31 may 2014

Saboroso faladoiro de "Dime quién soy"

        Ola a todo@s!
        Hoxe toca falar da reunión do pasado xoves,29 de maio.
         A cita era ás 17:15h e ,pouco a pouco ,foron chegando nais e pais.Nalgúns casos viñan acompañados dos fillos máis cativos que aguantaron estoicamente as case dúas horas que durou a xuntanza e, curiosamente, comentaban ao saír cando volvían.Hai canteira.
         Xa non podo agardar para falar da espectacular  torta que traía unha nai  para rematar a andaina desta sección do clube ,neste curso 2013-14 ,cunha agradabilísima sensación en todos os sentidos.
         Debo dicir que quedei abraiada. Aínda hoxe non podo quitar da mente ( e da boca) o bo sabor que me deixou. Grazas.
           E déixovos a fotografía , unha vez máis, na que se pode ver o libro da nosa quenda  , coa rapaza entusiasta das lecturas e mesmo a pluma e o tinteiro. Unha marabillosa obra da artesá Clara Paz Vázquez, veciña nosa.

        E agora  vede a torta por dentro xa que non podedes catala.

        Asegúrovos eu que estaba exquisita.
      Claro que... a reunión era para falar da novela de Julia Navarro e esta entrada no blog tamén tiña ese obxectivo, así que  deixemos a devoción e pasemos á obrigación.
      Dime quién soy foi o libro do que nos ocupamos durante  a longa reunión do xoves. 
      Opinións para todos os gustos. Para empezar había unha compañeira que aínda non o rematara polo que tivemos moito coidado en non aclarar o final , que por outra parte é impactante.Varias persoas  sospeitaron axiña como ía rematar o libro, outras fomos máis cándidas e  déixámonos levar ata  o remate para quedar cun sorriso nos labios e esa sensación de aaahhhh! que nos invadiu coas derradeiras páxinas.
       Houbo quen o leu dun tirón aproveitando cada momento libre no medio da  actividade diaria.Houbo quen non puido con el , a pesar de intentalo varias veces, por razóns varias. Houbo quen  tardou en arrincar coa lectura porque a parte do relato relacionada coa situación sociopolítica da época  lle resultaba difícil e pouco gustosa.
       Falamos da protagonista,  da súa evolución ao longo da historia, do seu atrevemento ao tomar decisións, da súa sensación permanente de culpabilidade , dos seus erros,da familia, dos amores ...
       Apuntamos que hai un par de personaxes que nos "despistan" . Un é Guillermo, o periodista bisneto de Amelia Garayoa.Sabemos que grazas ao seu traballo  foise organizando toda a información que se nos vai proporcionando no libro pero... séguenos parecendo curiosa a elección deste personaxe  por parte de Julia Navarro. E da tía Marta , que dicir? Tanta necesidade tiña de que  o sobriño  escribise a historia da súa bisavoa e logo  semella perder o interese tan axiña. Algún dos asistentes cría que Marta sabía máis do que  dicía e quen sabe que intencións a moveron a contratar ao seu sobriño nun principio.
     
         Ao final concordamos en que nos gustou o libro .
        Fala disto, fala daquilo. Comenta tal cousa , comenta tal outra. Así pasou o tempo. Comémonos un bombonciño para  repoñer forzas e... despedímonos non sin antes  marcar a data ata cando poden recoller libros da Biblioteca para levar prestados para o verán e , cousa que me agrada moitísimo, quedar , a proposta deles, en manter as reunións do club  no vindeiro curso porque están moi satisfeit@s de ter con quen compartir as súas lecturas.
       Temos un bo equipo! E como xa dixen antes, temos canteira!Teremos bos lectores e lectoras!
Algúns dos que estivemos na biblioteca o pasado xoves
        Vémonos , pois, o ano que vén!
        Boas lecturas!!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India