7 mar 2015

Máis interesante que entretido

Quizás esa sexa a frase que resume as opinións do profesorado asistente á reunión do Club de Lectura  no que comentamos El Juego de Ender de Orson Scott.
A compañeira que propuxera o libro , unha namorada da ciencia-ficción , foi quen realmente levou  coordinación da sesión que comezou cos comentarios de que  tiña un  final ben orixinal que moitos precisamos reler para entender mellor.
Á maioría cústanos imaxinar a sala  na que suceden, na nosa opinión, demasiadas batallas.Nela Ender prepárase sen descanso para unha guerra contra os insectores que van ser  aniquilados  grazas a el e a súa cualidade innata ,que na escola se encargan de fomentar e potenciar.
Pobre Ender! Está so, nun medio hostil e debe actuar sempre despois dunha análise, dunha observación e en función dos medios dos que dispón.E sempre  morriñento se pensa na súa irmá,unha das poucas mulleres que aparecen na novela xunto coa súa nai ( que ten presenza case testemuñal) e con Petra, unha compañeira da escola que resulta ser a que protagoniza a única misión fallida.
A pesar de ser unha novela publicada no 1985 observamos nela situacións que semellan ser precursoras  da época actual.Por exemplo a maneira de comunicarse podería ser un anticipo de facebook ou twitter; as simulacións por ordenador son moi empregadas hoxe na Fórmula 1 ou na pilotaxe dos avións; a creación de correntes de opinión desenvolvidas por Valentina e Peter non teñen nada que envexarlle ás que hoxe espallan os partidos políticos ou empresas periodísticas; e non esquezamos a política sobre fillos que nos transporta á China actual ou eso de "inventarse" un enimigo para non "matarnos" entre nós...
Salientamos que o personaxe que resultou máis atraínte foi Peter por ese lado escuro que provoca certo desexo de analizalo con detemento.
Decatámonos de que nesta novela son os maiores os que precisan aos nenos que, se ben non teñen experiencia, resultan uns seres maleables e susceptibles de converterense en salvadores do mundo se se preparan adecuadamente. Por iso debatemos e concordamos en que a educación modifica ás persoas e falamos de  exemplos que nos permitían aceptar como absolutamente válida esa premisa.
En defensa deste tipo de novelas, lanzouse a afirmación  de que a ciencia-ficción narra feitos que non existen, que resultan inverosímiles mesmo polas digresións espacio-temporais   pero non por iso deixa de ser boa literatura, polo menos algunhas obras.
Para rematar , animóusenos ,a estas persoas que somos menos proclives, a ler a segunda parte da novela de Scott que incumple aquilo de que "nunca segundas partes foron boas" porque é mellor.









0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India