8 jun 2014

VII Xornadas dos Clubs de Lectura

       Ola a tod@s!
     O pasado 6 de xuño celebráronse en Compostela as VII Xornadas dos Clubs de Lectura ás que asistín en calidade de coordinadora de A Quenda do Libro e das que vos quero dar conta porque  creo que é interesante que  tod@s @s integrantes dos diferentes grupos do noso club teñades cumprida información de todo o relacionado cos Clubs de Lectura.
     Trala recollida de documentación e control de sinaturas ( todo moi controladiño porque tivemos que pasar a comprobación da asistencia catro veces no día, sen saír das dependencias da EGAP  porque mesmo xantamos alí),as VII Xornadas comezaron ás 10:00 coa conferencia titulada " Os mediadores e a soidade do lector" impartida por Luis González Martín , Director Xeral Adxunto da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Interesante conferencia dun home que sabe do que fala e que valora moito as conversas sobre os libros lidos e traballa para que os lectores en soporte papel ou soporte dixital  creen os seus propios textos sobre as súas lecturas e os compartan. No trancurso do seu relatorio  pronunciou unha frase que me gustou moito: " A lectura  é un amuleto contra a vida  non interesante". Non digo máis nada.
     Ás 12:00 foron compàñeiras doutros institutos as que contaron a tódol@s asistentes as súas experiencias persoais. Baixo o título xenérico de " Unha visión sobre as lectoras e os lectores dos clubs de lectura e o papel da persoa mediadora" cada una das catro relatoras   achegáronnos os diferentes pareceres sobre o perfil dos lectores e das lectoras ,a súa evolución, as competencias que desenvolven, o seu papel no I.E.S. a prol  da lectura e a visión que se ten da persoa mediadora nestes grupos de lectura.Sempre se aprenden cousas escoitando a quen con tanto amor pola lectura e polos rapaces  nos ofrece  a súa práctica diaria.
    Xa pola tarde, ás 16:00h , asistimos a reunións  estructuradas en eixos temáticos segundo o interese dos asistentes. A min, entre as catro posibilidades ofertadas, cativoume a titulada" Clubs de elctura  e xéneros literarios". Desta volta atinei na elección  porque saín satisfeita do que alí abrollou e  pode que dalgunhas experiencias, tiremos partido o vindeiro curso.
     Se comezamos a mañá coa "soidade do lector", rematamos a xornada co relatorio de Pedro Feijoo titulado" A soas cos lectores,esa pequena maioría".Este autor, do que temos libros na biblioteca, é un crack da palabra. Non tomei nin unha nota durante toda a conferencia. Non porque non dixese nada importante  senón porque é un home tan normal, tan hábil empregando a palabra que te engaiola.Falou moito e dixo ben. 
       Como vós non tivestes o pracer de compartir  a xornada completa con el , porque alí estivo dende ás 9:30h coma nós para recoller documentación e presenciar todas as conferencias ata as 20:00h que rematou todo, anímovos a que o leades. 
      
    

       As VII Xornadas dos Clubs de Lectura podían rematar así, pero aínda quixeron que a música e a palabra xuntasen na actuación de  Paco Nogueiras  que puxo fin a esta reunión de mediadores e mediadoras  que   poñen, que poñemos, o amor polos libros e polos lectores ao servizo dos diferentes compoñentes  dos clubs de lectura.
       Rematada  a experiencia en Compostela, aínda había que chegar á casa , pero a viaxe fíxose curta porque traía , trouxen, unha morea de ideas que outr@s me prestaron ou que  agromaron na miña mente  a raíz destas xornadas.
       Pois, isto foi todo amig@s!
       Aburiño!
     

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India