18 abr 2017

Balas, alcumes e gatos...

Non houbo sorte! Varios alumnos facían un exame de recuperación posto na nosa hora, os restantes non leran o libro...Aínda así, aproveitamos  o feito de que na obra de Rivas apareceran varios alcumes (Tiradentes, Calamidá, Bala perdida...) para falar da frecuencia coa que en Galicia, as familias e tamén as persoas reciben algún tipo de sobrenome ata converterse nun costume identificador do noso pobo.
Os rapaces coñecen varias casas de veciños con alcumes, aínda que non saben cal é a orixe destes; así déixannos algúns coma estes:  a casa do Brillante, a do Chocolateiro, o Taberneiro, os Pollás, os Paneiros...É que os galegos bautizamos case todo para identificalo aínda mellor.
Tamén falamos do nome do barco pirata do libro, "Liberdade", como non podía ser doutro xeito para uns navegantes que surcan os mares sen someterse a ningún tipo de xurisdición máis que a do vento e as súas propias vontades. Non nos puidemos resistir a lembrar a Espronceda e o seu famoso himno á liberdade.
Para rematar, propuxemos como xogo, que adiviñasen o título do próximo libro de lectura: "O meu gato é.........". Completaron a frase, mais non acertaron, porque un gato poeta como o de Fran Alonso non é fácil de atopar, pero nós imos dar con el antes da próxima reunión!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India