11 may 2017

Os poemas viaxan dende a Carballeira ás casas do alumnado

Temos unha fermosa Carballeira ( para nós nome propio) no patio do noso centro e non nos resistimos a utilizala como aula para o club de lectura no bo tempo. Así que o pasado martes tamén sacamos a poesía ao exterior e fixemos unha festa poética co alumnado de 3º A e B de ESO.
Chegaban e ían lendo os poemas que había no tendal.E falaban entre eles:«Mira este! Le! » dicíanse uns @s outr@s.
E cando xa os tiñan lidos e feitos os comentarios, concluiron que eran poemas de amor (aínda que non tod@s estaban de acordo ao principio). E como o poemario de Raúl Vacas se titula Consumir preferentemente ,apostilaron : «claro, son de amor porque se o amor non se coida e non se alimenta, consúmese ».
Logo escolleron cadanseu poema que leron publicamente dun xeito ordenado ( ao noso xeito) polas cores dos folios porque tiveramos a precaución de escribir cada poesía nunha cor diferente segundo o tema tratado fose a felicidade do enamoramento, o olvido, as promesas á persoa escollida para que volva contigo, a distracción para non pensar no rexeitamento da persoa amada, a desesperación por non atopar o amor correspondido ou a morte como pretexto.E é que o libro é unha alegoría dunha historia amorosa.
Rematamos a lectura ao tempo que o timbre nos mandaba volver ás clases coas materias reguladas, pero algunhas persoas demoraronse para rebuscar, e levarse os poemas que lles gustaron especialmente.
Hoxe a poesía foi dende a nosa Carballeira para as casas.Felices ían poemas e rapaces. Boa viaxe!!Boas lecturas!!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India