11 feb 2014

Cos de 1º A "andamos" polo Sahara

       Ola a tod@s!
       Hoxe ,tivemos a reunión coa rapazada de 1º A de E.S.O. e tras múltiples problemas técnicos e despois de cambiar mesmo de ubicación ,rematamos na  Aula Multimedia pero usando a metodoloxía de toda a vida: mapas, libros e oralidade. Parece que ,dadas as dificultades dos saharauís, os fados quixeron que probásemos a traballar doutro xeito,un pouco máis  parecido a como traballan eles.E aínda así con moitos máis medios e en mellores condicións.

        Como imos ler  Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure probamos a anticiparnos ao que nos agardaba no libro, facer as nosas especulacións. Despois, situamos ao Sahara Occidental no mapa do mundo e fixemos un breve percorrido pola súa historia e a súa loita de tantos anos . Posteriormente, procuramos verbalizar as condicións de vida nas que se desenvolven día a día estes homes, mulleres e nenos nun medio tan hostil. Finalmente  lembramos (algúns  non coñecían ningún caso en Chantada, a pesar de ter existido)  a eses rapaces e rapazas que cada verán chegan a diferentes concellos da xeografía galega( e española)  para convivir durante un par de meses con familias que os acollen para posibilitar a  realización de recoñecementos médicos e tratamentos que resultan imposibles de realizar nos campamentos de refuxiados, proporcionarlles un equilibrio nutricional que lles permita recuperar os niveis de nutrientes precisos e  tamén darlles unha saída as duras condicións dos meses de verán nos que as temperaturas poden alcanzar os 50 graos centígrados.
       Para os que estivestes na reunión, déixovos unha fotografía dun campo de refuxiados que podería ser no que vivían Kori e Caramelo , os protagonistas do libro que saborearemos estes días.



       E para tod@s deixo fotografías dos asistentes á reunión.




         Pasou deseguida o tempo do que dispoñíamos e marchamos a outras actividades desexando ter rematado o libro para comentalo.

       Grazas aos vintecatro rapaces e rapazas que encheron a Aula Multimedia ávidos de información.
        Aburiño!!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India