4 mar 2013

Os pais e nais comentan Ollos de auga

          


          A tarde do  pasado xoves, 28 de febreiro,a Biblioteca do Lama das Quendas   recibiu ao grupo de pais e nais ( algúns dos cales podedes ver na foto)  que acodían para comentar  a primeira novela de Domingo Villar Ollos de Auga.

            Era un autor que non coñecían  e  atopamos unha pequena dificultade ao comezo porque algúns dos asistentes non len en galego , ben porque non son nativos da terra , ben porque  non foron escolarizados en galego. Así que  andamos á procura do texto en castelán máis non  fomos quen de atopar os exemplares suficientes para os dezasete membros do clube. Logo , agás unha nai, tod@s lemos en galego. E a experiencia foi fantástica  porque se decataron da facilidade do texto  e  , adiantando acontecementos, gustoulles tanto  a lectura recomendada que  moitos  leron tamén  a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados que aínda lles gustou máis.

      A reunión deu para comentar que se teñen rido con ganas coas dificultades de Estévez, o policía maño que non da entendido a idiosincrasia galega. Certamente  saen varios tópicos sobre Galicia e os galegos, pero é que somos así, é que temos unhas paisaxes e uns productos  que ben coñecen os de fora por iso nos visitan tanto. 

          Todos os personaxes que aparecen no libro, agás  Rafael Estévez, están caracterizados coma galegos e a moita honra.Lonxe de ser algo negativo consideramos un valor a nosa insistencia, a nosa retranca, a  nosa desconfianza...

          O estereotipo de inspector acompañado dun policía mangallón, bruto e que se laia seguido é moi de película americana pero gustounos.E aledámonos de que Leo Caldas  non desaparecese e continuase o seu "traballo" en A praia dos afogados  e debecemos por poder ter nas nosas mans a terceira entrega  que , agardamos ,definitivamente se  publique na primavera.

          Como remate  barallamos distintas posibilidades de lecturas para a seguinte  "tarefa" .É de destacar que "os meus pais e nais "   fan coma os rapaces do instituto : len o que lles mandan pero a maiores outras lecturas que teñen programadas segundo a súa biblioteca ou segundo gustos.

           Acordamos  ler La sonrisa etrusca  de José Luis Sampedro e quedamos citados.

          So me resta agradecer a presenza dos membros do clube , invitar aos que  queiran  a que se incorporen ,e desexarvos boas lecturas.


          Aburiño!!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India