8 abr 2014

Hoxe todos fomos Abdel

       Ola a tod@s!
       A rapazada de 1º B de E.S.O.  chegou hoxe á Aula Multimedia un chisco famenta e con sabor amargo no padal (en sentido literal e figurado). Pero  axiña matamos a fame e trocamos o amargor pola sensación doce de quen entende o que pasou e está disposto a cambialo.
      A sensación de impotencia ao ver como un rapaz dos seus anos pode pasar por situacións tan duras , tan difíciles e graves era a que traían no peto mais , despois de debullar o contido da lectura, puxéronse as cousas no seu lugar  e xa saíron con outras sensacións.
      O libro de Enrique Páez gustou moito por varias razóns a máis poderosa foi porque durante unhas cantas páxinas non puideron evitar a comparación entre a súa vida e a de Abdel .Desta comparanza saían claramente beneficiados estes nosos rapaces. Pero tamén lles permitiu poñerse no lugar do outro e valorar culturas diferentes, etnias diferentes; analizar os comportamentos pouco axeitados de certos individuos sen escrúpulos que son quen de utilizar a un neno para  o seu beneficio; valorar moi positivamente os efectos da amizade que non entende de raza, relixión, nacionalidade ...
       Cren na súa maioría que  os españois  lle temos certo medo  aos estraños e procuramos evitalos e mesmo desconfiamos deles  aínda que pouco a pouco a diversidade e mestura de  persoas de todo tipo non vai facendo cambiar.
      Falamos  moito e ben e  no aire quedou flotando ese paradoxo  que vai en contra de todo o sentido común dos dezasete alumn@s asistentes: por que Abdel tiña tanto interese en asistir á escola? Cústalles entendelo. Co ben que estamos de vacacións!
       Velaí  algunha das fotos que din quitado.

Unha das rapazas durante a súa intervención
Os asistentes á reunión

       Grazas rapaciñ@s, vémonos á volta das vacacións.
     
       Bo descanso e boas lecturas.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India