Fermosos relatos

Cales? Os que contén Funambulistas, o libro de Mercedes Leobalde.Quen o cre? O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato que pertence ao Club de Lectura e así nolo manifestou hoxe nunha das reunións máis atípicas da existencia deste grupo de lectura. Por que? Porque unhas acudiron , tarde, pero chegaron á Aula Multimedia. Outr@s estaban xa agardando polo sitio no Salón de Actos  onde Elena Gallego, a creadora de Dragal, estaba a preparar o material para o encontro posterior, e alí nos abordaron. E aínda houbo quen nos corredores explicou sucintamente o que opinaba da obra leída. Non desexábamos nada máis. E quedamos citad@s para o 2 de maio , data na que, xa vos anticipamos, nos visitará Mercedes Leobalde e con ela teremos tempo de falar dos seus relatos e das nosas opinións.
Si tivemos tempo de presentar a nova lectura, que sempre é poesía no terceiro trimestre.Nesta ocasión leremos O cuarto das abellas de  Antía Otero.

Balas, alcumes e gatos...

Non houbo sorte! Varios alumnos facían un exame de recuperación posto na nosa hora, os restantes non leran o libro...Aínda así, aproveitamos  o feito de que na obra de Rivas apareceran varios alcumes (Tiradentes, Calamidá, Bala perdida...) para falar da frecuencia coa que en Galicia, as familias e tamén as persoas reciben algún tipo de sobrenome ata converterse nun costume identificador do noso pobo.
Os rapaces coñecen varias casas de veciños con alcumes, aínda que non saben cal é a orixe destes; así déixannos algúns coma estes:  a casa do Brillante, a do Chocolateiro, o Taberneiro, os Pollás, os Paneiros...É que os galegos bautizamos case todo para identificalo aínda mellor.
Tamén falamos do nome do barco pirata do libro, "Liberdade", como non podía ser doutro xeito para uns navegantes que surcan os mares sen someterse a ningún tipo de xurisdición máis que a do vento e as súas propias vontades. Non nos puidemos resistir a lembrar a Espronceda e o seu famoso himno á liberdade.
Para rematar, propuxemos como xogo, que adiviñasen o título do próximo libro de lectura: "O meu gato é.........". Completaron a frase, mais non acertaron, porque un gato poeta como o de Fran Alonso non é fácil de atopar, pero nós imos dar con el antes da próxima reunión!

Encontro coa autora Elena Gallego

O martes,18 de abril , terá lugar no  Salón de Actos do noso instituto un encontro d@s lector@s con Elena Gallego que define a súa traxectoria  chamándose "periodista en tempos de crise e domadora de dragóns en mundos literarios".
Nesta ocasión será o alumnado de 2º e 3º de ESO, que leron Dragal I e Dragal  II , e algúns alumnos de 1º de Bacharelato que leron Sete caveiras  os que terán a posibilidade de escoitar as palabras desta autora que admiran.
O encontro  , por xentileza da editorial  Anaya-Xerais , producirase ás 11:45 h.
Será esta a primeira das tres visitas de autores coas que contamos neste curso e das que vos iremos informando.

Reunión do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato


Mañá martes, ás 11:15 h. xuntarémonos coa rapazada de 1º e 2º de bacharelato. 
Celebraremos a reunión , coma sempre, na Aula Multimedia.
Falaremos do que xa lemos  e das próximas lecturas.
Agardámosvos!!

Morrer non importa, o que nos preocupa é non morrer

Comezamos a reunión da rapazada de 1º B de ESO preguntando a quen lle gustara moito Escarlatina , a cociñeira defunta e por que. Algún manifestou que o atractivo era que tratase o mundo dos mortos e o curioso aspecto destes según as causas do falecemento. Din que é "emocionante". Outros cualifícano de "interesante" polas receitas que nos ofrece aínda que non lograran poñelas en práctica (a súa nai non quixo aínda facer a   empanada cos mexillóns que tanto lle gustan ao seu avó, nos confesou un).
Despois de escoitar diferentes opinións sobre a lectura, escolleron o seu personaxe favorito que foi maioritariamente Dodoto, o gato de Román aínda que un rapaz elixiu ao avó "porque tiña un cochazo".
Se Escarlatina chegou como regalo para Román no seu 10º aniversario, esta xente pediría xogos para o ordenador, libros, teléfonos móbiles e outras cousas menos "caras" pero máis difíciles de conseguir:"celebrar o cumpreanos só con amigos, sen os pais", "un coxín para durmir na clase" ( aínda que non se pode, por iso o pedirían) ou "no verán, regresar máis tarde á casa".
Gustáronlles os nomes dos personaxes do inframundo.Nas súas familias hai algúns "raros" para el@s porque son " dos de antes" ou "dos modernos de agora". Mencionan: Delmira, Ubaldina, Delfina, Dosinda, Xenxa, Nora, Emegdamar e outros persas ou sudamericanos que citan rapaces desas procedencia. Chamalles   a atención  que teñan nomes compostos como Amancio Maximino Pegerto ou Esther Elisa Elvira.
E se o libro trata o tema da morte , a el@s non lles importa na ficción; pero na vida real, a algúns falar da morte dalles "pena" ou "repelús" mentres que a outr@s non lles preocupa morrer , o que lles "preocupa  é non morrer". E se non morreramos seríamos inmortais. Só cinco persoas quixeran sélo se puideran quedar sempre nos 12 , 18-30 anos. Non se queren ver vell@s e consumidos pola enfermidade ou a dor e non ter fin.
E rematou a reunión falando das mascotas que acompañaban aos protagonistas e das que cada rapaz/rapaza desexaría ter (se restricións de espazo nin de cartos). Queren ter caimáns, pandas, koalas, monos, cans de diferentes razas... Un rapaz mesmo preguntou se podía pedir un velociraptor a pesar de que o seu compañeiro lle advertiu que eses animais o podían "comer".
 Se lestes o libro, se queredes compartir a vosa opinión sobre a morte, a inmortalidade, os nomes, as mascotas ou calquera tema relacionado con esta novela de Ledicia Costas , non dubidedes en escribila nas nosas redes sociais.

Reunión do alumnado de 1º de ESO

Chegou o día de falar de Escarlatina e de Ganso Salvaxe ( e de todos os que están con eles) e máis do que lles pasou , do que dixeron , do que pensaban... nas novelas lidas: Escarlatina , a cociñeira defunta  e Bala Perdida; así que o vindeiro martes, 4 de abril, ás 11:15 h. agardámosvos nas aulas Multimedia e Obradoiro para contrastar opinións.
 Vémonos!!

Feliz Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen,autor de  famosos contos infantís, por iso  esta foi a data escollida para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano encárgaselle a un autor que escriba a mensaxe conmemorativa e a un ilustrador que cree a imaxe. Este ano o cartel é de Mikhail Fedorov e as palabras foron cosidas por Sergey Makhotin.
Lede  o texto traducido por Sabela González e admirade:

« Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase.

De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo.

Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación.

Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo.

Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño.

Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer.

E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!»

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India