5 abr 2017

Morrer non importa, o que nos preocupa é non morrer

Comezamos a reunión da rapazada de 1º B de ESO preguntando a quen lle gustara moito Escarlatina , a cociñeira defunta e por que. Algún manifestou que o atractivo era que tratase o mundo dos mortos e o curioso aspecto destes según as causas do falecemento. Din que é "emocionante". Outros cualifícano de "interesante" polas receitas que nos ofrece aínda que non lograran poñelas en práctica (a súa nai non quixo aínda facer a   empanada cos mexillóns que tanto lle gustan ao seu avó, nos confesou un).
Despois de escoitar diferentes opinións sobre a lectura, escolleron o seu personaxe favorito que foi maioritariamente Dodoto, o gato de Román aínda que un rapaz elixiu ao avó "porque tiña un cochazo".
Se Escarlatina chegou como regalo para Román no seu 10º aniversario, esta xente pediría xogos para o ordenador, libros, teléfonos móbiles e outras cousas menos "caras" pero máis difíciles de conseguir:"celebrar o cumpreanos só con amigos, sen os pais", "un coxín para durmir na clase" ( aínda que non se pode, por iso o pedirían) ou "no verán, regresar máis tarde á casa".
Gustáronlles os nomes dos personaxes do inframundo.Nas súas familias hai algúns "raros" para el@s porque son " dos de antes" ou "dos modernos de agora". Mencionan: Delmira, Ubaldina, Delfina, Dosinda, Xenxa, Nora, Emegdamar e outros persas ou sudamericanos que citan rapaces desas procedencia. Chamalles   a atención  que teñan nomes compostos como Amancio Maximino Pegerto ou Esther Elisa Elvira.
E se o libro trata o tema da morte , a el@s non lles importa na ficción; pero na vida real, a algúns falar da morte dalles "pena" ou "repelús" mentres que a outr@s non lles preocupa morrer , o que lles "preocupa  é non morrer". E se non morreramos seríamos inmortais. Só cinco persoas quixeran sélo se puideran quedar sempre nos 12 , 18-30 anos. Non se queren ver vell@s e consumidos pola enfermidade ou a dor e non ter fin.
E rematou a reunión falando das mascotas que acompañaban aos protagonistas e das que cada rapaz/rapaza desexaría ter (se restricións de espazo nin de cartos). Queren ter caimáns, pandas, koalas, monos, cans de diferentes razas... Un rapaz mesmo preguntou se podía pedir un velociraptor a pesar de que o seu compañeiro lle advertiu que eses animais o podían "comer".
 Se lestes o libro, se queredes compartir a vosa opinión sobre a morte, a inmortalidade, os nomes, as mascotas ou calquera tema relacionado con esta novela de Ledicia Costas , non dubidedes en escribila nas nosas redes sociais.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India