29 feb 2016

Reunión do alumnado de 4º de E.S.O,E.S.A e P.D.C.

Na aula multimedia terá lugar mañá, martes, 1 de marzo,  a reunión de 4º  de E.S.O. A e B, 4º P.D.C e 4º E.S.A.Será ás 11:45. 
Comentaremos Desnuda de Jordi Sierra i Fabra , unha novela escrita dun xeito orixinal , que se le facilmente  e que ten de trasfondo unha relación terrible  entre unha parella de xóvenes.
Asistimos á anulación  dunha rapaza  que deixa de ser unha persoa para pasar a ser un títere nas mans dun rapaz que ía ser o "amor da súa vida".
Ao longo da novela, baseada nunha noticia real, hai unha chea de frases que nos fan pensar si ou si. Hoxe copio algunhas: " o amor é un terremoto seguido dun tsunami", " o maor basease na confianza", "amar é dar, non prohibir,reter, aillar"... 
Temos moito que falar, pensar e actuar.

Prodigar imaxinación

Os grupos de 1º A e B e 2º a e B tiveron o pasado xoves unhas sesións de animación.
Agradecer a Edebé -Rodeira  que nos obsequiara coa visita de Benjamín quen, en catro sesións,unha por grupo,  déulles  unha nova perspectiva das lecturas que o alumnado fixera.
Aparte de moitas anécdotas  que lles contou sobre os autores de Al sur de ninguna parte e As lágrimas de Shiva e sobre quen inspirara algún dos personaxes deses libros , realizou para tod@s nós, un achegamento afectivo e intelectual ás novelas nas que baseou a súa actividade.
A rapazada, ademais de recibir moita información, mirou e sentiu as lecturas doutro xeito e foi quen de interactuar c@s compañeir@s para reescribir un final, continuar a trama , imitar personaxes e representar situacións que antes lera.   
Segundo comentaron , non so o pasaron ben senón que aprenderon.
                                                               




26 feb 2016

Nada lle sobra , nada lle falta

   Fermosa lectura a que acabamos de facer, a xulgar pola opinión das nais e pais que puideron acudir á reunión do mércores e a das persoas que  se desculparon por non asistir  debido a obrigas familiares ou profesionais  porque tamén nola fixeron chegar por diversos medios.
Quedaron satisfeit@s con Palmeras en la nieve , de Luz Gabás porque a autora foi quen de transportal@s ás terras de Fernando Poo e ás montañas oscenses con facilidade."Métete na paisaxe , no ambiente", dicía unha nai. E faino mantendo unha intriga que  obrigou a máis dunha a trasnoitar moito porque na tranquilidade da noite, unha vez a rapazada está deitada, é cando podes  ler.
Luz Gabás foi quen de enganarnos, de facernos crer que ,ao rematar un capítulo, xa sabiamos como  era a historia realmente pero ao comezar o seguinte xa se nos desmontaban as nosas "crenzas".
Se ben algunhas persoas , ao principiar a ler ,non se sentían atrapadas , e varias tiveron  que recomezar , paseniño, paseniño  se foron sentindo prendidas pola narración e xa non perderon esa sensación ata que lle deron fin.
Sobre o desenlace da trama houbo diferentes opinións.Á grande maioría gustoulle ( xa se entendeu no título da entrada), a algunha persoa  pareceulle un pouco indefinido polo que respecta a  Clarence , e a outra das asistentes pareceulle  aínda non suficientemente intenso, quería máis!Esta opinión é compartida  pola  tía dunha das nais que  leu  a novela aos seus 92 anos e nos fixo chegar as súas palabras.
Falando de personaxes, escenarios , relacións, costumes, tradicións, independencia, emigración, amor, amizade, intereses, da  versión cinematográfica ... decatámonos de que levabamos  hora e media conversando! Era , pois, tempo de rematar, así que tras propoñer a lectura da reunión conxunta con alumnado e profesorado  para conmemorar o día do libro, e tras adiantar o título ( e deixar coa intriga  do que non lles contei ) da novela  que comentaremos aló por maio, finalizamos a xuntanza na que, de verdade, gozamos compartindo opinións sobre lecturas entre este grupo de amig@s que somos.

25 feb 2016

Non somos racistas pero...

"Nunca casaría cunha muller negra e menos cunha chinesa"  confesan varios alumnos de 1º de E.S.O. Os mesmos que aseguran que non farían diferenzas na aula con compañeiros procedentes doutros países , aos que respectarían, e con quen non exercerían ningún tipo de discriminación .
Ao falar de "Nata" , a protagonista do libro, só unha rapaza sabe cales son, exactamente , os rasgos dunha persoa albina.Todos entenden os alcumes dos protagonistas por tratarse , nun caso, dunha nena de pel moi branca ,ou  escura no caso de "Chocolate".Claro, segundo estes alumnos, é normal poñerlle alcumes aos máis baixos, aos "listos", aos gordos, aos máis "burros" , e , se algún vén de fóra, tamén lle podemos chamar "sen papeis", "panchito" ou "moreno". Por suposto , iso son motes , non se exerce ningún tipo de discriminación.Do mesmo xeito, varios consideran que a inmigración debe ser controlada , pois poden vir para "sacarnos o traballo aos de aquí".
Claro que o libro lles gustou a todos/as  e algúns non compartían as opinións anteriores e , por suposto, absolutamente ninguén se considera racista nin capaz de discriminar a outro/a.           
Creo que temos un importante labor por diante con respecto a este tema, ou non?                                          

24 feb 2016

Eso está pasando...

Caso clarísimo de acoso escolar. Situacións  que non gustan á rapazada de  1º A  pero recoñecen que o libro  , Nata y Chocolate de Alicia Borrajo , lles gustou moito. 
Será que, reflectindo situacións tan duras  e violentas ,non hai esceas  agresivas . Será que  estas rapazas e rapaces están bastante sensibilizados co tema, que saben está pasando  polo que oen nas noticias. Sexa polo que sexa   consideran que foi moi interesante lelo.
Dálles pena que, por ser diferente, se ataque a alguén.Eles non coñecen persoalmente a ninguén que sufra acoso pero lamentan eses intentos de "insultar" por parte dalgunhas persoas cando te chaman gafotas ou boliña.E dicimos "intento" porque , moi maduros eles e elas, cren que non ofende quen quere senón quen pode; e que non hai mellor desprezo que non dar aprezo; e que   os demais poden dicir como me ven pero non necesariamente son así. 
Deu tempo a conversar sobre a diferenza entre rirse con... e rirse de...Quixemos criticar aos personaxes do libro  que, ao comezo, todos ,contribuían a que Sonia tivera "morcegos" que a mordían na súa barriga.Puidemos  falar das simpatías que despertaron Inés e Juan... e das malas persoas que eran    Lola e Álvaro , co agravante de que este era un adulto que debía velar porque nunca ocurrise o que sucedía .
Quedounos a tod@s moi clariño que situacións similares, calquera que sexa a súa gravidade, hai que cortalas de raíz , se nos pasara debemos falalo e se vemos a quen lle ocurren non podemos permitir que sucedan:sempre hai que actuar contra o  acoso.
Foilles doado de ler e tiñan pena por non coñecer máis historias dos personaxes. Calmeillela un pouco cando lles falei de Nata y Chocolate invencibles     , libro no que seguen sendo portagonistas Sonia e os seus compañeir@s de clase.
Sei cal será un dos libros máis emprestados  estes días na biblioteca!                                                                                       




22 feb 2016

Unha semana de actividades

Nesta semana que acaba de comezar  , haberá moitas actividades no club de lectura.
O martes é a reunión do alumnado de 1º de ESO para comentar Nata y Chocolate, de Alicia Borrás.Ás 11:45 , nas aulas habituais, será o momento de manifestar as  opinións persoais sobre a lectura .Trátase dun libro no que, como dixo unha alumna o curso pasado, se fala de temas moi serios e dolorosos pero a autora consegue tratar o tema sin que a violencia  chegue a facernos dano.
O mércores,24 de febreiro temos a reunión de pais ,nais e amigos do club de lectura na biblioteca do IES. Terá lugar pola tarde, ás 17:15 e, no tempo que dure a xuntanza, ben sei que, coa mente, estaremos en Fernando Poo con Kilian , Jacobo e os demais personaxes da novela de Luz Gabás que comentaremos:Palmeras en la nieve.
E chegaremos ao xoves, día no que o alumnado de 1º e 2º de E.S.O terá , por aula, unha sesión de animación á lectura  a cargo de Benjamín, unha persoa enviada pola editorial Edebé para traballar de xeito lúdico dúas novelas que leron: Al sur de ninguna parte, de Jordi Sierra i Fabra e As lágrimas de Shiva,de  César Mallorquí.
Agardamos que gocedes coas actividades!

18 feb 2016

Iguais pero non idénticos

Arelaban comentar xa o libro deste trimestre, pero moitas persoas aínda non o leron  así que gardaron as ganas e  a conversa desvoiuse cara o tema da desigualdade entre homes e mulleres, e os malos tratos, en xeral.
Algúns rapaces e rapazas  teñen detectado, ou mesmo sofren, un trato diferente por parte dos pais e nais en función do xénero da persoa. Outr@s non perciben tales situacións.E para exemplificar o relatado ,comentáronse anécdotas que revelan canto traballo queda por facer nesta sociedade para que sexa máis xusta.
O considerar ás persoas desiguais en función do seu sexo adoita derivar , en demasiadas ocasións, nun maltrato.
As mediadoras aportamos datos sobre o maltrato ,as denuncias diarias, as ordes de afastamento que se dictan cada día,o número de mulleres mortas a mans das súas parellas ,a cantidade de  homes que cumpren condea nestes momentos por ser agresores...
O grupo opina que os maltratadores teñen un verdadeiro problema que non xurdiu por xeración espontánea senón que , probablemente esas accións  son habituais para eles porque no seu arredor se producían con relativa frecuencia . Imitan e repiten comportamentos reprobables.Amosan condutas  que , por desgraza , moitas persoas aplauden e , ás veces, mesmo animan con cánticos  cheos de insultos que ofenden a dignidade das mulleres  e que , coa proxección da televisión e o fútbol ( combinación que se está dando ) chegan aos fogares.
O tempo non deu para máis e mesmo sen foto do grupo, correron ás aulas onde, para aliviarse da carga emocional da reunión, tiñan exame de matemáticas.

15 feb 2016

Reunión do alumnado de 4º de ESO,P.D.C. e E.S.A.

Mañá martes, 16 de febreiro, ás 11:15 h. terá lugar a xuntanza do alumnado de 4º de E.S.O. 
Quedades , por tanto , convocadas tantos as persoas do P.D.C. como as de E.S.O. e E.S.A. ( ensinanza á que se cambiou algún dos alumnos do grupo).
A sesión, que aínda non será para comentar o libro  , si será para traballar a igualdade e xustiza  entre as persoas para un bo desenvolvemento dunha sociedade que amosa moitos  defectos nese sentido.
 Deixámosvos imaxe para pensar:

Agardámosvos!!! 
 

5 feb 2016

Facendo camiño

Se concordamos con Mahatma Gandhi e cremos que non hai camiños para a paz porque a paz é o camiño, a comunidade educativa do I.E.S. Lama das Quendas  encheremos o traxecto con vinte e nove valores que consideramos imprescindibles.
Se quixeramos facer un combinado cos nosos desexos, apreciamos que o amor debe formar parte dese cóctel nun 20% e a amizade nun 16%. Doce de cada cen persoas di que o respecto non pode faltar e un 8% pensa que a xustiza  é necesaria. Ademais debemos engadir solidariedade, tolerancia, honestidade e bondade nun 5%. Ten que levar un 2% de tranquilidade, comprensión, altruísmo, compañeirismo, humildade e nesa mesma proporción, temos que saber compartir. Case rematamos a beberaxe  pero fan falla unhas pinguiñas( 1%) de confianza,liberdade de expresión, sinceridade, caridade, simpatía, cooperación, coherencia, civismo, conciencia, paciencia, saúde, diálogo, educación  e harmonía.
Con estes ingredientes alguén dúbida do éxito?
So resta poñerse mans a obra e devagariño fagamos un bo camiño!!!
 

4 feb 2016

A memoria das palabras de amor

Quen de cativo non se entretivo con ese  xogo de mesa que consiste en emparellar cartas? Case todos temos experiencia con esa actividade na que se poñía a proba a nosa capacidade de recordar o lugar  no que quedaban as cartas que precisabamos para formar parellas.
Pois nese "memorion" foi no que nos inspiramos para a sesión do alumnado de 3º que ,por razóns de  "loxística" ,debía compartir local de reunión o pasado martes,2 de febreiro.
Eramos moitísim@s pero a rapazada organizouse deseguida en canto lles proporcionamos as cartolinas dun vermello intenso como corresponde á cor dos namorados (por asociación coa cor do sangue do corazón e todo iso).
Fixeron os grupos baseándose na súa  disposición na aula, sen ningún problema e procederon a  buscar parellas.Pero non parellas amorosas. Tampouco pares de cartas iguais senón complementarias: buscaban títulos de libros de amor e debían atopar as dúas partes nas que dividimos eses títulos, levantando por quendas os cartóns.
Dobre dificultade: recordar, facer traballar a memoria ,e, por outro lado,  recoñecer os títulos ( palabras de amor) de libros que poderán atopar na biblioteca  e que estarán nun lugar destacado  na semana próxima para conmemorar o San Valentín, día dos namorados.
Xa   metidos en faena, houbo grupos que axiña remataron , outros que non o lograron e mesmo algún houbo que reinventou o xogo facéndoo menos competitivo e máis colaborativo.Sempre nos ensina algo esta rapazada!!
Rapaces e rapazas ,durante o xogo,ademais de risas e complicidade,compartiron    comentarios sobre os libros que coñecían de xeito que invitaban @s compañeir@s a lelos, se tiñan ocasión.

1 feb 2016

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

Rapaces de 3º, rapazas de 3º , lembrade que o vindeiro martes, 2 de febreiro teremos  a reunión do Club de Lectura, ás 11:15 h na Aula Multimedia.
Faremos reunión de todo 3º , os tres grupos: A, B e P.M.A.R., porque nos gusta realizar actividades conxuntas que nos permitan convivir , fóra das divisións por aula, para gozar da compañía duns e outras.
Se acabou a Semana da Paz  , estamos pretiño do entroido e se achega  san Valentín...que faremos???
Pensade, pensade ... A ver se atinades.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India