
Ás 9:00h xa estaba recollendo a acreditación e lendo o programa de actividades que, coma sempre, se solapan e impiden que asista a moitas delas ( ata que posúa o don da ubicuidade). Falarei daquelas nas que participei.

A continuación, procedeuse á entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2017 a Miguelanxo Prado que, espontáneo e natural coma sempre, agradeceu o premio e reivindicou a necesidade de que a banda deseñada ocupe o seu oco no eido da cultura dun xeito menos casual.
Logo falou o conselleiro pero , como estaba como político, dixo o de sempre.
Na actividade inaugural, Óscar López , director e presentador do programa "Página Dos" da TVE impartiu un orixinal obradoiro para axudar a facer un programa piloto sobre libros e lecturas. Nel participaron uns rapaces e rapazas ademais da escritora Ledicia Costa e a booktuber Violeta Moon. Quedounos claro que tod@s @s lector@s tamén somos quen de prescribir lecturas a outr@s.
Era media mañá cando Inés Miret (consultora especializada en proxectos dixitais de lectura, libro e bibliotecas) iniciou o seu relatorio titulado " Lectores [des ]conectados. Jóvenes,redes, afinidades y libros". Interesante charla que resumiría nunha das frases que pronunciou:"Internet é unha selva amazónica de conversacións sobre libros, moitas delas invisibles para nós".Fagámolas visibles e axudaranos coas nosas lecturas.
Rematou a xornada da mañá con Mercedes Queixas, secretaria da "Asociación de escritoras e escritores en Lingua Galega" quen nos explicou e amosou a cantidade de recursos que a páxina web deste grupo contén e que poden axudar aos lecto@s de literatura galega. Fixo fincapé nos fantásticos paseos literarios que se desenvolven, de cando en vez, nalgunhas cidades galegas.(Chantada aínda é vila).
Eran as 14:15:hora de xantar. Desta volta xantamos no parking do Palacio de Congresos e Exposicións tendo que recoller os alimentos en diferentes camións acampados ao arredor. Baixo un sol de xustiza, co termómetro marcando 35º pero cunha sensación térmica de moitos máis , con longuísimas colas de case unha hora decidín que ese mediodía íame alimentar dun anaquiño de empanada e de "lecturas". (Os meus tiques de comida están case intactos). Moitas outras persoas fixeron o mesmo. De verdade que levo toda esta semana intentando recuperarme do "baixón" dese abafante calor soportado o sábado.
Xa pola tarde, dentro, co aire acondicionado,tras outra actuación de Pista Catro iniciamos un intercambio informal de experiencias entre @s diferentes profesor@s que asistiamos á actividade. Sempre se aprende escoitando aos demais e mesmo xorden ideas novas durante as conversas.

Unha mágoa que interromperan a súa exposición polo tempo esgotado.
O fin de "festa" correu a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Música galega de calidade para seducir @s presentes moitos dos cales se arrancaron a bailar un pasodobre ou unha xota totalmente desinhibid@s. Fermoso colofón.
Como resumo e impresión persoal:interesante xornada da que volvín satisfeita.Boísima organización (agás o xantar), moreas de actividades interesantes e moit@s escritor@s convidad@s para realizar obradoiros... Pagou a pena investir 13 horas do meu sábado ( dende as 7:30 h que saín da casa ata as 20:30 que regresei) para vivir entre libros, lector@s,escritor@s...Estiven no meu hábitat.
Parabéns á Asesoría de Bibliotecas polo enorme esforzo para organizar este evento.
0 comentarios:
Publicar un comentario