30 nov 2017

Ate a próxima, Astérix e Obélix!

E chegamos á fin da nosa viaxe ao tempo dos romanos da man de Astérix e Obélix… Pouco máis que dicir que non se comentara xa nas pasadas reunións cos grupos de 2º da E.S.O.: alumnxs aos que non lles fai moito aquel iso de ler bandas deseñadas, outrxs que están encantadxs (algún vello fan dos galos había por aquí!), historias xa comentadas e outras novas, coma a de “Astérix e os pictos”, na que aparece a terra da Caledonia ou, como se coñece na actualidade, Escocia. 

Mais coma sempre, moito banquete con xabarís, moitas liortas cos romanos despois duns tragos de poción máxica, moitas viaxes e moitas aventuras polo pasado das terras que arrodean o Mediterráneo e un pouco máis aló… Sen dúbida, un xeito diferente de achegarse á historia e de xogar a descubrir que foi e que non foi…

E veña xa o segundo trimestre de lecturas!


23 nov 2017

Outra ración de poción máxica, por favor!!!

Na reunión co alumnado de 2º E.S.O. B e C continuamos a falar dos nosos benqueridos Astérix e Obélix. Algúns dxs integrantes deste grupo comentaron que non eran moi seguidorxs da banda deseñada, xa que consideraban algo lioso o seguir as viñetas e entender ben a orde dos bocadillos cos textos e diálogos. Houbo un pequeno debate a favor e en contra deste xeito de facer literatura, no que quedou de manifesto que sempre hai gustos e formas diferentes de ver as cousas, mais igual de válidas e compatibeis as unhas coas outras á hora de compartir a nosa afección pola lectura.

Falamos despois un pouco das historias escollidas polo alumnado deste grupo, que foron “Astérix nos Xogos Olímpicos” (viaxamos un pouco ás orixes destes na antiga Grecia), “A volta á Galia de Astérix” (de novo apareceu Xulio César e as súas liortas con este grupo de irredentos galos) e unha achega diferente, “Astérix e os seus amigos”, unha homenaxe a Uderzo de varixs autorxs do cómic mundial, con visións diferentes, tanto no visual como na escrita, dos nosos heroes.

Quedounos, iso si, para a outra conversa, o de como se fan os debuxos animados… e é que o tempo non dá para todo!



16 nov 2017

Unha ración de poción máxica, por favor!

Hoxe tivemos a reunión co grupo de 2º E.S.O. A, onde falamos de catro das aventuras dos nosos heroes galos Astérix e Obélix, sempre acompañados do pequeno e fiel Idéfix: “Astérix lexionario”, “Astérix O Galo”, “Astérix e as 12 probas” e “Astérix en Bretaña”. Nelas o común denominador é deixar quedar mal aos pobriños (ben, realmente, non tan pobriños) romanos grazas, ademais da máxica poción que lle confire unha forza sobrehumana a aquel que a tome, da astucia e intelixencia, ademais do traballo en equipo, que posúen os galos. Mais o verdadeiramente interesante destas bandas deseñadas, creadas hai case 60 anos polos franceses René Goscinny e Albert Uderzo, é que xunto con personaxes ficticias, como os propios Astérix, Obélix, Idéfix, Falbalá, Panorámix o druída, Asurancetúrix o bardo, o xefe da aldea Abraracúrcix ou o vello cascarrias Edadepiédrix, aparecen outras, xunto con sucesos ou elementos, que formaron parte da historia. Así, na conversa de hoxe, saíron a colación Xulio César e o seu fillastro Bruto, os traballos de Hércules e o xigante Xerión, relacionados coa cidade de A Coruña; as conquistas da Galia e da Bretaña; as Médulas e as cidades de Lvcvs Avgusta e Avriense; os significados das verbas “druída” e “bardo”, e ate incluso o "tea time" dxs inglesxs!


9 nov 2017

Próximas reunións do alumnado!!!


6 nov 2017

Filosofemos en BD!


 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India