24 abr 2017

Ler foi un pracer!!

Fermosa e produtiva reunión de alumnos e alumnas, pais, nais, profesores e profesoras neste Día do Libro para celebralo como se merecía: comentando un que leramos tod@s.
Foi unha xuntanza fantástica na que as mediadoras, practicamente, non tivemos que intervir porque os pais, nais, @s profes, o alumnado tomaba a palabra e formulaba cuestións ou respondía  con dilixencia.
Comezou esta reunión , na que por certo, había máis homes que mulleres ( é de sinalar porque as mulleres son maioría entre o público lector), coa pregunta de que lles parecera Querido hijo: estás despedido, de Jordi Sierra i Fabra. E rompeu a falar unha das rapazas de bacharelato que cualificou a lectura de "sinxelísima de ler"  e á que unha nai preguntou se tamén era doada de entender o que orixinou un interesante diálogo ao repecto.
Houbo máis cuestións ás que @s asistentes respondían con claridade, alegría e humor.
Postos en situación, se lles pasara algo similar ao que lle ocorreu a Miguel , o protagonista do libro, el@s pedirían axuda dentro das propias familias. Algún tío, avó... lles daría o seu aopio, partindo da idea de que os familiares   serían conscientes  e comprenderían tamén a actitude dos pais ( por suposto!!)
Narráronse falcatruadas que nen@s e adult@s fixemos cando eramos máis pequen@s. Por exemplo "tirarlle unha pita aos porcos". Queredes saber cales foron as consecuencias deste feito? Pois , díxonos o rapaz de 1º de ESO, que non pasara nada porque "a galiña salvouse".
El@s sempre contarían a verdade aínda que os feitos foran constitutivos de "delito" , di a grande maioría. Pero, sempre hai un "pero", un dos rapaces di que omitiría algunha información para que o castigo fose menor ou inexistente. 
Castigos sonados que lles poñemos os adultos? O peor para os maiores, de bacharelato, que lles quiten o móbil."A nós non nos importaría en absoluto", dicían os máis pequenos. A outros o castigo que lles poñen é mandalos traballar ( entendemos que é facer traballos de tipo manual pola zona na que estamos). A sorpresa doutr@s queda reflectida na frase:"Só iso!!! Bah!Iso non é nada."
Pódese ou non despedir a un fillo? Que cremos? Algún cre que si - confundindo realidade e ficción- "porque o vello do parque dixo que fora despedido de pequeno, logo se sempre se fixo..." E se tivera razón este rapaz e tivésemos a posibilidade de despedir a alguén, a quen despediría o alumnado? Pois afirman que sería alguén da familia: "o meu irmán que xa ten 24 anos e vai sendo hora de que se emancipe"; "ao meu , que xa ten 18 e xa é hora de que se vaia da casa"...A outro , pola contra, non se lle pasa pola cabeza despedir á súa irmá maior porque lle axuda a estudar e fai por el o que sexa. E @s profesor@s? Non  despediriades a algunha?, preguntei sinalándome. Neste punto propuxeron despedirnos a tod@s. Pero era broma!
Esta historia parece reflectir un plan dos pais de Miguel en colaboración coa policía municipal  e  @s veciñ@s para que o rapaz aprenda a comportarse. E á nosa rapazada con que mentiras @s ameazaban para que tivesen unha boa conduta? Pois hai de todo. A uns con que os Reis Magos ou Papá Noel non lles levarían regalos se facían barrabasadas. A outr@s co lobo o cuns seres -di o rapaz-  imaxinarios chamados "cocóns". Hai quen lle colleu medo ao home do saco  ou ás moscas que o comerían, ou a ser metidos nun armario con ratos, ou con "meterme na secreta" engadiu outro neno. Esta última confesión   resultounos confusa @s adult@s polo que pedimos explicacións e enterámonos de que era unha habitación escura, sen luz que daba medo, pero que nunca chegou a visitar porque foi moi bo.
Rematou esta agradable reunión coa crenza,para os máis d@s asistentes, de que Miguel non se corrixiu, de que seguro que pronto volveu facer sas súas.
Ti que cres?
Nós, de momento , gozamos co que el fixo, co que lle fixeron e co pouso que a lectura deixou en todos nós.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India