18 abr 2018

"Non me deixes nunca".


Na mañá do 23 de marzo tivemos a xuntanza do club de lectura do profesorado para falarmos de "Non me deixes nunca", do Premio Nobel do pasado ano Kazuo Ishiguro.

Novela complexa, por momentos densa e lenta, por mor dunha precisa e pormenorizada descrición de personaxes, lugares, sensacións... Unha aparentemente simple historia do día a día nun internado, contada en primeira persoa pola protagonista, na que as aventuras e desventuras dun grupo de estudantes van deixando entrever que nesa idílica porción da campiña inglesa non todo é o que parece.

Un libro que da que pensar cara onde vai esta sociedade creando un mundo distópica que nos lembrou na reunión a George Orwell ("1984"), Ray Bradbury ("Fahrenheit 451") ou Haruki Murakami ("1Q84" ou "Los años de peregrinación del chico sin color"). Non é para calquera momento nin cecais para todos os públicos... pero non deixa indiferente.


9 abr 2018

Calendario de reunións do mes de abril...


6 abr 2018



Dous libros de temáticas moi diferentes foron os protagonistas da charla que tivemos no club de nais, pais e amigxs. Por unha banda, o conxunto de relatos de “Da fría e distante Estrela Polar” de Tomás González Ahola, relatos que aparentemente pouco teñen que ver entre si, mais que segundo van avanzando aparece un misterioso fío condutor, un misterioso, arrepiante, sanguento fío condutor que se vai facendo máis presente, máis denso, máis agónico, máis… e ate aí podemos ler sen desvelar nada. Acudiu á conversa sobor o libro, cecais inevitabelmente, a obra de H. P. Lovecraft (Tomás González Ahola é o seu tradutor ao galego) e o mito de Cthulu. Por aí poida que vaian os tiros… Ben, como o 15 de maio vai vir ao instituto, poderemos preguntarllo!

O outro libro, “Patria” de Fernando Aramburu, un libro que a través da historia de dúas familias cunha longa amizade (dende rapaces) rómpese por mor do conflito euskaldún e ETA. Un libro longo, que nun comezo parecía complexo de ler, mais que grazas a unha estrutura de moitos capítulos curtos e hábiles encadeamentos de lembranzas, idas e voltas polo tempo e unha narración clara e directa, fai que pouco a pouco vaia enganchando. Un tema complexo, e cecais levado ao seu límite ao amosárense múltiples puntos de vista en personaxes e accións ben deseñadas (as personaxes femininas son probabelmente as máis interesantes), aínda que cecais algo estereotipadas… Mais un achegamento necesario segundo o que se foi falando durante a reunión, que faría falta facer máis con determinados episodios da historia da España máis recente, ou da non tan recente…

Próximas paradas, “Por que as sombras non teñen ollos” de Luis Manuel García Mañá e “O alquimista” de Paulo Coelho.


5 abr 2018

Libros para o terceiro trimestre!!!

Libros para este terceiro trimestre en "A quenda do libro".
1º ESO: Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola.
2º ESO: Binomios fantásticos, de Miguel Robledo.
3º ESO e 4º ESO: El fantasma de la ópera, de Gastón Leroux.
Bacharelato: Drifters, de Kôta Hirano, e Shingeki no Kyojin, de Hajime Isaxama.
Nais, pais e amigxs:  Por que as sombras non teñen ollos, de Luis Manuel García Mañá e/ou O alquimista, de Paulo Coelho.
Profesorado e persoal non docente: Da fría e distante Estrela Polar, de Tomás González Ahola.


4 abr 2018

"Alaia e a deusa".

Nas dúas últimas semanas do segundo trimestre tivemos sendas reunións co alumnado do club de 2º A e B de E.S.O. que estivo a ler “Alaia e a deusa”, de Tomás González Ahola.

Baixo a aparencia dun típico libro de aventuras, destacaron por un lado a época histórico-mitolóxica na que acontece a historia, con referenzas á Atlántida ou ao pobo nerio (nome co que se coñeceron aos antigos habitantes da Costa da Morte), pobo ao que pertence a protagonista da historia, Alaia. Por outra banda, tamén puxeron de manifesto a amizade entre ela e a Serpe-Besta, cecais o fío condutor da obra segundo algúns lectores, e que marca o destino da neria no final da obra…

Mais o que deu moito que falar, e xurdiron máis que interesantes debates, foi a relación amorosa entre Alaia e Tálice, unha moza pertencente á clase aristocrática. E é que non é moi habitual que na literatura, e sobor de todo, na literatura chamada “xuvenil” se traten ese tipo de historias que, por desgraza, seguen a ser un tabú na nosa sociedade…


 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India