16 dic 2013

O faladoiro d@s profes

       O venres,11, na hora do recreo xuntámonos un grupo de profes dispostos a darlle outra volta  ao torniquete ao libro de Henry James do mesmo título.
     Para tod@s un libro "raro".Para os que estabamos e para os que ,por  deberes inexcusables, non puideron asistir á reunión pero cos que tamén fixemos comentarios nos periodos de lecer ou por teléfono.(Isto de comentar lecturas é un vicio! )
     Tivemos en conta a época na que o libro se escribiu e o lugar, a Inglaterra victoriana e os tópicos que  emprega o autor (por exemplo, manuscrito  no que a institutriz narra o que aconteceu en primeira persoa e chega ás mans dun personaxe , Douglas, que nos anticipa que imos ler unha  historia ben tenebrosa.) 
       Mencionamos que esta lectura nos lembra películas coma Los Otros de Amenábar ( dise que se inspirou nesta obra) e somos conscientes de que hai un par de películas tituladas coma o libro pero que ninguén de nós viu ( nesta ocasión) porque non deixan de ser, cremos,versións do director/guionista do film  e o libro mantén tanto o suspense que... so serían unha interpretación máis.
        E tras estas, digamos certezas, todo o demais foron interrogantes que fomos lanzando ao aire e que , fala falando, intentamos aclarar.
       Chamadenos o que queirades pero para nós  aparece de fondo o grave delito dos abusos sexuais que parece sufriría Miles por parte de Quint y, quizás , da señorita Jessel. O asunto da homosexualidade  ( que nos lembraba a El retrato de Dorian Gray) tamén se pode intuir.
        Chegamos, algúns, a dubidar quen está vivo e quen non.Debatimos sobre o poder que exercían "os mortos" sobre os rapaces.Preguntámonos que saberían realmente cada un dos personaxes da novela.Sorprendémonos pola actitude do tío de Miles e Flora.Recoñecemos a estes dous irmáns coma instrumentos diabólicos manexados polos defuntos Quint e a súa amante .Angustiámonos ás veces polo terror psicolóxico ao que nos someteu o autor.Enfadámonos nalgúns fragmentos pola dificultade na lectura ao insertar pensamentos no medio dos diálogos.Aledámonos cando a institutriz alonxa da casa a Flora coa Sra Grose  e se interpón entre a pantasma de Quint e Miles. E, finalmente , concluimos que ese final aberto no que descoñecemos realmente que foi de Flora e da propia institutriz , e outros varios detalles nos deixa intrigados e elucubrando.
       Foi interesante esta sesión porque como tod@s tiñamos moitas dúbidas,diferentes interpretacións... tod@s tivemos algo que dicir.
       E así, con bo sabor de boca, chegou o timbre a traernos a crúa realidade e cada quen marchou ás súas tarefas.

      Nós, facendo honra ao título lido, tamén procuramos axustar un pouco máis a torniqueta coa análise feita.
       Ata á próxima reunión.
       Boas lecturas!
 

    
        











0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India