30 mar 2017

Tristes armas se non son as palabras.

Nun día desacostumado, mércores, tivemos a reunión do club de lectura que non puideramos celebrar o día anterior por mor dunha actividade que se programou na nosa hora .Para seguir coas "rarezas" , tampouco a realizamos cada grupo por separado senón que @s de A e B compartiron espazo pola ausencia xustificada da persoa encargada de comentar a lectura con 2º A. Así que fóra de día, fóra do habitual pero coas ganas de sempre apareceron as alumnas de 2º B e pouco despois, o alumnado de 2º A para , á hora de sempre, falar de Kafka e a boneca viaxeira e A Pomba e o Degolado.
As modificacións que tivemos que efectuar para adaptarnos ás circunstancias, aconsellábannos facer unha "guerra de palabras" na defensa de cadansúa lectura. Pero a realidade levounos por outro camiño porque só unha das persoas asistentes  defendería con forza a súa novela.Así que , falamos do que non lles gustaba de cada un dos libros e do que destacaría a rapaza á que lle gustou o seu.
Con ningunha  das dúas  obras aprenderon nada que non souberan. Saben que hai situacións de bullying que temos que erradicar; que os avós son persoas moi importantes para el@s ( xa nos deramos conta cando lemos, con esta mesma rapazada, Engurras de Paco Roca); que se sofre moito cando perdes a alguén que queres xa  sexa persoa, animal ou xoguete (nas fotos incluímos as imaxes de dous peluches dos que as nosas rapazas non se queren separar);que conversar con alguén e expresar os sentimentos axuda a mellorar o ánimo e a saúde; que ten razón o avó de André, o protagonista acosado, cando afirma que  a nostalxia do que non temos connosco é "coma un traxe de talla inferior ao necesario que che preme o peito"; que ás persoas , aos animais, ás bonecas como Bríxida incluso, hai que darlles " o billete de ida e volta e que fagan o que queiran" ...
Quen diría que existían tantas coincidencias en dúas novelas tan diferentes!!! 
E , malia as súas críticas, digamos, desfavorables para estes libros, recomendaríanllos  a alguén? Pois si.O de Jordi Sierra i Fabra cren que sería interesante para alguén que perdera ou atopara unha boneca, un xoguete, para que entenda que a vida segue igualmente. A novela de Fina Casalderrey aconsellaríanlla a unha persoa á que lle gusten os paxaros, a quen sufra ou exerza maltrato entre iguais para que comprenda que se pode saír desa situación ou que non se debe acosar.
E así rematamos unha xuntanza que ía ser unha guerra dialéctica e acabou, finalmente , nun encontro cordial con  máis acordos que discrepancias. 

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India