23 may 2016

Xabier Quiroga, grazas por escribir.

Xa nos gustaban as novelas de Xabier Quiroga e tralo  encontro que o autor tivo cos pais e nais do noso club, aínda nos gustan máis porque sabemos que dentro delas hai un anaco da nosa terra e das nosas xentes .
Hai uns días ,compartimos máis de dúas horas con Xabier no encontro que vivimos na biblioteca do Lama das Quendas.Nese tempo explicounos como armou a súa derradeira novela publicada:Izan o da saca , como foi tomando decisións nunha ou outra dirección e como lle foi engadindo partes ao texto orixinal ata quedar tal e como a podemos ler.
A complexidade na súa estructura  foi motivo de comentario e cada quen manifestou as súas impresións ao respecto polo que confirmamos que ,nalgúns momentos, para encaixar todas as pezas que conforman o texto algunhas persoas vironse con algunha dificultade. Mesmo houbo que leu  un dos "apartados" da novela ( "No escuro") primeiro e logo seguiu coa lectura seguida  do texto.Unha visión dirferente.
Falounos das súas investigacións previas á escrita da novela, do acopio de materiais que fixo , dos personaxes ( algúns dos cales existen na realidade e outros teñen nomes de persoas reais). Soubemos , por enriba, da parte que chamaríamos real  da novela e da parte inventada, creada por el mesmo.
Aínda que a nosa lectura fora de Izan o da saca, tivo a ben comentarnos outras curiosidades sobre outros libros seus.
Falamos da lingua, do galego empregado  nesta e noutras obras súas, e afirmou que recolle a fala do seu pobo o que permitirá que, ao cabo de moitos anos , alguén que as lea  transportarase lingüísticamente ao Saviñao e arredores e poderá saborear as palabras empregadas noutro tempo porque , para que enganarnos, o galego está sofrindo un terrible retroceso e , de seguir así, os galegofalantes serán unha minoría dentro de poucas xeracións.
 A verdade é que nos prestou moitísimo este encontro con Xabier Quiroga  a quen lle temos que agradecer a súa  xenerosidade por vir ata Chantada e facernos partícipes da súa maneira de traballar, das súas teimas, dos seus proxectos.
As persoas asistentes quedamos absolutamente satisfeitas coa actividade e agradecidas de que escriba para que o poidamos ler.
 


 








Nesa xornada, lamentamos a ausencia de compañeir@s que tiñan unha grande ilusión por estar presentes na reunión pero motivos de traballo e problemas de saúde impedírono, mais as opinións que nos fixestes chegar tamén foron escoitadas por Xabier durante o encontro e , despois, na sinatura de libros.
Dende a Ribeira Sacra, escenario da derradeira historia  de Xabier,agardamos que siga carretando acios de historias ata os libros que leremos con deleite.
Foi un pracer!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India