27 may 2016

A lectura faivos felices.

Andaban a recoller os froitos do curso nun folio con letras e números e aínda tiveron tempo de achegarse ao club de lectura.A derradeira reunión do alumnado de 2º de bacharelato foi atípica polo emprazamento ( fixémola fóra e deixámosvos foto non para que vexades aos asistentes senón para que vexades o que nós viamos); pola lectura ( a obra dun veciño e exalumno do Lama das Quendas) ; polo momento(recén entregadas as notas finais de 2º de Bacharelato) e, á fin , polas circunstancias derivadas do remate da súa escolaridade e o comezo dun novo camiño cos estudos que cada quen agarda poder comezar en setembro.
A melancolía e, xa case a nostalxia , priváronnos de traballar e comentar como debiamos o poemario Andar ás apóutegas de Rafa Lobelle   mais a lectura dos poemas do libro gañador dun premio no Concello da Estrada permitiunos  gozar , sobre todo, cos titulados: "Luns de outubro","Solpor","A árbore da vida","Balbino, un vello de aldea", "Nós, as vacas II"e "Alforxas".
Para estes rapaces e rapazas, poucos pero moi bos, vaia o noso agradecemento por participar neste club de lectura dende o seu inicio, por facelo dese xeito intenso e con espíritu crítico. E con el@s vaia o noso agarimo e o convencemento de que chegarán onde desexen  acadando moitos éxitos no eido persoal e profesional, nun futuro próximo.
Cos noso mellores desexos, queremos despedir esta primeira xeración que se vai do Club de Lectura ,por remate da escolaridade, a est@s amig@s  cos versos cos que o poeta chantadino enche o seu poema "Volver":
"Hai certas cousas que só entendes logo dun despois
como cando volves [ ...]
canso
como sempre é o regreso.
E entón sucede
mainiño, vai chegando o lene cheiro de castañas asadas ao lonxe
e apúralo paso
mentres todo vai cobrando sentido".
Volveredes , cansos ou non, pero felices para compartir connosco os vosos triunfos.
E sobre todo, volvede ás lecturas, non as deixedes nunca!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India