12 jul 2016

O que nos quedan son as súas palabras

Amigos de A Quenda do Libro,esta mañá morreu en Vigo Agustín Fernández Paz.
Non hai palabras para expresar a  dor que invade as letras galegas neste ano de Manuel María.
O autor máis premiado e prolífico da literatura infantil e xuvenil galega deixounos hoxe  e quedamos orfos.
Temos moit@s galeg@s que escriben ben, pero Agustín facíao marabillosamente, e nunca máis teremos ocasión de ler algo novo que saia das súas mans.
Non permitiremos que ninguén esqueza, que reine a desmemoria. Tampouco ninguén te esquecerá.
Os teus libros, mestre, quedarán e honrarán a túa memoria porque , como afirmaches:" Todos os libros que escribín, como as tramas dunha tea, están feitos combinando fíos da miña vida". Por iso,mentres te leamos vivirás connosco.
Ti fócheste pero as túas obras farán de sementeira...Grazas por tanto como nos tés dado!
Descansa en paz!
 
 

Video resumo das IX Xornadas dos Clubs de Lectura

Se onte vos facía o meu resumo do vivido nas IX Xornadas dos Clubs de Lectura, hoxe comparto o vídeo da Asesoría de Bibliotecas no que podedes ver as imaxes captadas no mesmo.

IX XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA - 2016 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Son poucos minutos pero  recollen a esencia do encontro.

11 jul 2016

Resumo das IX Xornadas dos Clubs de Lectura



O pasado 10 de xuño , celebráronse no Pazo de  Congresos de Santiago de Compostela, as IX Xornadas dos Clubs de Lectura das que desexo facer un resumo para que tod@s saibades  que facemos alí e como facemos.
Comezaron coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á autora Ledicia Costas por ser a autora máis lida polos clubs de lectura durante o curso 2014-2015.
A escritora, de quen  non se leu nada, por certo, no Lama das Quendas durante o curso recén rematado, agradeceu o premio e posteriormente desvelou algunha curiosidade  relacionada co proceso da escrita  durante a entrevista  que  lle realizou un compoñente da organización do evento.
Posteriromente , Manuel Bragado presentou o seu relatorio:A lectura en galego no marco da hibridación editorial coa que se deu paso a un tempiño, mínimo, de descanso que aproveitamos para saudar e conversar coas persoas qeu coordinan outros clubs e intercambiar vivencias do curso que remataba.
A continuación  houbo unha mesa de  experiencias na que participaron Paula Conde , da Fundación Curros Enríquez ( Celanova);Mª Xosé Ximénez, do IES Rodeira ( Cangas do Morrazo) ; Pedro Lamas , do IES  Aquis Celenis (Caldas de Reis) ; e  Sonia Ces , do IES de Porto do Son  que  falaron e comentaron rutas literarias que realizaron co seu alumnado.
Para rematar a mañá , o escritor e xornalista Fran P. Lorenzo explicou o seu relatorio titulado: O Vigo de Cabalos e lobos, obra que teño pendente ler neste verán.


Xa pola tarde, despois do xantar-encontro, tivemos o que resultou o prato forte, dende o meu punto de vista.Estaban programadas  diferentes actividades que se desenvolvían simultaneamente , e como non posúo o don da ubicuidade, so puiden asistir a unha. Feita a escolla, polo relator e polo título, acudín á titulada Ler poesía tampouco é para tanto.Foi simplemente fantástica. Carlos Negro, o relator , é desas persoas de mirada clara e honesta, que fala do que lle gusta e faino moi ben, sabendo chegar @s asistentes.Interesantísima experiencia nestas xornadas.
Houbérame gustado asistir á actividade titulada: Poesía 1.Por las ramas.Obradoiro de lectura y escritura impartido por Raúl Vacas, poeta que tamén coñezo, pero lembrade a imposibilidade de desdobrarme...
Na seguinte actividade, Darío Xohán Cabana   falou sobre Manuel María e algunhas reflexións sobre a poesía nos clubs de lectura.Foi directo, ameno e resultou, tamén , de gran interese.
Rematou a sesión, máis tarde do previsto, co recitado de poemas por parte de  Darío Xohán Cabana, Carlos Negro,Raúl Vacas e Rosalía Fernández Rial que  compraceu ao público e coa actuación de Alba María, unha cantante ,para min descoñecida,con dóce voz e fermosas cancións que contentaron os nosos oídos.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India