31 mar 2017

Coñecer o pasado para comprender o presente e imaxinar o futuro

O que máis lle gustou ao  alumnado de 3º B de A voz do lago foi a existencia dese libro " maldito" que está no pazo e cada vez que se abre algo sucede. Subliñan a aparición, pouco verosímil,  de sereas que tamén apareceran en De Profundis de Miguelanxo Prado ( a súa lectura do 1º trimestre).
Decláranse afeccionad@s ás lecturas de lendas,de aventuras e ciencia ficción. 
De volta á realidade  falamos de María Mariño, a poeta que Antón Riveiro Coello converte en coprotagonista da novela. Coñecíana, e tamén algúns dos versos que coseu.E lembramos o escenario no que o autor sitúa a narración que nos levou a contemplar imaxes do Pazo de Goiáns, do seu embarcadoiro, da fonte do xardín que representa unha serea.Unha construción histórica que nos enlaza co pasado.
E neste punto recibiron unha proposta. Se puidesen viaxar ao interior dos libros (como ocorre en 2083 de Vicente Muñoz Puelles,quen deles se atrevería a "viaxar" pola novela que estamos comentando? Pois só un rapaz rechazaría a oferta. As rapazas aplaudían a idea.
Sabendo que non poderían cambiar a historia ( ao contrario do que sucede nalgún capítulo da serie televisiva El Ministerio del Tiempo), queredes saber a que libro viaxarían  de boa gana? Pois escolleron a Saga Diverxente de Verónica Roth, Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure, Harry Potter de J. K. RowlingA Rateira, de Agatha Christie. Tíñano moi claro. A min custaríame máis decidirme.

30 mar 2017

Tristes armas se non son as palabras.

Nun día desacostumado, mércores, tivemos a reunión do club de lectura que non puideramos celebrar o día anterior por mor dunha actividade que se programou na nosa hora .Para seguir coas "rarezas" , tampouco a realizamos cada grupo por separado senón que @s de A e B compartiron espazo pola ausencia xustificada da persoa encargada de comentar a lectura con 2º A. Así que fóra de día, fóra do habitual pero coas ganas de sempre apareceron as alumnas de 2º B e pouco despois, o alumnado de 2º A para , á hora de sempre, falar de Kafka e a boneca viaxeira e A Pomba e o Degolado.
As modificacións que tivemos que efectuar para adaptarnos ás circunstancias, aconsellábannos facer unha "guerra de palabras" na defensa de cadansúa lectura. Pero a realidade levounos por outro camiño porque só unha das persoas asistentes  defendería con forza a súa novela.Así que , falamos do que non lles gustaba de cada un dos libros e do que destacaría a rapaza á que lle gustou o seu.
Con ningunha  das dúas  obras aprenderon nada que non souberan. Saben que hai situacións de bullying que temos que erradicar; que os avós son persoas moi importantes para el@s ( xa nos deramos conta cando lemos, con esta mesma rapazada, Engurras de Paco Roca); que se sofre moito cando perdes a alguén que queres xa  sexa persoa, animal ou xoguete (nas fotos incluímos as imaxes de dous peluches dos que as nosas rapazas non se queren separar);que conversar con alguén e expresar os sentimentos axuda a mellorar o ánimo e a saúde; que ten razón o avó de André, o protagonista acosado, cando afirma que  a nostalxia do que non temos connosco é "coma un traxe de talla inferior ao necesario que che preme o peito"; que ás persoas , aos animais, ás bonecas como Bríxida incluso, hai que darlles " o billete de ida e volta e que fagan o que queiran" ...
Quen diría que existían tantas coincidencias en dúas novelas tan diferentes!!! 
E , malia as súas críticas, digamos, desfavorables para estes libros, recomendaríanllos  a alguén? Pois si.O de Jordi Sierra i Fabra cren que sería interesante para alguén que perdera ou atopara unha boneca, un xoguete, para que entenda que a vida segue igualmente. A novela de Fina Casalderrey aconsellaríanlla a unha persoa á que lle gusten os paxaros, a quen sufra ou exerza maltrato entre iguais para que comprenda que se pode saír desa situación ou que non se debe acosar.
E así rematamos unha xuntanza que ía ser unha guerra dialéctica e acabou, finalmente , nun encontro cordial con  máis acordos que discrepancias. 

27 mar 2017

Reunión do alumnado de 2º de ESO e PMAR

O vindeiro martes, 28 de marzo, xuntarémonos para falar de Kafka e a boneca viaxeira e A Pomba e o Degolado
Poderemos falar do parque que visitaba Eli  para xogar coa súa boneca e dese ao que foi Andrés para choupar baixo a chuvia ( aínda que fose en lugares ben distantes e en épocas diferentes).Ou comentaremos a paixón por escribir que recoñecemos en Kafka e na avoa de Andrés.O primeiro escribe cartas e , da segunda, o seu neto cre que se convertirá nunha nova Rosalía.Ou pode que meditemos sobre as paixóns dos protagonistas: Eli adoraba escoitar historias e Andrés os paxaros.
Dialogaremos do que queirades a partir das 11:15 horas."2ºA estará na Aula Multimedia e 2ºB e PMAR na Obradoiro.
Agardámosvos!!

23 mar 2017

Teño medo da ignorancia que manifestan os que mandan

Lemos Cartas de inverno, así que falamos un pouco do autor e das súas obras; tamén doutras historias terroríficas: Drácula, Frankestein, O príncipe da brétema...
Hai anos, co propio Fernández Paz, que daquela dirixía un curso de escrita creativa, construímos un texto con todo o que nos gustaba. Hoxe fixemos o mesmo cos nos medos. A actividade consiste en repetir a estrutura sintáctica deste enunciado: Eu teño medo dos ruídos que se escoitan pola noite.
Así saíron mensaxes cheos de lirismo, de humor e, como non, terroríficos:
Teño medo dos ruídos que se escoitan pola noite, do futuro que me prepara o destino, das cadeas que te aferran ao pasado, das persoas que se levan unha parte de ti, do baleiro que se crea no meu ventre, dos amigos que contan mentiras, dos profesores que mandan moitos deberes, dos rapaces que dan patadas xogando ao fútbol, de que o Manolo medre, das serpes que son longas, dos homes que miran torto, de chorar e que non poida parar, das abellas que me provocan alerxia, da xente que ignora as cousas importantes , dos bosques que están escuros, das casas que están sen luz, das inxustizas que se manifestan a diario, das rosas que non abren os seus pétalos, do poder que teñen os cartos , da ignorancia que manifestan os que mandan.
   Aí van algúns dos medos do noso alumnado de terceiro de ESO. E vós, a que lle tedes medo?

21 mar 2017

Non deixou a ninguén indiferente

Temos  compañeir@s @s que lles encantou  A conxura dos necios de John Kennedy Toole. Consideran que é unha obra " maxistral", "inxeniosa", con moita ironía e sarcasmo. (E aquí podiamos reproducir unha restra de cualificativos que adornarían a crítica). A outr@s non lles gustou nada porque o protagonista lles resultou noxento, repulsivo; a narración moi repetitiva e o listado de personaxes inadaptados é demasiado longa. "É unha novela excesiva", resumen.
Uns/unhas leron a novela completa , con máis  ou menos desgana, e outr@s deixárona nalgunha desas páxinas nas que quedaron "atascad@s" durante varios días , sen ser quen de avanzar.
O relato gorentou a quen nos dixo, por exemplo, que o final foi fantástico porque , entre outras cousas, conta como se fixo  xustiza para tod@s especialmente para Ignatius, o protagonista. Pero para outr@s ignatius é malvado, inmaduro, nugallán, fantasioso...vamos, unha mestura de Quixote e Sancho ( todo nun) que se cre o mesías que transformará o mundo no que vive.
Con todo, as persoas asistentes concordamos en que reflicte a vida norteamericana ,a fins dos anos 50 , cunha esperpéntica galería de personaxes a través dos cales fai unha caricatura social e política  da Nova Orleans daquela época.
A obra de  John Kennedy Toole levounos a outras que mencionamos como semellantes pola historia que conta ou por como o fai, así un compañeiro recomendounos ler   Wilt, de Tom Sharpe. Seguro que máis dun/dunha seguiremos o consello.

20 mar 2017

Reunión do alumnado de 3º de ESO

O vindeiro  martes teremos a xuntanza de 3º de ESO nas Aulas Multimedia e Obradoiro.Coma sempre, será ás 11:15 h. 
Recibiremos a primavera e falaremos das cartas de inverno.
Agardámosvos!!

16 mar 2017

A xente pode cambiar

Á pregunta de: gustouvos a novela? só un rapaz contestou con rotundidade e xustificou o por que ademais de  proporcionarnos a "ensinanza" que el quitou da lectura: cre que nos Centros de Menores  hai moita xente que está alí por razóns moi diversas e, aínda que fora xente que se meteu en problemas no seu día, en calquera momento pode cambiar. Concordamos plenamente o resto d@s asistentes.
Lemos a páxina na que a autora proporciona datos reais da delincuencia de menores que el@s conectaron deseguida coa charla do Programa Ktorce18 á que asistiran e na que lles falaron das condutas infractoras dos adolescentes e das consecuencias legais e responsabilidades dos menores infractores. Están ben informad@s.
O que non lles viña á mente era o crime real  no que a autora confesa que se baseou. Quédalles lonxe e non procuraron información.
Meténdonos máis  na lectura , lembramos que Éric, o protagonista masculino, nomea ás persoas máis importantes da súa vida e a nosa rapazada fixo o mesmo despois de pensalo unha miguiña.Para tod@s, agás unha rapaza que nomeou á súa avoa, as persoas máis importantes , quen van ser??? O pai e a nai!!! Cando lles pedimos que buscasen alguén fóra da familia. Non atoparon a ninguén. Son moi nov@s aínda!
A continuación mencionáronse os libros que len os personaxes dentro da novela e, citando a frase da bibliotecaria que nela aparece, dixeron os títulos daqueles libros que os "atraparon" a el@s. Hai bastante unanimidade por iso só se nombraron :La última jungla, La tumba de Aurora K, O enigma de Caronte, A ladroa de librosCartas de Inverno.
E chegou o momento de prever o que ocorrirá máis alá da historia contada. Pasados 5 anos... seguirán xuntos Éric e Xenia? Algúns creen que "si,claro!";  outr@s pensan que "deberían seguir xuntos despois de todo o que pasaron"; e , pola contra, algunhas persoas cren que  quizás o amor cambie porque unha relación por correo electrónico é ben diferente ao trato directo.
Antes de rematar a reunión informando da  lectura   escollida para o 24 de abril para conmemorar o Día do Libro nunha xuntanza conxunta de pais,nais, profesorado e alumnado que desexe asistir, escoitamos a canción de Nito Mestre titulada El fantasma de Canterville  que lle acae moi ben a esta historia narrada. 

15 mar 2017

Reunión do profesorado

O vindeiro venres, xuntámonos para  conversar sobre A conxura dos necios  de  John Kennedy Toole porque nós non somos coma o protagonista  que di “Só me relaciono cos meus iguais, pero como non teño iguais non me relaciono con ninguén.”
Creo , polos comentarios que nos van chegando, que é unha novela que adoras ou detestas, así que ben sei que haberá moitos e saborosos comentarios sobre Ignatius Reilly e o mundo que o rodea.
Xa falaremos!!

10 mar 2017

O "neno" deu que falar!

"Encantoume", "non me gustou nada", "é un libro para 1º de ESO", "gustoume moito"... foron algunhas das primeiras impresións dos pais, nais e amigas do club de lectura sobre  El niño en la cima de la montaña , de Jhon Boyne, na reunión do pasado mércores na Biblioteca do IES.
A cousa principiaba ben! En serio! Encontro moi estimulante que @s lector@s teñamos opinións diferentes sobre o mesmo libro, é moi enriquecedor  porque nos permite conversar e manifestar diferentes argumentos de modo que tod@s temos algo que dicir. O que non ocorrería se estivésemos completamente de acordo .
Logo xa foron matizando as súas cualificacións do comezo.
Independentemente de que a historia nos gustara máis ou menos, de que nos convencera ou non o final, de que  creamos que finalmente Pierrot  se redimise ou non trala confesión dos seus actos ao escritor amigo, maioritariamente conviñemos en que é un libro fácil de ler protagonizado por un rapaz manipulable, fascinado polo Führer, magnetizado polo poder dos "cachorros "nazis,   aillado do resto do mundo e impasible ante o horror que acontece ( e que ás veces el mesmo provoca).
Debatemos sobre a importancia do ambiente na educación das persoas ( non só d@s nen@s) e da posibilidade de rectificación e emenda de todo  ser humano. (Porque tod@s temos dereito a equivocarnos).E profundizamos  en certos momentos da historia para analizalos con precición, mesmo buscando ás páxinas nos que se narraban os feitos. 
Houbo unha compañeira que nos explicou a súa teoría interpretativa relacionada con Pierrot/ Peter Fisher  quen renega do seu amigo xudeu  Anshel, ao xeito que fixo Pedro con Xesús na Biblia.E mesmo o nome do protagonista en francés, levou a algunha persoa ata os silenciosos  "mimos".
Charlamos de moitas máis cousas das que non facemos  mención porque isto tampouco ten que ser un "un acta".E case ao final ,unha das nais recomendounos ler La casa del propósito, tamén de Jhon Boyne ( porque xa tod@s leran El niño del pijama de rayas).
Acabamos a reunión  , coma sempre, co préstamo de libros @s asistentes . Levaron os recomendados para a vindeira reunión e outros porque "necesitan " ler. Estas adiccións non son perigosas!

Reunión do alumnado de 4º de ESO

O vindeiro martes, 14 de marzo, teremos a reunión para falar de Mentira de Care Santos.Opinaremos sobre a historia e os protagonistas.
Na Aula Multimedia, ás 11:15 h teremos tempo de pensar nos perigos de internet, dos libros que nos marcaron, das persoas importantes na nosa vida... de todo aquilo que desexemos.
Quizás tamén analicemos se é certo  que , ás veces, a verdade agacha unha mentira. Ou era  que a mentira esconde algunha verdade? ?
Aclararémonos!!
Por certo, recoméndamos a escoita da canción El fantasma de Canterville de Nito Mestre.Ao mellor podía asinala o propio Éric. E de seguro que a Xenia lle encantaría!!

9 mar 2017

Nin un bala perdida, nin unha bala perdida.

Tras comentar o significado tan diferente que, unha vez máis, teñen as palabras e as expresións segundo utilicemos o masculino ou o feminino, pasamos a comentar Bala perdida de Manel Rivas. Ao comprobar que só unha rapaza lera o libro quixen preguntar polos motivos polos que nun club de lectura non se le, e déronseme varios pouco cribles. Ao comprobar que a miña cabeza anda «algo perdida» e que a lectura era para o próximo mes de abril; pasamos a falar dos seus gustos en libros. Prefírenos de crimes, de misterio e de terror, pero que sexan fáciles de entender! Entre os favoritos están: A historia interminable, Momo, Primer curso en Torres de Mallory , e varios dos propostos en clase como El silencio del asesino, El rostro de la sombra ou Cartas de inverno...
No mes de abril, falaremos de piratas, de tesouros, dunha xornalista..., porque non somos ningúns «balas perdidas» e imos ter moito que dicir do libro de Rivas.

8 mar 2017

Facer "tres en liña" para conseguir a merenda!

Si, o noso libro está protagonizado por unha fantástica cociñeira, pero nós tamén podemos elaborar unhas pizzas, unhas empanadas de mexillóns, unhas  galletas francesas recheas de praliné e uns brownies mortais!
Problema...pequeno: non temos cociña no instituto! Non hai nada que nos arrede!Xa veredes!Demos coa solución: xogamos a cociñar!Como cando eramos pequen@s e non nos deixaban achegarnos nin ao lume.
Dividimos @s 20 asistentes en dous grupos.Despois , por parellas (un de cada equipo) xogaron ao "tres en liña" para conseguir os ingredientes que permitiran as elaboracións.
Como  xa dixemos, podiamos facer dous pratos principais e dúas sobremesas. Tamén se podía conseguir o prato xa cociñado se estaba na liña acadada.
Gozaban competindo - nin que estiveran esfamead@s!-mentres facían bastante balbordo. ( Nós de lingua tamén imos sobrad@s!!!). E xoga xogando aprenderon os ingredientes para elaborar as receitas de Román. Mesmo descubriron o "lévedo", o "praliné", a "vainilla"...
Prestaba escoitarlles dicir " a min só me faltan as cebolas e xa podo facer a empanada","eu co azucre xa preparo o brownie".Claro que outr@s , máis fachendos@s, manifestaban" eu vou pola pizza completa!"
Ao final, tod@s estaban content@s.
O equipo azul logrou 3 brownies, 2 bandexas de galletas, 5 empanadas de mexillóns e 4 pizzas!!!Comida de sobra.
O vermello conseguiu 8 brownies, 3 pizzas e 1 empanada de mexillóns.Dicían que "ben chegaba".
Marcharon á aula pensando en poñer en práctica algunha destas receitas e - quen sabe!- chegar a ser fantástic@s cociñeir@s, como Escarlatina, seguindo as instrucións de Román.
Queda pendente a merenda de verdade, aló ben entrada a primavera!!
 



7 mar 2017

Reunión de pais /nais/amig@s do club de lectura

O vindeiro mércores 8 de marzo terá lugar a reunión do club de lectura dos  pais, nais e amig@s de A Quenda do Libro.
Falaremos da lectura realizada e das reflexións que o texto , seguramente, nos provocou. Pode ser ocasión para darlle un repaso á educación e aos valores que precisa a nosa sociedade; para conversar  entre nós  e compartir as nosas ideas, opinións, desexos, medos...
Se liches o libro ou non, pero pensas facelo ( e non che importa que cho "destripen"); teñas vido ou non a outras reunións,se queres e podes,  pásate pola biblioteca do IES Lama das Quendas o mércores. De seguro escoitaremos cousas interesantes.
Agardámosvos!!

6 mar 2017

Reunión do alumnado de 1º de ESO

O vindeiro martes, 7 de marzo , ás 11:15 h. teremos a reunión de 1º A, na Aula Multimedia; e 1º B, na Aula Obradoiro.
Non sabemos moi ben se  Escarlatina  axudará a Potas a cociñar algo delicioso  para que ao famento  Bala Perdida non se lle ocorra comerse a  outra perna súa. Igual o pirata traslada ,a bordo do Liberdade, á cociñeira para que pase a eternidade a carón dos sus pais coa axuda de Román que cambiou o seu desexo de pilotar un F85 por levar o timón dun barco.Mesmo pode que Ganso Salvaxe recolla esas noticias no Celtic News.
Xa veremos o que pasa.Cacho na tos!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India