15 jun 2015

Clubs e Comunidade Educativa


O I.E.S Lama das Quendas de Chantada, estivo presente nesta VIII Xornada  dos Clubs de Lectura porque fun invitada a  falar de Clubs e Comunidade Educativa dentro do título xeral da xornada, que lembramos era Os Clubs na construción da sociedade lectora.
O meu relatorio versou sobre as diferentes actividades que promoven hábitos  lectores e involucran a diferentes membros da Comunidade Educativa.
Con moitos nervios e pouco tempo, dei comezo á miña intervención facendo un repaso pola , aínda breve, historia de A Quenda do Libro e mencionado aos moitos integrantes do Club  que pertencen a sectores diferentes da comunidade educativa e de fóra dela.
Expliquei que os nosos obxectivos son compartir lecturas, promover a imaxe  positiva do hábito lector, dinamizar a biblioteca do centro,e transformar o acto de ler, individual e íntimo , en algo  social nun espazo de convivencia e amizade.
Falamos do xeito no que temos artelladas as reunións e de que queremos que ler sexa contaxioso, queremos que  o contacto duns lectores cos outros provoque o desexo de gozar un anaco entre as páxinas dun libro.
E para iso  deseñamos unha serie de actividades lúdicas e creativas que contribúen a incentivar  a súa curiosidade , o seu sentido crítico e o gusto por ler.
As actividades, que son moitas pero todas realizadas nestes tres anos de andaina,  están agrupadas por temática. Podédelas ver na presentación que vai abaixo, que foi a que fixen no Auditorio da Escola Galega de Administración Pública de Compostela onde se celebraba o evento. Aínda houbo algunhas , das que non teño nin fotografía,  que me esquecín de mentar pola premura de tempo da que vos falei ao comezo.
O que si destaquei é a interesante convivencia entre grupos distintos do club e a reunión conxunta de todas as secións que fixemos o Día do Libro.
Como advertín aos asistentes ao comezar o relatorio, eu fixen un cóctel de actividades a diferenza dos meus compañeiros que falaron so dunha cada un. Quizáis nós, tamén llelo dixen, nun futuro tamén nos especialicemos, pero aínda non sabemos moi ben en que.
Aquí podedes ver , reunido, o que vimos facendo cada semana no club as mediadoras, neste curso empezou a colaborar connosco Paz Fernández, e os moitos membros  que o conforman.
          
Grazas por estar connosco e por ser como sodes.
Este traballo vai adicado a vós,todos e cada un dos que estades no Club facendo que a nosa sociedade sexa máis lectora.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India