
Aínda que imos ler a novela de Agustín Fernández Paz, a ambientación de hoxe non era a máis axeitada para o terror, porque o 14 de febreiro celébrase San Valentín, e as cabezas dos nosos adolescentes pensaban noutra clase de cartas ou, no seu caso, de mensaxes. Coa música e algunhas imaxes do filme dos 70 «Love story» como fondo, falamos da beleza e da necesidade humana de amar e pensamos en escribir algo sobre o amor. A verdade é que quedaban moi pensativ@s, finalmente,entre risos e algunha meixela colorada recollemos mensaxes como estas: « Amar é sentir que se dividen as túas preocupacións e se multiplican as túas alegrías»; «Quédate con quen te faga sentir que ti non es difícil de amar»; tamén houbo quen expresou o amor nun pequeno poema:

«Quero mirar cos teus ollos
quero sentir coa túa pel,
quero chorar a túa dor,
quero sentir o teu corazón».
Non faltou quen copiou a frase célebre da película, a que escollemos como parte do título da reunión de hoxe. Agora só nos falta coller un pano para as bágoas, antes de ver o filme enteiro, logo , entre as mantas, en silencio , tremeremos coa lectura das inquedantes «Cartas de inverno».
Enviar por correo electrónico
Escribe un blog
Compartir con Facebook
0 comentarios:
Publicar un comentario