26 nov 2012

Aprazada a reunión de 1º A de ESO


Mañá, martes ,27 de novembro tiñamos reunión os de 1º A de ESO  no club de lectura .Pero  van  ao teatro a Pontevedra!!! Van eles e mais outros moitos alumn@s de francés da ESO e do Bacharelato.  Logo,  a reunión queda aprazada para o vindeiro martes,4 de novembro no que xa faremos o comentario dos libros.


Desexo que o pasedes todos  moi ben  nesa representación de   L´Avare  de Moliere  e agardo que vos fixedes  nos temas que trata a peza teatral:a cobiza, en primeiro lugar, pero tamén a tiranía doméstica , o egoísmo e o sexismo
Lembrade que é unha peza teatral que está na biblioteca do IES en francés e que vola podemos prestar.
Se queres ler El Avaro  en español tamén o podes facer na rede .

Xa contaredes!!!


20 nov 2012

Reunión do alumn@do de 4º de ESO





 

Hoxe  martes, foi a  quenda dos alumnos de 4º de ESO. Xuntámonos na Aula Multimedia , como quedaramos. 

O seu  libro de lectura é un  de Marina Mayoral  titulado Tristes ArmasVarias alumnas xa  o teñen lido  a estas alturas de novembro. Elas si que son previsoras!! E  organizadas!! 



Xa  programamos unha especie de "batalla de lecturas" que terá lugar o vindeiro martes, 18 de decembro no que "confrontarán as súas lecturas" os alumnos de 4º de ESO e os de 3º de ESO.

Acordamos, ademais realizar e preparar  algunha outra actividade como unha  lectura dramatizada destinada ao alumnado do primeiro ciclo de ESO  no segundo trimestre.

Nesta ocasión lamentamos non ter foto que inmortalice a actividade de hoxe: a tecnoloxía non é o meu forte! Outra vez será.

Verémonos lendo!!!




18 nov 2012

Aviso para alumnado de 4º de ESO






13 nov 2012

Reunión de alumnas de 3º A e 3º B de ESO

Hoxe, martes e 13, a pesar da mala fama, foi un bo día de xuntanza cos de 3º A e 3º B. Viñeron poucos, mellor dito, poucas  á reunión e algúns xustificaron a súa ausencia por mor de exames,partido... e algunhas porque seica se esqueceron... claro que é posible.
           As que estivemos fixemos unha chuvia de ideas sobre   Ler   para que?Así xurdiron unha chea  de respostas que axiña  habedes  ver no panel do club de lectura, á entrada do instituto.
           Xa veremos se  vos gusta  a "manualidade".
            








 Lembramos e comentamos como anda a lectura de Silvestre y los ladrones de sueños de José Ferrer Bermejo  e, por suposto, mostramos o xeito de entrar no blogue do Club para recoller avisos e consultar calendario de reunións, por exemplo.

Foi un gozo pasar un anaco de tempo con estas mozas de 3º tan dispostas e implicadas no tema da lectura.
Grazas.
Aburiño.


11 nov 2012

Aviso da reunión con 3º de ESO




Rapaces e rapazas de     3º A e  3ºB de ESO:
vémonos o vindeiro martes,13 de novembro  na
Aula  Multimedia 
para a nosa reunión do club

7 nov 2012

Club de lectura de Pais e Nais

O martes ,6 de novembro tiñamos citados aos pais e nais  que querían participar no club A Quenda do Libro. Á hora prevista, as 18:00 horas, chegaron un bo grupo de pais e nais á Biblioteca. Algunha persoa era a primeira vez que pisaba esta dependencia do IES, pero non ha ser a última. Outras lembraron os seus anos mozos como alumnos/as do instituto e as súas horas  na Biblioteca do mesmo.
Foi unha xuntanza para constituir o grupo e botalo a andar.Quedamos en ler O Principiño no idioma que prefiran: galego, castelán, francés, inglés, portugués... e mesmo algunha nai  ten  o libro en coreano, pero... vai ser que moitos de nós teremos que elexir outra lingua por razóns evidentes.


Amosámoslles a Biblioteca e lembrámoslles  a opción que teñen de levar  dela libros emprestados polo que lles fixemos o carné de usuario .Algunha nai xa fixo uso del e xa lle prestamos o primeiro. 
Tamén lles demos a coñecer o Blogue da Biblioteca e o do club de lectura  porque aquí  poñeremos as novas de interese relacionadas coas lecturas e libros.
Algunha persoa sumouse onte mesmo ao grupo e seguimos dispostos a acoller ( con moita ansia!!!) aos que se  queiran  reunir connosco o vindeiro xoves, 13 de decembro , ás 17:30 horas na Biblioteca do IES para comentar  O principiño e  propor a lectura do seguinte trimestre.Pensade, pensade!!
Os pais e nais manifestaron o seu grande gusto pola lectura e todos estivemos de acordo  no  desexo de que os nosos fillos sexan uns bos lectores e  , alomenos, polo noso exemplo non ha quedar.
Lembrade a dirección de correo do club por se xurdira calquera inconvinte,dúbida... e queredes contactar connosco : clubdelecturalq@gmail.com.
Vémonos axiña.
Boas lecturas


Reunión do club con alumn@s de 2º A e 2º B de ESO

O martes, 6 de novembro a rapazada de 2º de ESO encheu a Aula Multimedia para participar no Club de lectura.


Propúxose a lectura deste trimestre : Lambertooo!!! de Jordi Sierra i Fabra .  Hai rapaces que o lerán en galego e outros en castelán.
 Despois puidemos ver unha  homenaxe que lle fixo ao autor a súa propia familia  repasando os feitos máis salientables vividos por Jordi dende que era neno.
Mais tarde , no pouco tempo que nos quedou do recreo , comezamos a ver unha entrevista que  Dani Mateo lle fixo ao autor catalán  no programa  Noche sin tregua 1ª Parte y 2ª parte. para presentar Kafka y la muñeca viajera   libro que todos coñecían porque o lemos o curso pasado.

So me resta desexar que  gocedes coas  aventuras que lle suceden a Lamberto pero... non  fagades vós o mesmo, por favor!!!
Boa lectura e ata á próxima reunión.

4 nov 2012

Aviso para pais e nais de A Quenda do Libro

A eses  homes e mulleres, pais dos nosos alumnos, que aceptastes  participar  no  Club de Lectura “A Quenda do Libro”  quero lembrarvos que quedamos  citados  para  o  martes, 6 de novembro, ás 18:00 h. na Biblioteca do IES Lama das Quendas. Manteremos  unha breve reunión na que se constituirá o  grupo e  concretaremos o libro de lectura deste primeiro trimestre.
Se  alguén non puidera  asistir, ou se enterou demasiado tarde por outros pais ( porque seica algúns alumnos non entregaron a "invitación" nos seus fogares) , poderá consultar o título do libro e a data da seguinte reunión  para comentalo neste blog. 
Agradecemos  a vosa disposición  para  compartir este proxecto cos outros grupos de lectores do Lama das Quendas : alumnado e persoal docente e non docente do centro. 
Estamos seguros de que o voso exemplo prenderá nos vosos fillos e  dará  abondosos froitos   que recollerá a sociedade na que vivimos.
Vós si que sabedes!!!



ADVERTENCIA

A LECTURA

PERXUDICA

SERIAMENTE

A TÚA IGNORANCIA

Aviso para 2º A e 2º B de ESO

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India