15 dic 2012
Aos pais e nais gustoulles O Principiño
Foi o xoves,13 de decembro.Chovía a mares.Eran case as 17:30 h pero parecía noite pecha e eu , como coordinadora do Club A Quenda do Libro agardaba con ansia que chegara o momento da reunión de pais por dúas razóns diferentes.
A primeira por saber se acudirían en bo número, como ocorrera na primeira reunión, ou xa cansaran .A segunda por ver as sensacións que O Principiño puidera espertar neles e as opinións que del tiñan.
A arela trocou en ledicia segundo ían aparecendo pais e nais pola porta da Biblioteca e converteuse en delicia cando comezaron as manifestacións do que O Principiño lles dixo a cada un.
Esa tarde uníronse ao grupo dúas nais máis que non puideran estar na xuntanza anterior e tivemos outro cativiño que aguantou ,estoicamente sentado, a conversa de moitos maiores falando dun libro!!!
Para eses pais e nais que vivistes a sesión do xoves: Grazas por serdes así, por estar comprometidos no proxecto e por ser xenerosos cos vosos comentarios compartíndoos con todos os demais.
Alí pasamos a sesión falando da simplicidade dos vaidosos que so ven admiradores nos demais; dos "reis" que simplifican o mundo considerando súbditos a todos os homes e dos homes de negocios que se lles parecen porque posúen o que os reis gobernan;de que o traballo é bo se é útil, como o do faroleiro; da importancia dos ritos; dos vencellos que se crean cando se "domestica" a alguén...
Alguén comentou que botou un anaco pensando en cales eran os seus baobabs ( léase problemas) que poden destruír o "seu planeta".Outra persoa estaba abraiada da claridade de ideas do Principiño.E, unha terceira falaba da verdade que se agacha na seguinte cita: " soamente se lle pode pedir a un o que pode dar" ou nesta outra"soamente se ve co corazón ,o esencial é invisible aos ollos".
Paseniño , paseniño alí xurdiron variados comentarios sobre as pasaxes do libro que a cada quen lle gustaron máis e tod@s ponderamos a valía desta obra de Antoine de Saint-Exupèry que sendo de mediados do século XX podemos aplicar á sociedade actual.
Ao final , como ao principio, manifestamos ben alto e forte que O Principiño non é un libro de pequenos.O que tampouco significa que non o poidan ler os máis novos.
A min, prezados pais e nais, pásame como ao Principiño coa rosa ,salvando as distancias, porque o tempo que pasei convosco fai que a miña tarefa sexa importante.
Foi un verdadeiro pracer que agardo volver gozar na vindeira reunión de febreiro do ano que vén para opinar sobre Ollos de Auga / Ojos de Agua primeiro libro protagonizado por Leo Caldas e escrito polo autor galego Domingo Villar .
Como quedei déixovos o enlace para a película de El Principito .
Boas festas e boas lecturas!!!
0 comentarios:
Publicar un comentario