31 ene 2014

Retratos singulares

     Ola a tod@s!
    É sabido que neste blog adoita entrar quen le, quen ama a lectura e quen goza co que os diferentes autores lle fan vivir coas súas obras. Pero hai quen vai máis alá e despois de ler algún libro pasa a mirar ao seu autor doutra maneira, a velo distinto.E así lles debeu acontecer a todos os debuxantes que fixeron retratos singulares dunha morea de escritores que podedes admirar  neste enlace que vos deixo. 25 retratos singulares de grandes escritores.

      A ver se atopades ao voso literato preferido!
    Aburiño.

30 ene 2014

2º B de E.S.O. liberando libros

       Ola!
      Na reunión do alumnado de 2º B de E.S.O. do pasado martes, 27  explicamos toda a actividade relacionada coa liberación de libros. Déixovos o enlace que manexamos nesta xuntanza e que vos será moi útil aos que apañedes algún libro viaxeiro e aos que queirades botar polo mundo adiante algún dos vosos libros.LIBRO LIBRE . Libro Compartido.

     Tamén podedes consultar o manual no que se explica moi ben como facer para formar parte desta biblioteca global.libro libre-novo manual.pdf

      Logo pasamos á práctica e cos dezanove alumnos visitamos o diario dos libros liberados polo noso club de lectura e, finalmente, rexistramos un novo libro La isla del tesoro  e unha alumna prestouse a viaxar con el  e soltalo para que alguén o atope, o lea, se meta no seu caderno de viaxe e nos comente o que lle pareceu dende calquera lugar do mundo.



       Xa sabedes, se algunha vez atopades un libro no que se pode ler: 
«Rexistrei este libro en libro libre.org e así podo seguir a súa viaxe a través deste mundo. Por favor, visita libro-libre.org e introduce o meu BCID. Así saberei que o atopaches. Despois leo e/ou pásallo a alguén. Moitas grazas!» facédelle caso e colaborade con tod@s os que queremos facer do mundo unha biblioteca.
 
     Grazas.



29 ene 2014

Libros-libres ou libros-compartidos

     Por fin comezamos cos libros-libres! Empezamos a por o noso grao de area para facer do mundo enteiro unha biblioteca!
     Xa no nadal o noso club de lectura quedou rexistrado como  AQuendaDoLibro, membro de book-crossing ou, en galego,libro-libre. 
     Comezamos por dous libros que co seu  BCID  viaxaron ben lonxe para iniciar o seu percorrido polo mundo adiante de man en man.
      E no ano novo (2014)  vida nova para os "nosos" libros.
     
  Este libro, en castelán, foi  liberado de maneira "controlada" no Almacén de Ramos Generales na cidade máis austral do mundo ,Ushuaia  que pertence á provincia de Tierra de Fuego ( Arxentina). Xusto a carón desta mesa que se ve en primeiro término na fotografía de abaixo. Na esquerda, o libro na esquina da ventá antes de entrar para a súa liberación.



         Parece que segue neste  establecimento para que os clientes gocen coa súa lectura ata que alguén o recolla e o traslade de lugar.



      Aquí vedes o segundo libro, en galego, abandoado na "xungla" no aeroporto de Puerto Iguazú ( Arxentina) como reza o cartel indicativo co que foi fotografiado antes da súa liberación como podedes apreciar na  imaxe inferior.


      Queriamos que viaxase a Brasil pola proximidade xeográfica e a similitude no idioma pero... tivemos noticias que apuntan que  foi recollido e liberado posteriormente en Calafate , na Patagonia arxentina , na provincia de Santa Cruz. Alí está de momento, pero xa fixo quilómetros abondo na procura dalgún lector.

       Así comezou  o noso proxecto que continuará co establecemento dunha Zona Oficial de Liberación Libro-Libre, en Chantada, no  I.E.S Lama das Quendas.

      Seguiremos dándovos información.
      Aburiño!

Falamos de O Único que queda é o amor

       O pasado 21 de xaneiro, feira en Chantada, na Aula Multimedia tivo lugar a  reunión do alumnado  de 3º de E.S.O. para comentar a colección de relatos de relatos que, baixo o título de O Único que queda é o amor  , escribiu Agustín Fernández Paz.
    Aínda que pareza un xogo de palabras, a coordinadora da reunión, nesta ocasión tamén, foi a colaboradora do Club de Lectura ,Paz Fernández.
         O relato que pareceu gustar máis foi o primeiro, pero non por selo ,senón pola temática e polo xeito de ser contado.Interesoulles "Un radiante silencio" , narración na que Sara vai vivir unha interesante relación cos libros, cos poemas  e co emisor  das tarxetas que ela vai atopando nunha librería-cafetería que abren ao carón do banco no que traballa.

        A algúns tamén lles gustou "Amor de agosto" relato que ten a unha parella de rapaces como protagonista.El era mecánico e ela a filla do xefe que ao coñecer a súa relación despide ao traballador deseguida. Este emigra a Barcelona e mantén correspondencia coa moza pero... só iso, a relación non avanza.

       Rematar agradecendo a súa presenza aos quince alumnos e alumnas  asistentes e á profesora que amable e desinteresadamente  prestou a súa axuda para que o Club seguira a súa andaina sen paróns.
        Grazas a tod@s.
        Aburiño.

28 ene 2014

Gratamente impresionados por De Profundis

       O pasado 14 de xaneiro , na Aula Multimedia, xuntáronse os alumnos de 4º de E.S.O. coa compañeira e colaboradora do Club de Lectura , Paz Fernández , co obxectivo de comentar De Profundis de Miguelanxo Prado.
       Tod@s manifestaron que lles gustaran moitísimo  as imaxes e tamén a historia, aínda que algún rapaz a consideraba excesivamente infantil. 
        O feito de ser un libro ilustrado animounos a ler e , en xeral, non cambiarían nada do relatado e, por suposto, das ilustracións.

        Máis adiante poderedes ver as imaxes que algúns dos asistentes elixiu e as razóns da súa escolla.
      
        De momento, agradecer a asistencia dos participantes e   agasallar a vosa vista con algunha das ilustracións do mestre Prado.


       Aburiño!

26 ene 2014

Reunión do alumnado de 2º B de E.S.O.

Ola a tod@s!

Cool Myspace Generators
Vémonos!!!

19 ene 2014

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O

       Ola!
      Os de 3º de E.S.O.teredes  a vosa reunión o vindeiro martes, 21 de xaneiro ,feira en Chantada.
       Coma sempre, na hora do recreo, na Aula Multimedia haberá que falar sobre os relatos de Agustín Fernández Paz.
       Agardámosvos.

12 ene 2014

Reunión do alumnado de 4º de E.S.O

       Ola a tod@s!
     Ano novo con vellos costumes, así que o vindeiro martes, 14 de xaneiro, o alumnado de 4º de E.S.O teredes a vosa reunión na aula Multimedia, na hora do recreo.
      Non faltedes!
      Aburiño.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India