27 may 2015

Progresa axeitadamente


As caras  reflicten o estado de ánimo  e o carácter das rapazas e rapaces que están na fotografía. Son alegres, simpáticos, participativos, xenerosos, críticos...

E todas as persoas que non podedes ver na fotografía son iguais.

E con esas caras, e outras similares,o pasado martes , xuntámonos para  analizar a marcha do club de lectura neste curso que case se nos vai.

Pedímoslles que nos falaran do  que lles gustou ( para non cambialo)  e o que cren que podiamos cambiar para mellorar.
Como actividades que desexan conservar destacaron a reunión conxunta de todos os sectores do club para comentar unha lectura común. Lembraban os seus desexos de coñecer a perspectiva dos pais , as opinións do profesorado con relación ao lido e o alto grao de satisfacción acadado despois do faladoiro. Sinalamos esta porque foi novidosa este curso.Obviamente as viaxes culturais coa Quenda e a festa de fin de curso tampouco queren que desaparezan.
Manterían  todo o demais tamén pero , agora viría o malo que é bo porque pretende corrixir e mellorar o funcionamento do club, introducirían algúns cambios. Por exemplo eles tamén se queixan do pouco tempo do que dispomos.Barallamos  opcións  mais  ao tratarse dun centro onde a maioría do alumnado é transportado temos problemas para facer as reunións polas tardes.Pode que consensuemos  algunhas reunións vespertinas no 2015-2016.
Sobre o xeito de publicitar os días de reunión , confesaron que , con excesiva frecuencia, non len os carteis nin consultan o blog nin as redes sociais polo que ás veces se enteran o propio día da reunión.Neste intre unha alumna propuxo que as anotásemos no calendario de exames que tod@s teñen no taboleiro da clase, ese que si consultan con asiduidade.E tod@s consideramos que foi unha suxestión interesante. Probaremos .
Pola nosa parte ,as mediadoras  manifestamos que no vindeiro curso temos que artellar unha maneira máis operativa  de circulación dos exemplares de lectura entre o alumnado.Xa matinaremos.
Lembrámoslles que no verán é agradable ter un libro a man e que o poden levar da biblioteca.
Todos e todas quedamos en anotar aqueles  que leamos nas vacacións e que nos parezan interesantes para propoñer como lecturas  no próximo curso.
Rematada  a sesión de valoración , @s asistentes concordamos : que pena que remate "o club" por este curso ...menos mal que veñen as vacacións!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India