20 dic 2017

De grifos e vihuelas...

Pois a verdade é que “Xa vai o griffon no vento” de Alfredo Conde non chegou a enganchar aos asistentes á reunión do club de nais, pais e amigxs… As vidas paralelas dun inquisidor na Galiza do século XVI e un escritor/profesor galego dos anos ’80 do pasado XX, a Armada Invencíbel e o contrabando de libros que traían as novas ideas humanistas ao Santiago de Compostela dos tempos de Felipe II, a animada vida universitaria dunha pequena cidade francesa… non foron quen de convencer aos membros do club, cecais por unha linguaxe e unha estruturación arrevesada e en ocasións barroca, tal como se comentou na reunión mantida. Ben, non sempre se acerta…

Iso si, para ambientar os capítulos renacentistas dos tempos de Felipe II (nos que discorre parte da novela de Alfredo Conde) e seu predecesor Carlos I, houbo música ao vivo: un par de pezas interpretadas cunha vihuela de man feita polo luthier Asier de Benito Guío, a primeira de Diego Pisador (“Dezilde al cauallero que”, 1552), e a outra de Luys de Narváez (“Cuatro diferencias sobre Guárdame las vacas”, 1538).

A ver se hai máis acerto para a vindeira!

19 dic 2017

Historias dun pasado non tan afastado...

“Por que as sombras non teñen ollos” de Luís Manuel García Mañá foi o libro escollido para o club de lectura do profesorado e persoal non docente, e sobor o que tivemos unha máis que animada charla na reunión celebrada na Aula de Música do Lama das Quendas.

Salientouse o bo facer do escritor por saber, dun feito histórico descoñecido para todxs xs que estabamos ate que ese libro chegou ás nosas mans, mesturar o real e o ficticio, o xénero narrativo con toques xornalísticos e case ensaísticos (a historia do Couto Mixto na fronteira luso-ourensá é case unha constante na obra de García Mañá), o enxebre do rural galego con ambientes máis urbanos e cosmopolitas nunha época convulsa e “estraña” na posguerra española e xa no final da II Guerra Mundial… É curioso como unha historia que pode dar moito como a presenza de nazis por terras galegas (algo documentado por historiadores e estudosxs) non se teña explotado tanto na nosa literatura, con todo o que elo pode dar de si, como ben se pode ler nesta novela.

Todo elo levounos a rememorar historias propias das nosas infancias, non tan afastadas (ehem): as lareiras coas cuadras embaixo, os primeiros “cuartos de baño”, a tremenda friaxe nas xornadas invernais, os camiños enchoupados na lama…

Tamén falamos, por suposto, de como as fronteiras trazadas nun mapa non soen significar nada, na maioría dos casos, no mundo real, no día a día das comunidades e nas relacións que se producen entre grupos humanos, e como moitas veces as leis propias deses territorios “afastados do mundo” están un pouco (ou un moito) á marxe das leis escritas e “pensadas” nas “capitais” alleas a todo o que acontece nas periferias…


Seguinte libro: “Non me deixes nunca”, do recente Nobel de Literatura Kazuo Ishiguro.

14 dic 2017

Maus, e reflexións sobor a BD...

Fantástica charla a que tivemos hoxe no Club de Lectura coas dúas alumnas de Bacharelato que puideron vir á reunión (época de exames, xa sabedes…) e que versou sobor “Maus”. Mais non falamos do argumento desta coñecida banda deseñada (BD), nin da nosa opinión dela (tería sido unánime e nun par de minutos teriamos rematado), senón de como un libro de BD pode ser empregado na educación, xa non en primaria ou secundario, senón tamén a calquera idade. Tanto Hasna como Ana falaron da súa experiencia co texto un par de cursos antes cando o empregaron como apoio nas aulas de Historia durante o estudo da II Guerra Mundial.

E falando, e divagando, e compartindo, fomos levando o tema cara temas xa máis de actualidade, mais partindo dos libros (máis concretamente, as BDs) de temática histórica, e como poden ser un xeito óptimo, se estes están ben escollidos e argumentados, para tratar os diferentes modelos sociais, políticos e económicos, os movementos que favorecen e potencian o emprego da violencia, a diversidade de xénero, o papel da muller no xa ben entrado século XXI… Si moitos temas, e pouco tempo… mais pinceladas que amosan como de algo tan sinxelo como uns cantos trazos nuns papeis, tres persoas de idades e procedencias ben diferentes, poden atopar un espazo común de comunicación e encontro…

Por certo, os seguintes textos foron escollidos por elas… e veña manga!!!

Antes, iso si, algo de lírica galego-portuguesa...

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India