Así que xa sabedes.

     So me resta darvos as GRAZAS  o máis alto e forte que poida pola vosa colaboración.


    Moi boas lecturas!!

     

12 jun 2013

Os de 1º B de ESO crean textos divertidos.



      Ola!
      Derradeiro martes con rapaces  de A Quenda do libro. Onte despedímonos coa rapazada de 1º B de ESO. 
     Algúns  disculparon a súa ausencia por mor  dalgunha proba que tiñan que facer, que estamos a fin de curso,pero os que viñeron  riron a esgalla.


     


Xogamos aos "cadáveres exquisitos" de Rodari e , a verdade, é que houbo quen chorou coa risa. 




         




Aí tedes algunhas fotografías  nas que se ve aos  de 1º B de ESO durante a reunión.







       
         E outra de grupo para remate.  

 

       Xa nos despedimos ata o curso que vén.

            Aburiño. 


10 jun 2013

Reunión do alumnado do club . 1ºB de ESO

          Ola! 

       Mañá martes, como xa sabedes, a rapazada de 1º B de ESO reunirase na Aula Multimedia na derradeira   xuntanza  de rapaces deste curso 2012-13.

      Levaremos  panos por se alguén  solta algunha bágoa. Parécevos?

      Ata mañá.

5 jun 2013

Faladoiro de Dime quién soy

          Ola!!
       Onte, martes 4 de xuño, reunímonos na Aula Multimedia un grupo de profesoras e un profesor para comentar a novela de Julia Navarro titulada Dime quién soy.



       Para empezar, debo dicir que nos gustou a tod@s os que estabamos na reunión( e a un par de compañeiras máis que, por razóns de traballo non podían estar presentes).A lectura resultou amena e interesante.

       Cómpre tamén engadir que partimos da base de que é un superventas no que non podemos atopar ( nin a buscabamos) a calidade  doutras pezas da literatura universal, pero resulta entretido e , pola realidade histórico-social que reflicte ,bastante ilustrativo dunha época española , e tamén  europea, que non queremos que se volva repetir.

       
       Algúns consideramos que á protagonista, Amelia Garayoa, pásalle todo o inimaxinable e sempre sae victoriosa   das peores situacións.

       Algunha pasaxe  resúltanos  dificimente creíble pero ... xa se sabe: falamos de ficción.
       Séguenos asombrando a actuación de tantos espías ,de diferente orixe,no noso país.

         
       Varias compañeiras afirmaron intuir o final xa na metade do libro máis outr@s  tivemos que chegar ao final.

       Cremos  que  na  novela aparecen temas interesantes como a dificultade de encontrar traballo dos novos ( neste caso periodistas), os líos familiares , o movemento obreiro despois da República, as tensións e manipulacións nos partidos políticos...

       Falando, falando chegou o remate da reunión que nos deixou bo sabor de boca.

       Xa quedamos para o novo curso.

       Amig@s foi un verdadeiro pracer compartir convosco estas lecturas.

       Grazas.








4 jun 2013

A visita do Clube a Compostela

       Ola!

       Como prometemos aí vai , en imaxes, o resumo do feito en Compostela pola rapazada do Club A Quenda do Libro  o pasado xoves, 30 de maio.

       Que vos guste!

       Foi unha boa xornada! A que si rapaces?

        Aburiño!

2 jun 2013

Do primitivo ao máis moderno.E de camiño, o audiovisual.

       Ola amig@s!
         Hoxe contaremos a viaxe que fixemos o pasado xoves,30 de maio a Santiago.Eramos  cincuenta e dous alumn@s e tres profesores ,membros do club de lectura, quen os acompañamos.

       Saímos de Chantada ás 9:45 para chegar á Cidade da Cultura , no monte Gaiás, algo antes da hora da visita guiada que tiñamos concertada.







       Divididos en dous grupos visitamos o  complexo cultural e, no Museo de Galicia, unha fantástica exposición  titulada "Orinoco". Todos quedamos abraiados coas habelencias das tribus  que viven  á beira do gran río venezolano. Vimos as súas vestimentas ( algunhas moi parecidas  as nosas antigas  corozas, as súas canoas e barcas ( algunha moi parecida aos nosos batuxos ), os seus enseres... Foi moi , moi interesante e gustoulle á rapazada segundo manifestaron.






        Logo dirixímonos a Teo onde tiñemos cita na CTV ,productora de El Correo gallego, para que   amais de mostrarnos as instalacións nos explicasen  como se fai un programa en directo. Moitos rapaces quedaron pampos calculando o grande número de persoas se necesitan para que nós poidamos ver calquer programa na tele da nosa casa.


      Non podíamos perdernos o ambiente universitario porque estabamos en Santiago. Así fomos xantar aos xardíns do campus norte e a rapazada pisou a facultade de económicas  , certo que só a cafetería ou os baños , pero  algún xa dicía que cando chegara alí, dentro  duns anos, lembraría este día.

      Pola tarde nova mestura   cultural xa que visitamos o Centro Galego de Arte Contemporáneo  onde  unha visión das obras expostas lles fixo meditar sobre o concepto de "arte".Quedaron un chisco impactados ( aínda que ían avisados).


      Finalmente non podíamos deixar de pasear polas rúas santiaguesas e  rematar fronte a catedral  e ver a praza chea de peregrinos de diferentes nacionalidades e de preferentistas reclamando solución aos seus
 problemas.


     





       Regresamos a  Chantada  a iso das 19:30. Cansos pero coa cabeza chea de ideas e recordos do vivido.

      Pensamos xa na do ano que vén?

     Pois veña.

     Por certo, dentro de nadiña , no blogue da Biblioteca aparecerá o vídeo co que se gravou o xoves.Estade pendentes.
     Aburiño.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India