29 ene 2016

Xogamos pola paz

O xogo limpo  púxose en práctica o pasado martes, na reunión do alumnado de 2º de E.S.O.
Estando na semana da paz e sendo tod@s conscientes do que precisamos para a mesma iniciamos unha actividade na que a convivencia e  o respecto predominaron fronte a competitividade e o enfrontamento.
Por grupos,@s alumn@s de A  e B mesturad@s xogaron a un xogo de mesa que en vez de ocas tiña pombas da paz e se caías nunha delas podiamos dicir " de pomba a pomba e fago outra ronda".En cada casiña había unha imaxe relacionada coa paz no mundo.Rapazas e rapaces  dun curso e doutro xuntos, nun clima de paz e amizade, gozando coa actividade.Daba gusto vel@s.
Gañaron Martina,Daniel, Pablo, Manuel, Laura,Rocío e Paula. Por este orde. Pero  non tivo a menor importancia porque tod@s o pasaron marabillosamente  e @s gañador@s compartiron o premio, o agasallo  con todas as persoas do grupo por iniciativa propia. Todo un exemplo.

25 ene 2016

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Rapazada de 2º de E.S.O. que pertencedes ao club de lectura, vémonos o vindeiro  martes, 26 de xaneiro , ás 11:15 horas, nas  aulas habituais de reunión.
Falaremos de cousas serias, coma sempre. Nesta ocasión, do Día Escolar da Non Violencia e a Paz , que se conmemora o 30 de xaneiro, que como cae en sábado , día non lectivo, temos que adiantalo.
Lembrade que tedes que vir "armados" con cubiletes, dados e figuriñas que fagan de fichas.
Ata o martes!!

24 ene 2016

Semana Escolar da Non Violencia e a Paz

                                                                                        
Gustaríanos que non houbera un Día da Paz porque sería a proba de que  as persoas viviriamos nun mundo de comprensión, respecto e tolerancia ; nun mundo no que tod@s seriamos iguais e compartiriamos todo coma irmáns.Pero  non hai máis que mirar ao arredor e comprenderemos que fai falla seguir traballando pola paz.
Que precisamos para que a paz, de verdade e definitivamente, reine no mundo? Pois iso é o que  preguntamos dende o Club de lectura nun intento de tomar conciencia do problema  para contribuir á súa resolución.
Así, a rapazada do club, durante toda a semana estará na entrada do instituto, ao pé do noso taboleiro para ofrecer a posibilidade de que calquera persoa da comunidade educativa reflexione sobre os valores que nos compren para vivir en paz e deixe a súa proposta ao arredor da gran palabra que presidirá o mural pola paz.
Iremos colgando fotos para amosarvos como se vai enchendo de valores  e cando remate a semana faremos o cómputo das propostas.
Agradecemos a vosa colaboración !

21 ene 2016

"Vivindo a vida en paz"

Nada máis entrar na aula , a rapazada puido escoitar o tema  "No dudaría" ,de Antonio Flores, que deu inicio á conversa sobre a paz, a non violencia, a non agresión ,a fraternidade... E, deseguida, pediron que sonara ( menos mal que xa a tiñamos preparada)  "Imagine " de John Lennon que orixinou distintos comentarios que viñan a ser desexos expresados en alta voz.
Posteriromente, as notas do " Himno da alegría" puxeron a música ao obradoiro da paz que realizamos no que quedaba de reunión.
Traballamos nas actividades coas  que pretendemos conmemorar o Día Escolar da Non violencia e a  Paz , así que  recortaron a gran palabra  que vai encher o taboleiro do Club durante a semana do 25 ao 29 de xaneiro. Tamén prepararon as tiriñas de papel nas que escribiremos os valores que precisamos para que a paz reine no mundo e cada rapaz e rapaza fixo para si, e para outros, unha  chapa coa característica pomba que leva a ramiña de oliveira no pico.Será o noso distintivo na semana que se achega.
Cóntovos que , cando escoitamos o timbre que nos obrigaba a retomar a rutina das clases,  tod@s a unha , e de xeito espontáneo, berramos : "Xaaaaa!!! Nooooonnnn!!! " Pero quen manda non roga!



18 ene 2016

Reunión do alumnado de 1º de ESO


Todo o alumnado de 1º  de ESO  A e B sabede que temos a reunión do club mañá martes,19 de xaneiro.Será , coma sempre , na Aula Multimedia , ás 11:15 horas.
Traede material para escribir e debuxar porque o imos empregar durante a sesión.

13 ene 2016

O comezo da fin

Ao alumnado de 1º de Bacharelato resultoulles moi difícil de ler a primeira novela da triloxía de Apocalipse Z .Non pola linguaxe, senón máis ben pola temática. Non son lector@s de ciencia ficción, ni habituais nin esporádic@s, polo que lles custa meterse nese mundo que nos propón Manel Loureiro.
Particularmente , non cren nin nos non-mortos nin en nada que se lle pareza, prefiren lecturas verosímiles,prefiren a fantasía probable.
Non había moito que comentar polo escaso interés que lles provocou a novela que algunhas persoas, ademáis, nin siqueran remataron por non ser do seu agrado.Comezaron neste xénero e remataron co mesmo libro.
Aínda así houbo un alumno ao que lle encantou  a lectura e xa está disposto a devorar os dous libros nos que continúa a historia.El mesmo se estranaba de ser o único a quen lle gustou.
Pero aínda que a  historia non lles entusiasmou , tivemos ocasión de falar da información-desinformación do poder, das posibilidades reais dun ataque  con armas químicas,das maneiras de subsistir en caso de  aillamento...
 Aínda lamentando que non desfrutasen co libro, el@s, @s alumn@s, e nós, as mediadoras, estamos content@s de telo intentado e de ter opinión ao respecto.
Quizáis cando teñan máis anos e máis experiencias intenten, de novo,  ler  ciencia ficción e atopen nela cousas interesantes.Ou non. Quen sabe!

11 ene 2016

Reunión do Club de 1º de Bacharelato

apocalipse z. o comezo da fin-manel loureiro-9788415699408Non sabemos cando vos puxestes a ler Apocalipse Z : O comezo da fin de Manel Loureiro.Se foi durante as últimas vacacións , de seguro que nalgún momento abandonastes a lectura para buscar a un familiar , un amig@ ou a vosa mascota para darlle un chisco de cariño e que volo deran a vós.
O protagonista da novela  atópase nunha situación extremadamente complicada e ,dende o principio, non ten información ningunha,e, pouco a pouco, vai pasando da confusión e preocupación  a un fortísimo instinto de supervivencia.
Para contarnos o que sentiches, o que pensaches o que che gustou e che disgustou desta novela de zombies, a primeira da triloxía deste galego que vende moitísimo nos EEUU,acude á Aula Multimedia o  martes,12 de xaneiro, ás 11:15.

 

10 ene 2016

A colonización de Marte


"Este é  un libro que escollería para ler eu dun xeito egoísta". Esta era a opinión dunha compañeira sobre Crónicas Marcianas. Quéreo para saborealo e meditalo  a medida que as palabras de Rad Bradbury penetran na súa mente.Gústoulle tanto que xa está programando unha segunda lectura.
Pola contra, outras persoas non teñen plans de relectura destes relatos.
Ninguén acabou disgustado trala lectura ,pero a uns gustoulles e a outros non.
Pouc@s de nós somos d@s que len habitualmente ciencia ficción. So para un dos asistentes é o seu xénero favorito.Pero , aínda así, resultounos fácil de ler porque , entre outas cousas, os personaxes son moi cercanos ,son como calquera de nós aínda que estén en Marte.
Esta foi unha das reflexións verbalizadas: é a eterna metáfora da colonización dun país e a destrución que leva consigo.
O libro é un clásico que trata temas sempre presentes na literatura como son a soidade, a desesperanza, o pesimismo sobre a condición humana, os medos , a vida ... e gústanos que o faga porque recoñecemos o xeito orixinal empregado por Rad Bradbury  aínda que algúns consideren, tamén,  que moitos relatos son  pouco críbles.
En xeral, concordamos coa compañeira que manifestoru que o comezo, os primeiros relatos son espectaculares;os do medio aburren un pouco e ,o final é moi bo.

7 ene 2016

O ano de Manuel María

Para festexar o día das letras galegas, que este ano se dedica  a Manuel María,  dende a Biblioteca do IES Lama das Quendas queremos que esta celebración non se quede nun so día e se estenda a todo o ano.
Para elo, en colaboración con Televinte, emitirase diariamente un poema do autor homenaxeado. 
O Club de Lectura A Quenda do Libro  que forma parte da biblioteca, está entusiasmado coa idea e xa moita da nosa rapazada ten gravado o seu poema e vari@s profesore@s e pais e nais tamén.
Se ti es dos que cres que as letras galegas son todo o ano,sexas ou non do noso club,  colabora lendo un poema, acode á biblioteca e escolle unha poesía que posteriormente será emitida no Telenovas para achegar a obra deste escritor a toda a nosa xente.
E se coñeces a calquera persoa que esté interesada invítaa  a que se achegue ao noso instituto ou a Televinte onde tamén lle farán a gravación.
Por certo,hoxe comezan as emisións no Telenovas da canle local.
Anímate ti e participa!

6 ene 2016

A primeira reunión do ano novo!

Que ganas de que chegara o 2016! 

E xa está aquí. E o profesorado do Club de Lectura quere comezar ben o novo ano e esta nova etapa do curso académico polo que temos programada a reunión  para comentar Crónicas Marcianas de Ray Bradbury  no recreo de mañá xoves, 7 de xaneiro.

E,se non estás no club pero leches o libro e queres facer algún apuntamento da túa colleita, achégate,ás 11:15 h. á Aula Multimedia  onde falaremos  desta colección de relatos nos que se fala da colonización de Marte.
Un libro que serviu de tema de conversa noutras novelas, mesmo xuvenís,  e  de inspiración para títulos de programas de televisión , por exemplo.



 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India