4 jun 2017

Engaiolad@s pola narrativa de Carlos Casares

A  tod@s nos encantou O sol do verán. Cremos que é unha fantástica obra literaria na que , con recordos que van e veñen, que se meten uns dentro dos outros, e empregando unha grande técnica narrativa se nos conta unha historia que se a contaramos nós resultaría propia dun folletín.
Gustaronnos varias cousas. Por exemplo, a maneira de describir o escenario, idílico e sensual, no que os nenos e mozos Carlos e Helena gozaron da súa infancia e adolescencia. É unha especie de paraíso terreal no que seguen vivindo como adultos.
Destacamos o hábil xeito de facernos revivir a época da nosa infancia tan chea de sentimentos e aprendizaxes grazas ás lembranzas dunha muller á que lle dá palabras e vida un escritor ourensán.
 E que dicir de como armou a psicoloxía dos personaxes? As reaccións  destes ante os acontecementos  vividos poñen de manifesto a comprensión do ser humano, a serenidade e aceptación sen berros, sen reaccións violentas e desmedidas.
En fin, a lectura desta novela  póstuma de Casares foi unha actividade gratificante, tenra e fluída; desenvolveuse como o curso de auga que trancorre por distintos tramos vitales e remata, trala gran fervenza  que foi a lectura das cartas que gardaba a nai de Helena, na fusión coas augas do mar na desembocadura.
O libro comeza coa narración do suicidio de Carlos. Desde o principio sabemos o que sucedeu ao máis puro estilo de Crónica de una muerte anunciada,  pero necesitamos  adentrarmos no relato máis e máis. Na procura de que? Non buscabamos nada, só nos deixamos levar polas palabras dun mestre da narrativa galega. E ben que desfrutamos. Algúns con grande sorpresa porque non leran nada de Carlos Casares fora dos  artigos periodísticos, no seu momento, e o autor resultou todo un descubrimento.
Queda moito del por ler!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India