31 may 2014

Saboroso faladoiro de "Dime quién soy"

        Ola a todo@s!
        Hoxe toca falar da reunión do pasado xoves,29 de maio.
         A cita era ás 17:15h e ,pouco a pouco ,foron chegando nais e pais.Nalgúns casos viñan acompañados dos fillos máis cativos que aguantaron estoicamente as case dúas horas que durou a xuntanza e, curiosamente, comentaban ao saír cando volvían.Hai canteira.
         Xa non podo agardar para falar da espectacular  torta que traía unha nai  para rematar a andaina desta sección do clube ,neste curso 2013-14 ,cunha agradabilísima sensación en todos os sentidos.
         Debo dicir que quedei abraiada. Aínda hoxe non podo quitar da mente ( e da boca) o bo sabor que me deixou. Grazas.
           E déixovos a fotografía , unha vez máis, na que se pode ver o libro da nosa quenda  , coa rapaza entusiasta das lecturas e mesmo a pluma e o tinteiro. Unha marabillosa obra da artesá Clara Paz Vázquez, veciña nosa.

        E agora  vede a torta por dentro xa que non podedes catala.

        Asegúrovos eu que estaba exquisita.
      Claro que... a reunión era para falar da novela de Julia Navarro e esta entrada no blog tamén tiña ese obxectivo, así que  deixemos a devoción e pasemos á obrigación.
      Dime quién soy foi o libro do que nos ocupamos durante  a longa reunión do xoves. 
      Opinións para todos os gustos. Para empezar había unha compañeira que aínda non o rematara polo que tivemos moito coidado en non aclarar o final , que por outra parte é impactante.Varias persoas  sospeitaron axiña como ía rematar o libro, outras fomos máis cándidas e  déixámonos levar ata  o remate para quedar cun sorriso nos labios e esa sensación de aaahhhh! que nos invadiu coas derradeiras páxinas.
       Houbo quen o leu dun tirón aproveitando cada momento libre no medio da  actividade diaria.Houbo quen non puido con el , a pesar de intentalo varias veces, por razóns varias. Houbo quen  tardou en arrincar coa lectura porque a parte do relato relacionada coa situación sociopolítica da época  lle resultaba difícil e pouco gustosa.
       Falamos da protagonista,  da súa evolución ao longo da historia, do seu atrevemento ao tomar decisións, da súa sensación permanente de culpabilidade , dos seus erros,da familia, dos amores ...
       Apuntamos que hai un par de personaxes que nos "despistan" . Un é Guillermo, o periodista bisneto de Amelia Garayoa.Sabemos que grazas ao seu traballo  foise organizando toda a información que se nos vai proporcionando no libro pero... séguenos parecendo curiosa a elección deste personaxe  por parte de Julia Navarro. E da tía Marta , que dicir? Tanta necesidade tiña de que  o sobriño  escribise a historia da súa bisavoa e logo  semella perder o interese tan axiña. Algún dos asistentes cría que Marta sabía máis do que  dicía e quen sabe que intencións a moveron a contratar ao seu sobriño nun principio.
     
         Ao final concordamos en que nos gustou o libro .
        Fala disto, fala daquilo. Comenta tal cousa , comenta tal outra. Así pasou o tempo. Comémonos un bombonciño para  repoñer forzas e... despedímonos non sin antes  marcar a data ata cando poden recoller libros da Biblioteca para levar prestados para o verán e , cousa que me agrada moitísimo, quedar , a proposta deles, en manter as reunións do club  no vindeiro curso porque están moi satisfeit@s de ter con quen compartir as súas lecturas.
       Temos un bo equipo! E como xa dixen antes, temos canteira!Teremos bos lectores e lectoras!
Algúns dos que estivemos na biblioteca o pasado xoves
        Vémonos , pois, o ano que vén!
        Boas lecturas!!

30 may 2014

A Quenda viaxa co Libro

       Ola amig@s!
     Teño que contarvos o que fixemos o pasado martes,27 de maio.Alá vou.
     Tiñamos previsto que 80  alumn@s do Club de Lectura, aqueles que non fallaron nin un día de reunión , realizasen unha viaxe acompañados por profesores, tamén integrantes do Club de Lectura do profesorado e persoal non docente,á cidade de Coruña.
     So 70 rapaces aceptaron a invitación. As rapazas de 3ºde E.S.O. iniciaban esa mesma xornada unha viaxe de dous días de duración por Portugal e...claro , escolleron.Outras rapazas de 4º de E.S.O. non puideron cambiar un exame que tiñan marcado.E , por fin, algunhas persoas son das que non van a ningunha actividade extraescolar. En fin, que contabamos con 70 e  na hora de subir ao autobús houbo tres rapazas( de 1º, 2º e 4º de E.S.O.) que ,por enfermidade, se perderon a convivencia entre o grupo lector do noso I.E.S. 
      Saimos cara Coruña en dous autobuses .Ás 11:00 h chegamos á Torre de Hércules, monumento que tivemos ocasión de admirar e comparar cos libros que nos guían na senda do entretemento.
A Quenda do Libro coa Torre de Hércules ao fondo
       Tivemos ocasión de pasear polos arredores, polo Parque Escultórico e gozar coa paisaxe e valorar a flora autóctona que medra nos carreiros que transcorren polo cerro no que se atopa o monumento romano e coas creacións artísticas que o acompañan.

A rapazada do Lama das Quendas  polo Parque Escultórico


        E , a tod@s nos gustou sentarnos e escoitar e ver o mar. O mar. A mar.
Contemplando o Atlántico
      Xa era hora da nosa cita no Museo Nacional da Ciencia e da Tecnoloxía (MUNCYT). Se este ano o lema das Bibliotecasé Ler Ciencia na Biblioteca , nós, os de A Quenda do Libro saímos da Biblioteca do noso I.E.S. para "ver ciencia". Alí estivemos  co Desafío MUNCYT durante hora e media que pareceu  poucos minutos porque a rapazada pasouno en grande.Un par de monitoras do museo  conduciu  ao alumnado, en dous grupos, polas diferentes salas: Sala Miscelánea , Sala Mayúscula, Sala  siglo XX,Sala dos Libros inmortales, instrumentos esenciales...
      O percorrido polas diferentes salas  fíxose con actividades  de xeito que aprenderon moitas cousas. Viron  inventos revolucionarios  e tiveron ocasión de ver un avión ,o morro do Boeing 747 chamado Lope de Vega , por dentro con todo detalle. 
        Ás 15:40 h estabamos tod@s esfamead@s e dirixímonos á zona de  xantar, dentro do propio museo. Compartimos viandas e iniciamos a viaxe cara Betanzos.
       En Betanzos  convertémonos tod@s en nenos gozando no Parque do Pasatempo. O noso entretemento adoita ser un libro, pero neste museo lúdico ao aire libre  distraémonos coas novidades tecnolóxicas do 1893 ( ano da creación do parque), os murais policromados máis diversos e  un fato de grutas e pasadizos  nos que a rapazada gozou de veras, manifestando ,na viaxe de regreso ,que  pensaban voltar coa súa familia porque lles parecía incrible non o teren coñecido antes. 
       Concordo con eles. Se ben é certo que está bastante deteriorado paga a pena visitalo.
Algunhas imaxes do parque betanceiro
       Pero, todo o bo remata, e despois dunha xornada de cultura, había que  iniciar o regreso a Chantada.
        Antes, no auditorio do mesmo parque tomamos a fotografía de grupo.
Os 67 rapaces e rapazas con dous dos profesores acompañantes
       Pasado o día  acabou a romaría , di  o refrán  , pero  ninguén nos poderá quitar  as lembranzas do vivido. O mellor do mércores, 28 de maio, foi escoitar a moitos dicir:" ai, profe! Onte que ben o pasamos".
       Pagou , logo, a pena.
       
       
        

29 may 2014

Liberado "Los templarios y la mesa de Salomón"

       Ola a tod@s!
       Aínda que estemos calados o clube de lectura global segue funcionando.
Sabedes que temos unha morea de libros na Zona de Liberación do I.E.S. Lama das Quendas a onde podedes acudir para atrapar un libro, levalo para a casa, leelo  e liberalo de novo onde vós queirades.
      E o pasado 27 de maio sacamos dese punto dous libros para seren liberados.
      Un foi á cidade de Coruña. Alí , noMuseo da Ciencia e tecnoloxía (MUNCYT) foi liberado para que outr@s o poidan ler e logo rexistrar en bookcrossing e opinar sobre el.
     Aí quedou, sobre un banco da zona na que xantamos.
     Velaí o tedes e ao seu carón un rapaz do clube despedíndose del.( A calidade da foto non é boa pero...xa sabedes das miñas habilidades, mellor dito das miñas escasas habilidades)

       Do outro libro que se atopa viaxando, xa contaremos máis.
        Boas viaxes e boas lecturas!
    
 

26 may 2014

Reunión de pais e nais

        Ola a tod@s!
        Pais e nais do noso clube, lembrade que o xoves 29 de maio , ás 17:15 h, na Biblioteca do I.E.S. xuntarémonos  para responder a  pregunta de Julia Navarro.

        Algo temos que dicir seguro.

        Ata o xoves.
        Boa lectura!

25 may 2014

Outro poema da rapazada de 1º A de E.S.O.

       Ola a tod@s outra vez!
       O pasado 20 de maio , a rapazada de 1º a fixo poemas. 
       Velaí os tedes traballando niso.














       E aquí o poema en galego que resultou :


        Que vos guste!
      Aburiño!

23 may 2014

#AQuendaviaxacoLibro

       Ola amig@s de A Quenda do Libro!
     Estamos a prepara unha viaxe cultural á cidade de Coruña para que nos quede bo sabor de boca a tod@s @s que cada martes , na hora do recreo , durante todo este curso participou nas reunións programadas e noutras que se organizaron  con diferentes motivos.
      Xa de antemán advertirvos que, desgraciadamente non tod@s poden vir  porque somos  moitísimos e resultaría inviable moverse con tanto alumnado. So se lle ofreceu a posibilidade aos 80 que non se perderon nunca unha reunión ou actividade.
      E dende aquí queremos pedirvos a tod@s os que tedes twitter que xa podemos comezar a usar a etiqueta ou hashtag #AQuendaviaxacoLibro
       A ver se logramos que sexa tendencia!!  
       Grazas por todo e coma sempre ...
      Boas lecturas!

22 may 2014

Os cadáveres exquisitos de 1º A

      Ola amig@s!
      Con un pouco de retraso pero por fin ides poder ler dous dos poemas que fixemos na derradeira  reunión do clube, o pasado martes,20 de maio.
      Primeiro a rapazada  elixiu tema. Houbo dous que quixeron fundir: o amor e a felicidade.
        Cada un dos vinte asistentes fixo un verso ( algún fixo dous)  e logo xuntámolos. A combinación deu este poema  en castelán:

        A verdade é que fixeron outro que vos amosaremos noutra ocasión.
        Pasámolo ben!
        Vémonos!!

20 may 2014

O luns e o martes,que dous bos días!

     Ola a tod@s!
    O título da entrada ten explicación.
    Onte, luns, o escritor Marcos Calveiro estivo no noso centro co alumnado de 1º A e B  e 3º A e B de E.S.O.Así que a rapazada de 1º A tivo ocasión de gozar coas palabras e a compaña deste autor  tan aprezado e lido. 
     E hoxe, o alumnado de 1º A tivo a reunión do clube de lectura na que o pasamos moi ben e na que todos nos enfadamos cando soou o timbre porque queriamos máis. Non podía ser.
      Do que fixemos dareivos conta nuns días (que ando bastante atarefada coas correccións de exames). Pero mentres ide vendo a boa cara coa que chegaron á Aula Multimedia algúns deles.
         Aburiño!!

18 may 2014

Reunión da rapazada de 1º A de E.S.O.

       Ola a tod@s!
     Xa sei que o sabedes.Pero por se alguén precisa que se lle recorde , o martes, 20 teremos a reunión das rapazas e rapaces de  1º A de E.S.O.
      Coma sempre, será na Aula Multimedia, na hora do recreo.
      Vémonos!
      Aburiño!!

17 may 2014

BO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

       Neste 17 de maio de 2014 , dende A Quenda do libro  queremos desexarvos un bo día de lecturas.
     Xa que este ano se homenaxea a Xosé Mª Díaz Castro, déixovos cun poema recitado por el mesmo dun xeito , ao meu entender, impresionante. Pon a pel de pita. Logo, canta o mesmo poema, Penélope, o benquerido grupo Fuxan os Ventos.
       Paga a pena escoitalos.



                  

      E lembrade: non hai mellor maneira de celebrar este día que mercando un libro na nosa lingua. Ou , cando menos, léndoo.
      Boas lecturas galegas!!

14 may 2014

Outro faladoiro de contos

       Ola!
       Onte tivemos a reunión do alumnado de 2º B de E.S.O. para comentar  a súa lectura. Tamén eles leron Contos por Palabras de Agustín Fernández Paz.
      Os dezaseis  asistentes declaráronse  máis amantes da novela que dos contos. Prefiren un texto longo ,no que os feitos sexan narrados a un ritmo  máis lento  , a un conto breve cun argumento pouco desenvolvido. Din que no conto ou che gusta ou non   porque logo remata mentres que na novela  podes pasar da incomprensión á lucidez, de non gustarche a gustarche segundo te vas mergullando nela.
      Pero os comentarios sobre os relatos de Fernández Paz  foron moi positivos. a tod@s lles quedou ese sabor da  perplexidade lendo o minúsculo anuncio que orixinou tamaña creatividade no autor.
        Comentamos o relato de "O libro das infinitas historias" que , se ben non é o preferido, escólleno pola súa utilidade. Explícome,gustaríalles poder cambiar o que pasa nalgunha das lecturas que teñen feito.Léase T./error , Una luz en la marisma ...
      Postos a elixir  escollen o conto de "Vanesa e o anuncio de televisión", coma os seus compañeiros de 2º A, como favorito.
Parte do alumnado asistente

        O tempo de lecer non deu para máis , así que cadaquén tivo que regresar á súa aula pero íamos enchidos de contos.
      Ata outro día!
      Aburiño!!

11 may 2014

Reunión da rapazada de 2º B de E.S.O.


7 may 2014

A voltas cos contos

        Ola amig@s!
    Onte , martes, tivemos a reunión da rapazada de 2º A de E.S.O.  para comentar  o curioso libro de Agustín Fernández Paz  titulado Contos por Palabras.
         Tivemos ocasión de ir comentando cada un dos relatos  e apuntaron que lles chamou a atención o final de "Unha chave non é suficiente". 
      Resultoulles atractivo o tema de "O caso do estraño empregado" e  "Ser superheroe non é nada doado".
          Case  os dezaseis  quixeran posuir "O libro das infinitas historias" e sobre todo  desexarían poder pasar os dedos polo texto e que este trocase ao seu antollo.
        E de ter que elixir un  tod@s se decantaban por  "Vanesa e o anuncio de televisión". Entenden moi ben iso de que as nais sempre queiramos que os nosos fillos sexan como alguén.
       Velaí tedes a foto dos asistentes  durante a reunión na que se fixeron interesantes aportacións  sobre  a lectura realizada.


       O tempo botóusenos enriba e houbo que volver ás clases.
      Ata o  próximo día!
      Boas lecturas!

4 may 2014

Reunión da rapazada de 2º A de E.S.O.

        Ola amig@s!
      Hoxe so quero lembravos a reunión que teremos o vindeiro martes, 6 de maio, na Aula Multimedia.
      Desexando comentar...


       Vémonos!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India