6 abr 2018



Dous libros de temáticas moi diferentes foron os protagonistas da charla que tivemos no club de nais, pais e amigxs. Por unha banda, o conxunto de relatos de “Da fría e distante Estrela Polar” de Tomás González Ahola, relatos que aparentemente pouco teñen que ver entre si, mais que segundo van avanzando aparece un misterioso fío condutor, un misterioso, arrepiante, sanguento fío condutor que se vai facendo máis presente, máis denso, máis agónico, máis… e ate aí podemos ler sen desvelar nada. Acudiu á conversa sobor o libro, cecais inevitabelmente, a obra de H. P. Lovecraft (Tomás González Ahola é o seu tradutor ao galego) e o mito de Cthulu. Por aí poida que vaian os tiros… Ben, como o 15 de maio vai vir ao instituto, poderemos preguntarllo!

O outro libro, “Patria” de Fernando Aramburu, un libro que a través da historia de dúas familias cunha longa amizade (dende rapaces) rómpese por mor do conflito euskaldún e ETA. Un libro longo, que nun comezo parecía complexo de ler, mais que grazas a unha estrutura de moitos capítulos curtos e hábiles encadeamentos de lembranzas, idas e voltas polo tempo e unha narración clara e directa, fai que pouco a pouco vaia enganchando. Un tema complexo, e cecais levado ao seu límite ao amosárense múltiples puntos de vista en personaxes e accións ben deseñadas (as personaxes femininas son probabelmente as máis interesantes), aínda que cecais algo estereotipadas… Mais un achegamento necesario segundo o que se foi falando durante a reunión, que faría falta facer máis con determinados episodios da historia da España máis recente, ou da non tan recente…

Próximas paradas, “Por que as sombras non teñen ollos” de Luis Manuel García Mañá e “O alquimista” de Paulo Coelho.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India