31 may 2016

A quenda do viaxe

O pasado xoves estivemos de visita cultural por Santiago con parte do alumnado de A Quenda do Libro; se queredes ver as imaxes das visitas, da estadía... pinchade no enlace de debaixo onde Alfonso, o coordinador da biblioteca,puxo á vosa disposición o vídeo da viaxe.
Se non queredes cambiar de páxina, tamén tedes aquí o vídeo.
É un resumo , de xeito que non está todo o que vivimos, pero todo o que está, vivímolo.
@s viaxeir@s quédanos de recordo!

30 may 2016

O mundo é un libro e aqueles que non viaxan só len unha páxina

Alumnado de todos os grupos do club de lectura ( salvo de 2º de bacharelato que están inmersos na preparación da selectividade e declinaron a invitación), dende 1º de E.S.O a 1º de Bacharelato subiron aos dous autobuses o pasado xoves, 26 de maio para vivir en Santiago unha xornada de visitas culturais e convivencia.
Resulta realmente complicado a escolla do lugar que visitamos cada curso porque temos que atender a diferentes   variables: debe ser un lugar próximo ( por tempo de desprazamento e custe) , debe resultar interesante ( pero para persoas de moi diferentes idades) ,debe ser un lugar no que acollan a un grupo tan numeroso ( non aceptan tantas persoas na maioría dos sitios)...
Escollemos viaxar a Compostela polo antes dito e porque as nosas visitas tiñan unha motivación clara baseda en lecturas que fixemos ao longo do curso.
Así que , ás 8:45 collemos o autobús 83 alumnos ( 6 ese día non se presentaron) e 5 profesor@s. Polo camiño houbo un pequeno contratempo xa que , por mor dunha avaría ,tivemos que cambiar de autobús ao grupo de 1º e 2º de E.S.O..Reanudada a marcha chegamos á Cidade da Cultura a onde imos para que poidan contemplar esas edificacións  ante as que nos sentimos insignificantes. Paseamos polo Xardín Literario ( que dito sexa de paso arelabamos pisar por"conectarnos" aos escritores galegos e sentímonos defraudados), vimos o Bosque de Galicia ( que aínda non é tal), as torres Hejduk e o que máis lles gustou, a contorna destas  porque subiron ata o máis alto antes de que nos deramos conta.

Leramos  A última  xungla e o noso alumnado está moi concienciado coa natureza, biodiversidade e  ecoloxía así que preparamos unha visita ao Campus Norte  da USC para achegarnos ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.Alí a rapazada andou entre animais doutras terras, animais das nosas fragas e das nosas augas continentais, admiraron minerais, xemas, rochas, fósiles, meteoritos  así coma outros exemplares da biodiversidade mariña e terrestre mundial.Cada rapaz e rapaza adicouse a gozar da contemplación daquilo que máis lle gustaba e do que lle chamaba máis a atención.
Era xa mediodía e xantamos nos xardíns do campus para , ao rematar, achegarnos polas rúas ateigadas de peregrinos e estudiantes á Praza do Obradoiro  e rúas adxacentes para sentirnos parte desa grande cantidade de persoas que adora Santiago.
De regreso aos autobuses collemos dirección San Lázaro para pasar a tarde no MUPEGA ( Museo pedagóxico de Galicia).Divididos en dous grandes grupos, acompañados polos guías do museo recorremos as instalacións  nas que puidemos admirar unha copia do cadro de Xulia Minguillón : "A escola de Doloriñas"  diante do que o alumnado de 1º e 2º parou un bo anaco para observar os detalles do mesmo e escoitar a historia e explicacións que Toño, o noso guía, daba.Precisamente ese cadro foi a orixe desta visita tras ler Contos de medo no museo por parte do alumnado de 3º de ESO xa que un destes contos está baseado precisamente neste cadro , que desgrazadamente non van poder contemplar os alumn@s de 1º de ESO na súa visita ao Museo Provincial de Lugo porque está prestado ao Museo Reina Sofía de Madrid.Outra vez será.
Ao contrario do que pensaban os guías, as dúas horas de visita foron escasas para moitos rapaces e rapazas que dicían non tiñan ocasión de disfrutar tranquilamente dos xoguetes, láminas, mapas, fotografías , máquinas... que se recollen neste museo pedagóxico.Nós so poñemos a semente, abrimos posibilidades, agora son eles quen, cos seus pais, poden realizar a unha nova visita, como ocurriu noutras ocasións.
A rapazada comportouse, coma sempre, con educación e respecto  e atenderon ás explicacións polo que á salida , os guías louvaron a súa actitude.
Estamos preparando o vídeo que resuma a viaxe cultural dese día ,mentres mirade algunhas fotografías.
Foi esta unha xornada perfecta:bo día, boa compañía e boa cidadade. 
Non hai máis que pedir!!

 

 

 



 



29 may 2016

Reunión do alumnado de 1º de Bacharelato

O vindeiro martes,31 de maio,  ás 11:15, na Aula Multimedia celebraremos a reunión do alumnado de bacharelato.
Traballaremos o poemario de Berta Dávila titulado Raíz da fenda
O libro,que foi publicado hai uns anos, e a autora foron tema do “ZigZag Diario” da TVG onde podedes escoitar o que fala sobre o seu libro e mesmo escoitarlle recitar algún poema.
Tod@s temos perdido alguén,o sentimento de perda é algo universal,  así que podemos entender a Berta Dávila e as súas experiencias.
Agardámosvos!

27 may 2016

A lectura faivos felices.

Andaban a recoller os froitos do curso nun folio con letras e números e aínda tiveron tempo de achegarse ao club de lectura.A derradeira reunión do alumnado de 2º de bacharelato foi atípica polo emprazamento ( fixémola fóra e deixámosvos foto non para que vexades aos asistentes senón para que vexades o que nós viamos); pola lectura ( a obra dun veciño e exalumno do Lama das Quendas) ; polo momento(recén entregadas as notas finais de 2º de Bacharelato) e, á fin , polas circunstancias derivadas do remate da súa escolaridade e o comezo dun novo camiño cos estudos que cada quen agarda poder comezar en setembro.
A melancolía e, xa case a nostalxia , priváronnos de traballar e comentar como debiamos o poemario Andar ás apóutegas de Rafa Lobelle   mais a lectura dos poemas do libro gañador dun premio no Concello da Estrada permitiunos  gozar , sobre todo, cos titulados: "Luns de outubro","Solpor","A árbore da vida","Balbino, un vello de aldea", "Nós, as vacas II"e "Alforxas".
Para estes rapaces e rapazas, poucos pero moi bos, vaia o noso agradecemento por participar neste club de lectura dende o seu inicio, por facelo dese xeito intenso e con espíritu crítico. E con el@s vaia o noso agarimo e o convencemento de que chegarán onde desexen  acadando moitos éxitos no eido persoal e profesional, nun futuro próximo.
Cos noso mellores desexos, queremos despedir esta primeira xeración que se vai do Club de Lectura ,por remate da escolaridade, a est@s amig@s  cos versos cos que o poeta chantadino enche o seu poema "Volver":
"Hai certas cousas que só entendes logo dun despois
como cando volves [ ...]
canso
como sempre é o regreso.
E entón sucede
mainiño, vai chegando o lene cheiro de castañas asadas ao lonxe
e apúralo paso
mentres todo vai cobrando sentido".
Volveredes , cansos ou non, pero felices para compartir connosco os vosos triunfos.
E sobre todo, volvede ás lecturas, non as deixedes nunca!

23 may 2016

Reunión do alumnado de 2º de Bacharelato.

O poema da fotografía pertence ao libro de  Rafa Lobelle titulado Andar ás apóutegas e parécenos moi atinado traelo para convocarvos á derradeira reunión, como alumn@s, do  voso club de lectura.Terá lugar o vindeiro martes, ás 11:15 h ( despois de que teñades recollidas as que desexamos mellores calificacións e antes  de que iniciedes ese novo e exitoso camiño que vos pronosticamos).
Falaremos deste e outros poemas do libro mencionado, da literatura en xeral e da que vós queirades , en particular.
Por certo , por se outras persoas non habituais se quixeran achegar á reunión, deixámosvos o enlace do Concello da Estrada , onde o noso veciño Rafa Lobelle  foi o gañador do XVIII edición do  Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía coa obra  Andar ás apóutegas que podedes ler integramente.

Xabier Quiroga, grazas por escribir.

Xa nos gustaban as novelas de Xabier Quiroga e tralo  encontro que o autor tivo cos pais e nais do noso club, aínda nos gustan máis porque sabemos que dentro delas hai un anaco da nosa terra e das nosas xentes .
Hai uns días ,compartimos máis de dúas horas con Xabier no encontro que vivimos na biblioteca do Lama das Quendas.Nese tempo explicounos como armou a súa derradeira novela publicada:Izan o da saca , como foi tomando decisións nunha ou outra dirección e como lle foi engadindo partes ao texto orixinal ata quedar tal e como a podemos ler.
A complexidade na súa estructura  foi motivo de comentario e cada quen manifestou as súas impresións ao respecto polo que confirmamos que ,nalgúns momentos, para encaixar todas as pezas que conforman o texto algunhas persoas vironse con algunha dificultade. Mesmo houbo que leu  un dos "apartados" da novela ( "No escuro") primeiro e logo seguiu coa lectura seguida  do texto.Unha visión dirferente.
Falounos das súas investigacións previas á escrita da novela, do acopio de materiais que fixo , dos personaxes ( algúns dos cales existen na realidade e outros teñen nomes de persoas reais). Soubemos , por enriba, da parte que chamaríamos real  da novela e da parte inventada, creada por el mesmo.
Aínda que a nosa lectura fora de Izan o da saca, tivo a ben comentarnos outras curiosidades sobre outros libros seus.
Falamos da lingua, do galego empregado  nesta e noutras obras súas, e afirmou que recolle a fala do seu pobo o que permitirá que, ao cabo de moitos anos , alguén que as lea  transportarase lingüísticamente ao Saviñao e arredores e poderá saborear as palabras empregadas noutro tempo porque , para que enganarnos, o galego está sofrindo un terrible retroceso e , de seguir así, os galegofalantes serán unha minoría dentro de poucas xeracións.
 A verdade é que nos prestou moitísimo este encontro con Xabier Quiroga  a quen lle temos que agradecer a súa  xenerosidade por vir ata Chantada e facernos partícipes da súa maneira de traballar, das súas teimas, dos seus proxectos.
As persoas asistentes quedamos absolutamente satisfeitas coa actividade e agradecidas de que escriba para que o poidamos ler.
 


 








Nesa xornada, lamentamos a ausencia de compañeir@s que tiñan unha grande ilusión por estar presentes na reunión pero motivos de traballo e problemas de saúde impedírono, mais as opinións que nos fixestes chegar tamén foron escoitadas por Xabier durante o encontro e , despois, na sinatura de libros.
Dende a Ribeira Sacra, escenario da derradeira historia  de Xabier,agardamos que siga carretando acios de historias ata os libros que leremos con deleite.
Foi un pracer!

12 may 2016

Palabras, palabras, palabras...

Ai , que importantes son as palabras!!Nisto estamos  de acordo rapazada e mediadoras. 
En Para cantar e contar , varios autores cóntannos e cántannos diferentes textos. Destes  , o alumnado de 1º de ESO non entendeu o de Mª Dolores Ruiz : Lucas, o vampiro do leite.Falando , falando  chegaron a comprendelo, pero aínda así non lles gustou.
Bicos, bicos e máis bicos, de Antonio García Teijeiro xa lles agradou máis , aínda que opinan que se trata de poemas demasiado chuchóns.
Sonsonetiño de Xoán Babarro González e Palabras de Gloria Sánchez García parecéronlles estupendos.Gozaron con eles.
Sospeitabamos que esa sería a opinión maioritaria sobre os textos de lectura  así que prepararamos actividades relacionadas coas palabras de Gloria Sánchez que debuxaron como podedes ver nas fotografías. A que son orixinais?
 











Fixeron unha escolla de palabras que lles gustaban.Unhas polo que significaban, outras por como soaban.A listaxe contén variedade: amor, cariño, durmir, comer, moza, amistade,covardía,flor,morriña, amabilidade, chorima, bágoas,Belesar...
E para finalizar,neste  dez de maio, a partir dun "chuvioso" poema de Antonio García Teijeiro (acorde co tempo que padecemos),construímos outros que quedaron tan do agrado da rapazada que houbo disputas para poder lérllelo @s compañeir@s.Nuns días faremos unha entrada coas creacións destes artistas. Eu gardareinas, quen sabe se nuns anos adquiren renome e podo presumir de ter un valioso poema manuscrito que tod@s cobizarán!!!



10 may 2016

Encontro co autor Xabier Quiroga

Gústanos tanto ler!! Se non fose así , non levariamos todos estes anos lendo e xuntándonos para falar do que lemos.
A lectura é o noso vicio, ou un deles polo menos.E so hai algo que nos guste tanto como mergullarnos nun libro: poder compartir con alguén coma nós, ávidos lectores,  o que pensamos, sentimos, gozamos ou padecemos con ese libro.
Chegou , pois, a hora de  facer o propio con Izan o da saca de Xabier Quiroga. A reunión terá lugar o vindeiro xoves,12 de maio, ás 17:30 horas, na Biblioteca do instituto.E será unha reunión atípica, na miña opinión, unha xuntanza con premio porque a compartirá connosco o autor mecionado: Xabier Quiroga.
Estou segura de as persoas que conformamos este grupo  gozaremos coa súa presenza,coa súa compaña e coas súas palabras igual que o facemos coas súas obras. Será unha xornada perfecta!

9 may 2016

Reunión do alumnado de 1º de ESO

Hai polo menos vinte anos, un avó prantou unha ameixeira diante da atenta mirada do seu neto pequeno. Pepe, que así se chamaba o home , explicoulle ao  neno que a estaba prantando  para el, que a ameixeira , daquela pequeniña coma o neno, iría medrando coma el e que  axiña daría froitos que lle habían  agradar.O regalo encantoulle ao rapaz que dende o primeiro día cumpriu o mandato do avó porque a tiña que coidar e protexer.Era frecuente ver ao neno abrazado á pequena ameixeira falándolle , dándolle explicacións polo que facía , pensaba ou quería.A imaxe non está rexistrada, quizais daquela era menos doado fotografiar todo y a todos coma se fai hoxe, pero a ameixeira aí a tedes na foto, e o neno  na actuialidade non é tan grande como a ameixeira pero  medrou abondo. Xa non coida da ameixeira porque está estudando fóra e porque outro o fai por el, pero ben que lle saben as ameixas no verán.Cada unha que come énchelle a boca da dozura da froita e o espírito de nostalxia. 
Que vos parece a historia?Hai algo nela imprescindible: as palabras.As palabras que nos serven para comunicarnos, para alegrarnos, para enfadarnos... en definitiva para cantar e contar, como se titula o libro de traballo deste terceiro trimestre.
O vindeiro martes, 10 de maio, na reunión do alumnado de 1º a e B de .ES.O. será o que fagamos : empregar as palabras para cantar e contar.Igual falamos de ameixeiras que teñen froitos raros que parecen libros.
Agardámosvos.

7 may 2016

XII Semana da Poesía no Lama das Quendas

Celebrouse nestes días a XII Semana da Poesía  no noso centro. O alumnado de 1º de bacharelato , baixo a batuta da súa profesora de Lingua Galega , e mediadora no noso club de lectura, organizou unha serie de actividades nas que toda a rapazada do centro participou por quendas seguindo as  indicacións dos artistas.Porque fan verdadeira arte conxuntando literatura, música, artes plásticas, cine ...
As poesías de diferentes autores foron o punto de partida para deseñar os proxectos que , por rincóns,  enchían o espazo do salón de actos..
O alumnado de 1º de E.S.O.  que vedes nas fotos, quedou impresionado pola mestura de actividades coas que se atopou ,e participou activamente nas mesmas.  
Houbo ademais un obradoiro de poesía e un botellón poético.
O encontro co autor que ía ter lugar o martes pasado , por problemas de saúde do poeta , foi suspendido  e terá lugar calquera día en canto se recupere.Así que aínda nos queda por vivir a visita de García Mc.
Para gozar desta semana había que estar no Lama das Quendas, non vale que volo contemos, pero  como unha imaxe vale máis que mil palabras:velaí van algunhas.
Noraboa a alumn@s e profesora!!
 










5 may 2016

Makinaria con música

Púxemoslle música aos poemas de Makinaria. A rapazada, sen previo aviso,  atopouse con que tiña que buscar unha melodía para o poema  titulado " SOUND PLAY SESSION.VOL.1".
Unhas persoas entregadas á causa musical, outras vergoñentas. Algún grupo que deseguida xuntou letra e música, outros que non atopaban xeito... así , devagar , para levarlle a contraria  ao poemario de Carlos Negro, cada grupo escolleu o ritmo  que lle apeteceu. Pagou a pena o"festival".Tivemos dende rock duro ata hip-hop pasando por ritmos máis melódicos.E ao final  de cada interpretación os aplausos e as risas  enchían a aula. Debemos dicir, por non faltar  á verdade, que a versión roquera foi a máis admirada.
Xa para  rematar realizamos unha actividade  na que o alumnado puido comprobar que ,ás veces, coma o rapaz " protagonista" de Makinaria  oímos o que queremos e non escoitamos aos demais ( aínda que teñan razón). Así, co poema titulado " Nota necrolóxica" fixemos un dictado verso a verso , boca-orella sendo, ao final da cadea, escrito nun folio pola derradeira rapaza.As palabras corrían a ritmo vertixinoso  e ,aquí cómpre dicir que ,calquera parecido do poema que chegou  co orixinal , é pura coincidencia.
 Quixemos gozar coa poesía e parece que se logrou!




 

4 may 2016

O pouso do encontro con Gonzalo Moure

Gonzalo Moure asinando libros
Invádenos a agradable sensación de ter compartido o noso tempo e o noso espazo cunha excelente persoa do que coñeciamos a súa obra e agora, ademais, admiramos polo que nos contou. É un engaiolante orador que co seu xeito de expresarse cativa ao auditorio.
Ao respecto do noso encontro non queremos deixar de contar algo máis. Por exemplo ,que Gonzalo Moure achegouse á nosa Biblioteca onde admirou os carteis  nos que estamos lendo baixo unha árbore  e onde se abraiou coa gran fotografía na  que  se pode contemplar aos lectores na carballeira que temos no recinto escolar, a nosa Carballeira(con maiúsculas) : un fermoso bosque de folla caduca.Alí asinou os libros que temos da súa autoría.
Sucedeu tamén  algo anecdótico que se Gonzalo Moure coñecese , quizás lle inspirara un novo libro . Unhas das rapazas asistentes comentou que  lle gustara moito a actividade " porque o escritor é moi simpático.Despediuse de min dándome a man e eu quedei sorprendida. Sempre pensara que os que escribían libros estaban todos mortos." Cándida inocencia!!!
E a visita deste escritor tivo algunha outra consecuencia. Agradable, por certo. Varios rapaces e rapazas falan da intención de ler outros libros de Gonzalo Moure despois de escoitalo falar deles respondendo ás cuestións  que lle formularan outr@s compañeir@s . Bendito interés!! 


Geranium adicado  aos nosos lectores
 Los caballos de mi tío  asinado para a rapazada lectora



2 may 2016

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Con frecuencia non podemos escoller o que nos vai pasar , pero actuar dun xeito ou doutro pode contribuír a que teñamos un tipo de vida ou outra, ou teñamos un desenlace ou outro.
O vindeiro martes, 3 de maio , o alumnado de 2º de ESO traballará co libro de poemas titulado Makinaria de Carlos Negro na Aula Multimedia, ás 11:15 h.
Será " unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos".

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India