30 nov 2016

E a vida quedou quieta...

Levabamos  tempo pensando en facer o reto.Na reunión do equipo da biblioteca  comentábase, pero quedaba sen data ;mais, finalmente, hai quince días que fixamos a data que nos conviña a tod@s  por non estar sinalada ningunha outra actividade no recreo do luns 28.
Desta volta, o curioso foi como a rapazada se enterou aos poucos minutos de colocar os carteis , antes de que llo mencionásemos nas aulas ,e como puntualmente, apurando os bocadillos, agardaban á porta da nosa biblioteca.
Grazas a Alfonso, coordinador da biblioteca, que non se paralizou porque durante un anaco era o único ser que daba mostra de vida naquel espazo  mentres nos gravaba entre libros.
Temos que advertir que , durante a gravación, ningún humano e ningún libro sufriron ningún tipo de dano. 
Observade a actividade da biblioteca paralizada. 
 

28 nov 2016

Reunión do alumnado de 3º A e B de ESO

 "Aquel día, despois dunha pesca abondosa, cando xa estaban a piques de dar por terminada a xornada, os pescadores pescaron o único pez que non podían,que  non debían pescar: o pez que se alimenta das almas dos mariñeiros que morren no mar sen que ninguén os recorde."
Pobres mariñeiros! Que vai suceder?
Como xa o lestes xa o sabedes, só resta comentar a historia e as fermosas ilustracións de De Profundis de Miguelanxo Prado.
Farémolo o vindeiro martes, 29 de novembro,a partir das 11:15 na Aula Multimedia  e Obradoiro.
Queremos escoitar a túa opinión!! 


25 nov 2016

Tanto que dicirlles aos avós!

Estes rapaces van ler« Enrugas», historia emotiva onde as haxa, pero hoxe non queremos estar tristes, así que escríbenlles cartas fermosas aos seus avós.
     Iván Varela dille á súa avoa:
    «Quería darche as grazas por estar todos os días aí e por apoiarme nos bos e nos malos momentos. O que máis me gustaba , cando era pequeno, era estar os dous na cama e oír as historias de cando ti eras nena, de como traballabas e como vos divertiades. Disme que agora só sabemos divertirnos con móbiles e con trangalladas».
     Lía dille á súa avoa: «Eres mi segunda madre, por ser la que me cuida, la que nunca me dice nada sobre lo que hago mal...
      Espero que cumplas tu sueño de arreglar la casa de Esperante y pasar el verano comigo».
    Enzo deixou á súa avoa en Venezuela e bótaa moito de menos, lembra 
« cuando dormía en tu habitación y despertaba temprano para desayunar arepas y café en el patio, co Sisi (nuestra perrita)...También recuerdo los paseos que dábamos por la chapa y los viajes imposibles a la finca de mi abuelo....Sabes que te quiero y te extraño. Espero verte a ti y a todos por allá».
     Nós tamén o esperamos, Enzo, e agardamos que en todos vós permaneza viva a memoria e o agarimo polos vosos avós, tal e como manifestades nestas fermosas cartas, aínda que non podemos publicalas todas, porque as historias serían tan intensas como longas.

23 nov 2016

Que difícil é atopar parella!!!

Tocaba realizar actividades que axudasen a entender a lectura deste trimestre:Engurras de Paco Roca  así que comezamos a reunión de onte, martes, co alumnado de 2º A de ESO formulando a seguinte pregunta: Que é o que máis perden @s maiores? El@s,pensando nos seus avós  responderon con unanimidade:"oído e memoria".
Ás veces non é tanto que perderan audición,- que si pasa-, senón que, ás veces,  non oen porque non nos escoitan.Non sabemos se é porque non temos nada bo que dicirlles ou que pensan que  que lles imos dicir nós que el@s non saiban.
Puxémonos logo ,por un pouco, na "pel" dunha persoa maior e pasámonos mensaxes á orella ata que chegaron ao fin da cadea e comprobamos que a mensaxe orixinal non era como a mensaxe que chegou, aínda que se parecía moitísimo porque eramos pouc@s e a rapazada esmerouse en facelo ben.Por certo para "transmitir"  empregamos versos da canción "Salir Corriendo" , de Amaral, por complicidade coa conmemoración da semana contra a Violencia de Xénero.
Para  traballar a memoria , actividade que deberamos ter sempre presente, proporcionámoslles unhas cartas que fixemos con imaxes de Engurras. Colocadas , boca abaixo, debían atopar as parellas ,xa que estaban repetidas.Isto serviunos para comentar as situacións que reflectían as imaxes e a memoria, sobre todo a memoria gráfica, púxose a traballar; nunhas persoas máis ca noutras (e é que unha rapaza ten moita práctica porque xoga cada día coa súa avoa. Que sorte tes rapaciña!!). Mesmo houbo competencia e , ao tempo, colaboración animando a quen lle tocaba voltear e facendo que reflexionase.
Tod@s conseguiron algunha parella, pero... adivinade quen acadou máis!!! 
Pasou demasiado rápido o tempo, que de verdade, foi de lecer.

21 nov 2016

Reunión do alumnado de 2º de ESO

Non sodes maiores que perderon oído ou quizais memoria; así que , rapazada de 2º de ESO , lembrade que a reunión do club é o martes, 22  de novembro, nas aulas Multimedia ( 2º A)  e Obradoiro (2º B) , ás 11:15 h.
Pasaremos un anaquiño xunt@s pensando en libros e historias e traballando con elas.
Agardámosvos!!

MAMÁ ! Que fai un somier como porta do meu cuarto???!!!!

 «Chapuza feita por un arquitecto». Así definen os rapaces o feísmo arquitectónico, fronte á wikipedia que nos proporciona unha información máis elaborada:«conxunto de infravivendas, construcións, infraestruturas e obras humanas con alto grao de mediocridade que degradan o seu contorno».
Entregámoslle unha viñeta, onde aparece unha muller «concienciada» coa reciclaxe: usa unha vella antena de tv. como tendedeiro; somieres, para cerrar unha leira; botes de Cola Cao e rodas usadas, para pór plantas...
Os rapaces din que nas súas casas ,ou nas dos veciños, se fai o mesmo: potas vellas, para comer as galiñas; bañeiras onde se plantan «fresas»; espantallos feitos con botes e latas de conservas... Todo isto lles parece ben, sempre e cando un veciño non o faga ao lado dunha casa moi coidada e cun bonito xardín, e ,moito menos, ao lado da súa propia casa!
E se a súa nai lles decorase así o cuarto? Un bote de piña como lapiceiro, un somier de porta, unha caixa baleira de refrescos para sentar... Responden horrorizados que de ningunha maneira! Acaban de comprender o que é o feísmo. Entre os cinco motivos que lles pido para indicar as causas da súa frecuencia, indican:
  -É máis barato e práctico.
  -Dáselle uso a cousas inutilizables.
  -Á xente non lle importa que se estrague a rúa, impórtalle vender casas.
  -Non hai bo gusto.
   -Non son conscientes do que fan...
    Si, creo que o comprenderon.
   Para a próxima reunión, entregarán ou enviarán fotografías do que eles consideran feísmo na zona de Chantada. Agardámolas!

16 nov 2016

En cada casa unha historia

Cada libro que lemos dinos algo máis  do que nos conta. Estamos lendo coa rapazada de 1º A de ESO  A Mansión dos Pampín  de Miguelanxo Prado e teremos ocasión , na próxima reunión, de falar e opinar da historia da familia Pampín e as súas peripecias.Na de onte , martes, quixemos afondar na  harmonía que debe existir entre as vivendas e o medioambiente, o patrimonio histórico-artístico e o contorno en xeral.
Por iso , cada rapaz escolleu a cegas un folio no que lle aparecía una fotografía dunha casa.Tratábase de construcións de pedra, de peles, de ladrillo, de formigón, de xeo, de terra, de madeira, de palla, de tea…Vellas , antigas ou modernas.Rurais e urbanas.Unhas  eran das que permanecen fixas nun lugar, pero outras eran facilmente movibles ( tenda de campaña , vivenda  en vehículo). Podíanse situar en diferentes lugares do mapa do mundo: uns próximos (Chantada e outros lugares de  Galiza, Andalucía) e outros máis distantes como  Alaska, Amazonía, África, estados Unidos  ,Hungría, Finlandia,Islandia…
En común puxemos toda a información anterior porque era significativa para a segunda parte da sesión na que tiveron que crear unha narración da que fosen protagonistas unha parella  cun fillo e unha filla que viviran en cada un daqueles fogares.
E fixérono con interés ,creatividade e orixinalidade sabendo que non lle ocorre o mesmo a quen percorre os salóns dun pazo árabe  ou dorme nunha tenda ao aire libre ou se protexe da extrema temperatura nunha casa baixo terra en Islandia.Tiveron en conta o clima, a paisaxe, e ,en xeral ,as condicións que determinan a vida das persoas segundo se atopen nun ou outro  medio .
Unha experiencia gratificante que leva á rapazada a reflexionar sobre estas cuestións,nada  menores,  que lle irán creando opinión sobre a necesidade de adaptarse , no máis amplo sentido da palabra, ao lugar que desexamos sexa o noso fogar.

14 nov 2016

Reunión do alumnado de 1º de ESO

Se existe algún grupo especialmente interesado en que teñamos reunións , ese é o de 1º de ESO. Non hai día no que non pregunten :" cando é que nos xuntamos?" E teñen o calendario pegado no taboleiro do club , e saben que vén tocando unha reunión por mes  pero semellan desas persoas que senten que ,ao preguntar, suceden antes as cousas.
E por fin, chegou o día. Mañá martes, ás 11:15 horas, na aula Multimedia e na Obradoiro xuntarémonos  para facer actividades. Cales?...Xa o saberedes, impacientes!

10 nov 2016

Unha viaxe inesperada

Iniciamos a viaxe da sesión co alumnado de 4º proporcionándolles unhas viñetas de Quino para que  imaxinasen a historia que  narraban e  que , logo, nos tiñan que contar.
Toda a creatividade agromou e prendeu nos seus  relatos que , ademais, remataron cun refrán ben atinado en cada caso.
Na primeira parada do noso recorrido , verbalizaron as diferentes maneiras de contar historias: con palabras, con debuxos, con xestos... Despois,reiniciamos o camiño observando a maleta cun gran interrogante que se debuxara na pizarra.E falamos dela. Alguén dixo que ía de viaxe,que cambiara de dono,que estaba perdida nun aeroporto ,de aí o signo da interrogación... E podía ser, pero non. Esta era a súa maleta, a de cada un/unha. Esa que @s acompañaría porque tiñan que marchar, así ,de súpeto,sen diñeiro. Só poderían levar algo de roupa e tres cousas que debían escoller.Unha persoa preguntou se esas tres cousas tiñan que "entrar na maleta"-quizás pensando en levar  algún familiar ou algún moble como a cama.Xa resignad@s coas limitacións impostas,fixeron as súas propostas: auga ( se a deixaran introducir no avión, se viaxaban en avión), comida , un amigo (ah!Non, que non cabe!),un móbil , un mapa...Mentres pronunciaban todas estas "posibilidades" debatían sobre a súa conveniencia ou non.(Orgullosas estamos desta rapazada que analiza as situacións e ofrece diferentes solucións!!)
Avanzaron no percorrido e coa maleta chea desas cousas que cadaquén elixiu e, por fin , chegaron a un destino descoñecido."Que farías nada máis pisar esa nova vila?"-foi a seguinte cuestión que lles presentamos.Dende buscar traballo ata pedir axuda a un policía ou ao consulado, pasaron por proposicións diferentes.
"E como vos sentiríades? -preguntamos finalmente."En tensión", "con morriña", "perdid@s","preocupad@s","moi sós". Igualiño que o protagonista de Emigrantes ,o libro de Shaun Tan que leremos neste primeiro trimestre.
Neste momento,si que, definitivamente, as mediadoras podemos dar por rematada  esta viaxe de hoxe.


Lecturas do outono

Non queremos dicir que só se poidan ler estes libros durante o outono. A  afirmación do titular significa que estas son as lecturas que as diferentes seccións do noso club de lectura lerán neste outono.
A rapazada lerá novela gráfica para introducilos pouquiño a pouco neste marabilloso mundo que combina imaxe e texto.A rapazada de 1º de ESO, 3º de ESO  e 1º e 2º de Bacharelato lerán respectivamente   A Mansión dos Pampín , De Profundis,  e  Trazo de Xiz, todos da autoría de Miguelanxo Prado. Para os de 2º de ESO escollemos  Engurras , de Paco Roca ;e ,finalmente , os de 4º de ESO  meteranse no mundo de Shaun Tan  coas suxerentes imaxes - e sin texto!- do libro Emigrantes.
Os maiores leremos novela de características ben diferentes.O grupo de adultos ( pais,nais e outr@s lectores) teñen como proposta El cuento número trece de Diane Setterfield e o profesorado lerá El niño en la cima de la montaña de John Boyne.
Cando teñamos as reunións para conversar sobre o lido e dar as nosas opinións, cada persoa poderá compartir os seus comentarios sobre se nos gustaron ou non  e todo aquilo que desexemos subliñar ao respecto. Mentres, só resta agardar que tod@s teñamos boas lecturas !

7 nov 2016

Reunión do alumnado de 4º de ESO

Rapazada de 4º, lembrade a nosa reunión do club do vindeiro martes, 8 de novembro.
Será  na Aula multimedia e na Obradoiro, ás 11:15 horas.
Aproveitade a mirar con detemento a fotografía da convocatoria e xa nos contaredes que vos suxire.
Agardámosvos!!

2 nov 2016

Chegou a hora de valorar

Rematada a semana do Mercadiño de Libros chegamos ao momento de valorar a actividade. Non de facer contas e pensar en términos monetarios soamente  senón que é o instante de analizar pros e contras, beneficios e prexuízos se os houbera.
No apartado de doacións sinalar que  recibimos 35 exemplares novos nesta ocasión.Á rapazada que nos cedeu os libros, entregámoslle 29 vales dos cales só fixeron efectivos 16.
Algunhas persoas aportaron libros para prestar ata acadar os 18 que se expuxeron no mostrador do noso mercado, dos cales levaron 8 de emprestado para as súas casas.
E xa ,finalmente,entre o alumnado e o profesorado mercaron 23 exemplares ao longo destes días.
Para concluír o apartado de números, podemos computar un movemento duns 100 exemplares que cambiaron de mans por uns días ou para sempre.
Se as cifras nos compracen, máis o fan os bos momentos vividos, eses nos que @s lector@s se achegaron para falar deste ou aquel título  que tiñamos diante; para preguntar se tiñamos algún dun autor concreto porque desexaban lelo; para miralos , tocalos, comparalos coas edicións propias...
O grupo de persoas do club de lectura e da biblioteca -rapazada e profesorado- que organizou este actividade  non pode menos que calificala de beneficiosa, positiva,   satisfactoria e útil.
Grazas a tod@s por colaborar.
O ano que vén máis!
 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India