28 abr 2017

Encontro con Mercedes Leobalde

O vindeiro martes, 2 de maio, teremos no Lama das Quendas a Mercedes Leobalde  para vivir un encontro co alumnado de Bacharelato a quen desde o club de lectura lle propuxemos ler Funambulistas ,un conxunto de relatos que gañou o Premio Ánxel Fole de narrativa.
A obra contén vinte e cinco relatos  cos que desfrutaron @s alumn@s do club e tamén @s outr@s de 1º de bacharelato a quen convidamos a facer equilibrios acompañando aos protagonistas dos textos porque , en realidade, como di a voz narradora en «Declaración de amor do xadrecista»:«todos somos funambulistas nesta vida ».
Queres ser funámbulo? Aínda estás a tempo de andar sobre o o arame. Só tes que aproveitar esta longa fin de semana para ler estes relatos cheos de humor, de retranca, de situacións que "ocorren cada día" como argumentou días atrás unha rapaza do club.
Vémonos ás 11:45 , no Salón de actos. Teremos o pracer de escoitar e falar con Mercedes Leobalde.

27 abr 2017

"De músico, poeta y loco, todos tenemos un poco."


Iso dicía frecuentemente o meu avó, un salmantino que sempre tiña unha frase, un proverbio, un refrán , unha canción que aplicar a calquera situación vital na que se vira implicado. E xa que logo, marchámonos á Carballeira ( con maiúsculas para nós) para realizar a reunión do alumnado do club de lectura de 2º de ESO, para sentirnos un pouco poetas. Tiñamos baixas no equipo porque anda a circular un virus que nos amola. Tamén contabamos cun día mellor, pero o sol  esqueceuse de brillar e apareceu un martes gris e tristón que non nos impediu realizar a actividade porque tiñamos unha temperatura agradable. Xa temos, entón, aula de traballo: a natureza que nos rodea.
Nun dos carballos  , en papeis de cores colocaramos poemas de Penúltimas tendencias de Carlos Negro.
Nada máis chegar , léronos para si e escolleron os que lles parecían interesantes para declamarlles aos demais ao final da reunión, cousa que fixemos para goce dos asistentes.
Antes da lectura en voz alta, baseándonos nun dos poemas do libro, realizaron a "enquisa" que lles propuxemos. Respostaron de xeito impertinente, irónico , esquivo... e orixinaron outros poemas versionando o do autor traballado. Algunha das creacións tédelas nestas fotografías de debaixo.
 

E recitamos sendo "Chica out" e  "Radikal Punk". Xogando a "Verdade, bico ou atrevemento".Estando "Fóra de onda".Facendo unha "Tatuaxe". Vestindo un "Casual look".Falando de "A primeira vez" e lendo "Superpop" e "5 razóns polas que cortaría contigo". E o tempo esmoreceu máis axiña do que queriamos. Mentres desfrutabamos escoitando poemas , moit@s compañeir@s , sen ousar achegarse, berrábannos "QUE FACEDES?" ao tempo que nos miraban como á tola de Ramón Cabanillas:
 

« A xente do mundo 
que di que esta corda
 marmura ó toparme: 
¡Probiña da tola! 
E non é verdade. 
¡Abofé… abofé que estou      corda!»

  


A nós non nos molestaba, só nos apetecía berrar con ledicia:Ei , carballeira!!!

24 abr 2017

Ler foi un pracer!!

Fermosa e produtiva reunión de alumnos e alumnas, pais, nais, profesores e profesoras neste Día do Libro para celebralo como se merecía: comentando un que leramos tod@s.
Foi unha xuntanza fantástica na que as mediadoras, practicamente, non tivemos que intervir porque os pais, nais, @s profes, o alumnado tomaba a palabra e formulaba cuestións ou respondía  con dilixencia.
Comezou esta reunión , na que por certo, había máis homes que mulleres ( é de sinalar porque as mulleres son maioría entre o público lector), coa pregunta de que lles parecera Querido hijo: estás despedido, de Jordi Sierra i Fabra. E rompeu a falar unha das rapazas de bacharelato que cualificou a lectura de "sinxelísima de ler"  e á que unha nai preguntou se tamén era doada de entender o que orixinou un interesante diálogo ao repecto.
Houbo máis cuestións ás que @s asistentes respondían con claridade, alegría e humor.
Postos en situación, se lles pasara algo similar ao que lle ocorreu a Miguel , o protagonista do libro, el@s pedirían axuda dentro das propias familias. Algún tío, avó... lles daría o seu aopio, partindo da idea de que os familiares   serían conscientes  e comprenderían tamén a actitude dos pais ( por suposto!!)
Narráronse falcatruadas que nen@s e adult@s fixemos cando eramos máis pequen@s. Por exemplo "tirarlle unha pita aos porcos". Queredes saber cales foron as consecuencias deste feito? Pois , díxonos o rapaz de 1º de ESO, que non pasara nada porque "a galiña salvouse".
El@s sempre contarían a verdade aínda que os feitos foran constitutivos de "delito" , di a grande maioría. Pero, sempre hai un "pero", un dos rapaces di que omitiría algunha información para que o castigo fose menor ou inexistente. 
Castigos sonados que lles poñemos os adultos? O peor para os maiores, de bacharelato, que lles quiten o móbil."A nós non nos importaría en absoluto", dicían os máis pequenos. A outros o castigo que lles poñen é mandalos traballar ( entendemos que é facer traballos de tipo manual pola zona na que estamos). A sorpresa doutr@s queda reflectida na frase:"Só iso!!! Bah!Iso non é nada."
Pódese ou non despedir a un fillo? Que cremos? Algún cre que si - confundindo realidade e ficción- "porque o vello do parque dixo que fora despedido de pequeno, logo se sempre se fixo..." E se tivera razón este rapaz e tivésemos a posibilidade de despedir a alguén, a quen despediría o alumnado? Pois afirman que sería alguén da familia: "o meu irmán que xa ten 24 anos e vai sendo hora de que se emancipe"; "ao meu , que xa ten 18 e xa é hora de que se vaia da casa"...A outro , pola contra, non se lle pasa pola cabeza despedir á súa irmá maior porque lle axuda a estudar e fai por el o que sexa. E @s profesor@s? Non  despediriades a algunha?, preguntei sinalándome. Neste punto propuxeron despedirnos a tod@s. Pero era broma!
Esta historia parece reflectir un plan dos pais de Miguel en colaboración coa policía municipal  e  @s veciñ@s para que o rapaz aprenda a comportarse. E á nosa rapazada con que mentiras @s ameazaban para que tivesen unha boa conduta? Pois hai de todo. A uns con que os Reis Magos ou Papá Noel non lles levarían regalos se facían barrabasadas. A outr@s co lobo o cuns seres -di o rapaz-  imaxinarios chamados "cocóns". Hai quen lle colleu medo ao home do saco  ou ás moscas que o comerían, ou a ser metidos nun armario con ratos, ou con "meterme na secreta" engadiu outro neno. Esta última confesión   resultounos confusa @s adult@s polo que pedimos explicacións e enterámonos de que era unha habitación escura, sen luz que daba medo, pero que nunca chegou a visitar porque foi moi bo.
Rematou esta agradable reunión coa crenza,para os máis d@s asistentes, de que Miguel non se corrixiu, de que seguro que pronto volveu facer sas súas.
Ti que cres?
Nós, de momento , gozamos co que el fixo, co que lle fixeron e co pouso que a lectura deixou en todos nós.

Reunión do alumnado de 2º de ESO

A  moda é unha tiranía. O culto ao corpo ten sometido a moitas persoas. Novas e vellas. As tendencias fan sufrir a máis dun/dunha.
Nós , co alumnado de 2º de ESO imos procurar ser soamente nós mesm@s. Nin iguais nin diferentes.Queremos ser persoas que pensan , que analizan , que discorren... e logo actúan en consecuencia.
A partir do libro de Carlos Negro, Penúltimas tendencias  traballaremos na reunión que se celebrará o vindeiro martes, 25 de abril , ás 11:15 horas, na Aula Multimedia.
Temos as portas abertas para calquera alumn@ que desexe participar neste obradoiro de poesía.
Se estás interesad@, acode!

22 abr 2017

Reunión de alumnado, profesorado ,pais,nais...

Un ano máis, todas as seccións do club de lectura  xuntarémonos na biblioteca do IES Lama das Quendas para celebrar o Día do Libro comentando, opinando, falando sobre un libro. Tod@s lemos Querido hijo : estás despedido de Jordi Sierra i Fabra, e o vindeiro luns compartiremos o noso periodo de lecer para facer un parladoiro sobre esta lectura.
"O que pasa é que pensades que non vos pode pasar nada,e tirades da corda e tirades da corda ata que ... rompe." -dicen os adultos que aparecen no libro. E claro, o rapaz deféndese dicindo que "para iso somos pequenos, non?"
Se és pai, nai ou és un rapaz ou rapaza, terás opinión ao repecto.Quérenola contar? Acude o vindeiro luns á biblioteca e terás ocasión porque falando enténdese a xente.
Agardámosvos!!

20 abr 2017

"Non lle podo mentir aos meus lectores"

Chegou ao instituto a autora de Dragal!Puidérona escoitar @s alumn@s de 2º e 3º A e B  de ESO ademais dun grupo reducido de alumn@s de 1º de Bacharelato.
Basicamente   falou dos libros de Dragal e ao final fixo unha pequena alusión a Sete caveiras, a novela negra que leron uns pouquiños en Bacharelato.
Elena é experta nisto de encontrarse con lector@s en institutos de todo o país e de fóra e sabe como conducir a esta xente a onde desexa a través da "documentación" que pon diante dos ollos d@s asistentes.
Falounos de dragóns en Galicia; de románico; de fervenzas; de catacumbas; de tradicións; de cabaleiros de diferentes ordes;de medallas;  de bullying; de nais-fillos e incentivos para escribir; de mulleres importantes nas narracións... Contounos como comezou co seu Dragal e por que se animou a continuar esta historia que transcendeu o ámbito galego e quen sabe onde chegará!
Deulles unha perspectiva diferente a est@s lector@s que quedaron coa boca aberta pensando en reler o seu libro ou continuar co Dragal II, III ou IV según cada caso.
Contemplamos vídeos que ampliaban a información e outros co book trailer dos libros de Dragal ou Sete Caveiras.
E falounos de como comeza e finaliza cada un dos sus libros. Da importancia do comezo e do remate. E da honestidade que lle impide mentir aos seus lectores. Deixounos moitas frases para reflexionar. 
Foron setenta minutos nos que , con toda xenerosidade, nos achegou ao seu quefacer de escritora. Que doado parece e que difícil é!!
Moitas grazas por visitarnos, Elena!!!


19 abr 2017

Fermosos relatos

Cales? Os que contén Funambulistas, o libro de Mercedes Leobalde.Quen o cre? O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato que pertence ao Club de Lectura e así nolo manifestou hoxe nunha das reunións máis atípicas da existencia deste grupo de lectura. Por que? Porque unhas acudiron , tarde, pero chegaron á Aula Multimedia. Outr@s estaban xa agardando polo sitio no Salón de Actos  onde Elena Gallego, a creadora de Dragal, estaba a preparar o material para o encontro posterior, e alí nos abordaron. E aínda houbo quen nos corredores explicou sucintamente o que opinaba da obra leída. Non desexábamos nada máis. E quedamos citad@s para o 2 de maio , data na que, xa vos anticipamos, nos visitará Mercedes Leobalde e con ela teremos tempo de falar dos seus relatos e das nosas opinións.
Si tivemos tempo de presentar a nova lectura, que sempre é poesía no terceiro trimestre.Nesta ocasión leremos O cuarto das abellas de  Antía Otero.

18 abr 2017

Balas, alcumes e gatos...

Non houbo sorte! Varios alumnos facían un exame de recuperación posto na nosa hora, os restantes non leran o libro...Aínda así, aproveitamos  o feito de que na obra de Rivas apareceran varios alcumes (Tiradentes, Calamidá, Bala perdida...) para falar da frecuencia coa que en Galicia, as familias e tamén as persoas reciben algún tipo de sobrenome ata converterse nun costume identificador do noso pobo.
Os rapaces coñecen varias casas de veciños con alcumes, aínda que non saben cal é a orixe destes; así déixannos algúns coma estes:  a casa do Brillante, a do Chocolateiro, o Taberneiro, os Pollás, os Paneiros...É que os galegos bautizamos case todo para identificalo aínda mellor.
Tamén falamos do nome do barco pirata do libro, "Liberdade", como non podía ser doutro xeito para uns navegantes que surcan os mares sen someterse a ningún tipo de xurisdición máis que a do vento e as súas propias vontades. Non nos puidemos resistir a lembrar a Espronceda e o seu famoso himno á liberdade.
Para rematar, propuxemos como xogo, que adiviñasen o título do próximo libro de lectura: "O meu gato é.........". Completaron a frase, mais non acertaron, porque un gato poeta como o de Fran Alonso non é fácil de atopar, pero nós imos dar con el antes da próxima reunión!

17 abr 2017

Encontro coa autora Elena Gallego

O martes,18 de abril , terá lugar no  Salón de Actos do noso instituto un encontro d@s lector@s con Elena Gallego que define a súa traxectoria  chamándose "periodista en tempos de crise e domadora de dragóns en mundos literarios".
Nesta ocasión será o alumnado de 2º e 3º de ESO, que leron Dragal I e Dragal  II , e algúns alumnos de 1º de Bacharelato que leron Sete caveiras  os que terán a posibilidade de escoitar as palabras desta autora que admiran.
O encontro  , por xentileza da editorial  Anaya-Xerais , producirase ás 11:45 h.
Será esta a primeira das tres visitas de autores coas que contamos neste curso e das que vos iremos informando.

Reunión do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato


Mañá martes, ás 11:15 h. xuntarémonos coa rapazada de 1º e 2º de bacharelato. 
Celebraremos a reunión , coma sempre, na Aula Multimedia.
Falaremos do que xa lemos  e das próximas lecturas.
Agardámosvos!!

5 abr 2017

Morrer non importa, o que nos preocupa é non morrer

Comezamos a reunión da rapazada de 1º B de ESO preguntando a quen lle gustara moito Escarlatina , a cociñeira defunta e por que. Algún manifestou que o atractivo era que tratase o mundo dos mortos e o curioso aspecto destes según as causas do falecemento. Din que é "emocionante". Outros cualifícano de "interesante" polas receitas que nos ofrece aínda que non lograran poñelas en práctica (a súa nai non quixo aínda facer a   empanada cos mexillóns que tanto lle gustan ao seu avó, nos confesou un).
Despois de escoitar diferentes opinións sobre a lectura, escolleron o seu personaxe favorito que foi maioritariamente Dodoto, o gato de Román aínda que un rapaz elixiu ao avó "porque tiña un cochazo".
Se Escarlatina chegou como regalo para Román no seu 10º aniversario, esta xente pediría xogos para o ordenador, libros, teléfonos móbiles e outras cousas menos "caras" pero máis difíciles de conseguir:"celebrar o cumpreanos só con amigos, sen os pais", "un coxín para durmir na clase" ( aínda que non se pode, por iso o pedirían) ou "no verán, regresar máis tarde á casa".
Gustáronlles os nomes dos personaxes do inframundo.Nas súas familias hai algúns "raros" para el@s porque son " dos de antes" ou "dos modernos de agora". Mencionan: Delmira, Ubaldina, Delfina, Dosinda, Xenxa, Nora, Emegdamar e outros persas ou sudamericanos que citan rapaces desas procedencia. Chamalles   a atención  que teñan nomes compostos como Amancio Maximino Pegerto ou Esther Elisa Elvira.
E se o libro trata o tema da morte , a el@s non lles importa na ficción; pero na vida real, a algúns falar da morte dalles "pena" ou "repelús" mentres que a outr@s non lles preocupa morrer , o que lles "preocupa  é non morrer". E se non morreramos seríamos inmortais. Só cinco persoas quixeran sélo se puideran quedar sempre nos 12 , 18-30 anos. Non se queren ver vell@s e consumidos pola enfermidade ou a dor e non ter fin.
E rematou a reunión falando das mascotas que acompañaban aos protagonistas e das que cada rapaz/rapaza desexaría ter (se restricións de espazo nin de cartos). Queren ter caimáns, pandas, koalas, monos, cans de diferentes razas... Un rapaz mesmo preguntou se podía pedir un velociraptor a pesar de que o seu compañeiro lle advertiu que eses animais o podían "comer".
 Se lestes o libro, se queredes compartir a vosa opinión sobre a morte, a inmortalidade, os nomes, as mascotas ou calquera tema relacionado con esta novela de Ledicia Costas , non dubidedes en escribila nas nosas redes sociais.

3 abr 2017

Reunión do alumnado de 1º de ESO

Chegou o día de falar de Escarlatina e de Ganso Salvaxe ( e de todos os que están con eles) e máis do que lles pasou , do que dixeron , do que pensaban... nas novelas lidas: Escarlatina , a cociñeira defunta  e Bala Perdida; así que o vindeiro martes, 4 de abril, ás 11:15 h. agardámosvos nas aulas Multimedia e Obradoiro para contrastar opinións.
 Vémonos!!

2 abr 2017

Feliz Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen,autor de  famosos contos infantís, por iso  esta foi a data escollida para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano encárgaselle a un autor que escriba a mensaxe conmemorativa e a un ilustrador que cree a imaxe. Este ano o cartel é de Mikhail Fedorov e as palabras foron cosidas por Sergey Makhotin.
Lede  o texto traducido por Sabela González e admirade:

« Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!»

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India