18 jun 2015

Valoración da VIII Xornada de Clubs de Lectura

As entradas anteriores reflectiron,sempre dende a miña perspectiva, as actividades e reunións realizadas na VIII Xornada de Clubs de Lectura.Concluído o resumo da mesma, parece que acae unha valoración global. Así que, procedamos.
A cualificación que lle poñería, por falar en termos escolares, é a de sobresaínte. Se ben é certo que teño as miñas preferencias sobre o escoitado e vivido naquel 5 de xuño, tamén direi que o ton xeral estivo nun alto nivel.
Dende a primeira hora da mañá, coas emotivas palabras de Agustín Fernández Paz  , e as tamén emocionantes de Manuel Bragado , ata as derradeiras verbas que  se escoitaron no auditorio que foron as de Celso Emilio Ferreiro  a ritmo de rap con García de Dios ke te  crew  a reunión foi un canto á lectura e unha loa aos lectores .
                             
Polo medio, dous magos da palabra coma César Lorenzo Gil e Miguel Anxo Fernández Fernández   que  marabillaron aos asistentes transmitíndonos   mensaxes  que tiveron a ben compartir connosco.
E , a maiores, entre tantos prestidixitadores da palabra, unha morea de  homes e mulleres que coordinamos os Clubs de Lectura dos diferentes centros  escolares de Galiza  e que tivemos a fantástica ocasión de compartir experiencias  e ideas, unhas veces como relatores e outras como oíntes, pero sempre dende a militancia máis comprometida na defensa da lectura.
É esta convivencia de persoas ben diferentes, de lugares moi distintos e con alumnado tan dispar a que realmente da sentido a xornadas coma esta.Por esta razón é preciso recoñecer o esforzo , o traballo das persoas da Asesoría de Bibliotecas escolares que fixeron posible este evento.Parabéns!
Grazas por  facer que tant@s letraferid@s nos puidésemos encontrar!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India